Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Capercaillie
Hai uns días actuou na Coruña o grupo escocés Capercaillie, un dos máis míticos das últimas décadas da música celta, e que aínda segue en activo, daqueles que triunfaba nos gloriosos 90.

Precisamente estaban na xira do seu XXX Aniversario, ou algo así. Algún achegado, que os vira varias veces nos últimos tempos, díxome que xa non tiñan a forza de antes, que ían algo vellos. Eu xa había como uns 15 anos (ou máis) que non os veía en directo, e sospeitaba que podía ser certo.

Pero o caso é que me gustaron bastante. Vinos en bastante boa forma, tocaron algunhas cancións antigas que recoñecín (aínda que non son un experto coñecedor da súa discografía) e outras novas que non desentonabas demasiado.

Como curiosidade, tocaron unha peza que non creo que teñan no seu repertorio habitual, pero que si tocaron na Coruña, porque ten unha vinculación con esta cidade. A canción titúlase An Eala Bhàn (en inglés "The White Swan"). Foi composta durante a I Guerra Mundial por un canteiro escocés chamado Dòmhnall Ruadh Chorùna. Segundo as lendas da súa familia, unha bisavoa súa foi a que lle deu o último grolo a Sir John Moore despois da Batalla de Elviña, e por iso a súa familia leva ese sobrenome. Curiosa historia.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-10-2017 00:16
# Ligazón permanente a este artigo
Teresa Moure falando sobre Lenin
Hai unhas semanas, comezou na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña unha actividade que me parece moi interesante, porque levo todo o ano buscando información sobre a mesma.

Non sei se podo considerarme a min mesmo como moi comunista, pero está claro que a Revolución Rusa de 1917, que seguiu a outras que xa se fixeran por alí uns anos antes, foi un antes e un despois na historia do mundo. E tiña ganas de saber algo máis do tema, agora que se cumpren 100 anos.

Ademais de mercar este verán un libro sobre o tema que espero ler no Nadal, tamén estou atopándome con reportaxes especiais nalgúns xornais e revistas dos que eu leo, que non son demasiado conservadores, obviamente.

Pero a noticia de que nesta entidade tan cercana a min comezaba un ciclo de seis conferencias sobre o tema ilusionoume de xeito especial.

Asistín o outro día á primeira das charlas, que a daba Teresa Moure, co título de "E sería Lenin leninista?".

Teño oído falar moi ben dela, teño pendentes de ler e conseguir algunhas novelas dela das que me falaron marabillas, e tamén oíra que era unha grande oradora e conferenciante.

E non podo facer máis que corroboralo. A charla que deu o outro día estivo moi ben, era moi intesante, caín subiugado pola súa cadencia ao falar, e non podo negar que marchei encantado da súa charla.

Xa non sei se podo dicir o mesmo de parte do público. Por que? Porque é relativamente habitual que en charlas deste tipo ou tema haxa moitos tipos (sobre todo homes, claro) moi sesudos e intelectuais, que lles gusta moito escoitarse, e que aproveitan o coloquio posterior para soltar as súas peroratas que non interesan a case ninguén, para facer intervencións nas que simplemente queren ser escoitados, pero non preguntan nada para que o coloquio avance, que louvan á conferenciante simplemente repetindo algunhas das cousas que ela dixo, etc. E resultan tremendamente aburridos. Pero que lle imos facer!!! O importante é a calidade dos conferenciantes, e neste caso non hai a máis mínima queixa.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-10-2017 23:32
# Ligazón permanente a este artigo
Goldi libre
Hai unhas semanas achegueime ao Fórum Metropolitanto da Coruña para ver a obra "Goldi libre", de Chévere, que me atraía por varias razóns.

Por unha banda, eu fun obxector de conciencia, moi discreto e pacífico, pero está claro que tratar o tema de insumisión me parecía moi interesante.

En segundo lugar, que a obra fora interpretada por un bo actor como César Martínez "Goldi", e contando en primeira persoa a súa experiencia como insumiso, dáballe moito lustre.

E por último, que todo viñera amparado por Chévere e a súa nova factoría de obras, chamada A Berberecheira, era unha garantía máis.

Finalmente a obra estivo ben, simplemente, con momentos fantásticos e con outros algo ou bastante máis monótonos. Tristemente non conseguiron manter un nivel máis ou menos uniforme.

Dende logo, cando Goldi explica que un dos seus momentos álxidos no mundo da insumisión (ademais de estar no cárcere, claro) foi cando conseguiu, na asemblea local de Santiago, poñer de acordo a todo o mundo coas diferentes opcións lingüísticas e gráficas (lusistas, reintegracionistas, de mínimos, normativistas, nacionalistas, etc.) para facer unha camiseta con un lema único, resulta moi hilarante. Porque basicamente seguimos igual.... case 30 anos despois.

Ao final había unha charla con Goldi, un compañeiro que entrou con el na cadea e que estaba na sala, e co avogado que os defendeu, pero a ese coloquio non puiden quedarme.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-10-2017 23:22
# Ligazón permanente a este artigo
CUAC FM deixa de emitir pola FM (temporalmente, esperamos)
Debido a unha absurda e inexplicable interpretación da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, a Xunta e/ou o Goberno Central (non está excesivamente claro) pretenden impoñer unha desorbitada sanción económica a CUAC FM, a emisora de radio comunitaria da Coruña.

Xa estamos alegando e comezando a loita administrativa e legal (é parte da nosa axitada vida) para conseguir que se arquive ese expediente e que deixen de tocar as narices.

Agardo que a seguinte noticia deste tipo sexa para anunciar que por fin nos dan a licencia que levamos pedindo dende hai máis de 20 anos. Precisamente vos poño o vídeo da inauguración da emisora, que saíu na TVG en 1996.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-10-2017 23:11
# Ligazón permanente a este artigo
Uxía-Uxío
Hai unhas semanas Uxía Senlle presentou no Teatro Colón da Coruña un novo disco baseado en poemas de Uxío Novoneyra, de título non moi doado de reproducir, porque xoga cos seus dous nomes.

Asistimos ao concerto, que estivo moi ben, porque se non chegara con todo o dito, alí estaban músicos como Sergio Tannus ás guitarras, Isaac Palacín nas percusións e Santi Cribeiro no acordeón.

Aínda así, aínda que o disco está moi ben, que o merquei, esta canción da cal poño o vídeo, "Alalás encadeados", que xa é anterior, segue destacando e foi unha das máis vitoreadas do concerto, que non é pouco dicir.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-10-2017 23:04
# Ligazón permanente a este artigo
O mundo perdido de Jacques Cousteau
Seguindo con esas proxecións de National Geographic no salón de actos de AFundación, dentro do Festival Mar de Mares, uns días máis tarde tocaba outra peza moi interesante, que neste caso viña a Europa seguindo o ronsel do mítico Jacques Cousteau.

O oceanógrafo español Enric Sala e Pierre Yves, o fillo do mítico Jacques Cousteau, decidían visitar unha serie de santuarios mariños no Mediterráneo. Foran visitados no seu día por Jacques, e hai algún tempo, foron designados como reservas mariñas onde non se pode pescar, para intentar preservar especies e ecosistemas.

Se non lembro mal, visitaron as Illas Columbretes, moi pequenas que están a certa distancia de Castellón; a illa de Formentera; e outra illa xunto a Córcega que agora mesmo non lembro como se chama, e que non fun quen de identificar en Google Maps. Resaltábase a pérdida de case todo o coral vermello, que é moi doado de destruír e leva décadas reconstruír o seu ecosistema.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-10-2017 17:48
# Ligazón permanente a este artigo
Cristina Mittermeier Na Beira
Seguramente unha das actividades estrela do Festival Mar de Mares desta edición foi a charla, case de contacontos, que a ilustre fotógrafa submariña mexicana Cristina Mittermeier celebrou na Domus.

Estivo contando unhas moi interesantes historias sobre as súas experiencias como fotógrafa submariña ao longo da súa vida, e os proxectos nos que se atopa inmersa actualmente.

Espero poder visitar nas vindeiras semanas a exposición "Na beira", que se atopa na sala de Palexco. Ten unha pinta bárbara.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-10-2017 17:33
# Ligazón permanente a este artigo
Mulleres de mar e letras

Outro dos actos moi chulos do Festival Mar de Mares deste ano foi a mesa redonda ou charla entre mulleres escritoras galegas nun escenario especial.

Na Sala Nautilus do Aquarium Finisterrae (ambientada máis ou menos como aparece na foto), participaron na mesa María Lado (que moderaba), a escritora viguesa Ledicia Costas e a mariscadora coruñesa Teresa Ramiro, que tamén escribe poesía.

O acto estivo moi bonito e divertido, e está de máis dicir que o alucinante lugar e a tranquilidade que transmiten os peixes nadando é inesquecible.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-10-2017 17:27
# Ligazón permanente a este artigo
Mar de esperanza
Hai xa case un mes comezou a edición deste ano do magnífico Festival Mar de Mares. Unha das actividades que máis me está atraendo deste ano é a proxeción dunha serie de documentais de National Geographic no salón de actos subterráneo de Afundación, nos Cantóns da Coruña.

O primeiro deles titulábase "Sea of hope", e trataba de que unha serie de activistas americanos presionaban a Barack Obama mentres aínda era presidente dos EE.UU. para que ampliara os espazos protexidos dalgún dos parques naturais submariños. Se non lembro mal (porque pasaron xa unhas semanas dende que o vin, a ver se non o confundo con outra cousa), era dun parque mariño en Hawaii.

Os principais deses activistas son a oceanógrafa Sylvia Earle (que xa ten os seus anos, uns 80 ou por aí), o fotógrafo submariño Brian Skerry e o escritor Max Kennedy (desa famosa familia, que dá para moito).

Claro, son americanos e emociónanse moito cando nas escenas finais entrevistan a Obama no propio lugar e se compromete a axudalos diante das cámaras. A nós danos un pouco máis igual.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-10-2017 17:19
# Ligazón permanente a este artigo
Exit no Mardigras
Xa o debín comentar nalgunha outra ocasión hai pouco. Ultimamente estoume aficionando bastante a ir ao Mardigras cando toca o seu grupo residente Exit.

A idea é simple. Como 2 ou 3 veces ao mes (non dou pillado a periodicidade, pero é igual, tocan bastante, e é o que importa), catro tipos súbense ao escenario da Mardi Gras (con entrada gratuíta ese día) e póñense durante hora e pico a tocar clásicos do rock e rock duro (non son moi poppies que digamos, aínda que ás veces tocan algo dos Beatles, por exemplo).

Son moi bos músicos, tocan as cancións moi fieis ao orixinal (snif, somos uns nostálxicos), o cantante ten un rexistro bastante interesante, e consegue imitar a cantantes un tanto dispares en timbre.... En definitiva, hai moitos grupos multi-tributo que tocan clásicos do rock, pero para min, estes son os mellores que vin, con diferenza abismal sobre os demais.

Se todo vai ben, hoxe vereinos por terceira vez en menos dun mes... anímovos a probar a experiencia. Póñovos un vídeo dunha canción que tocan con certa frecuencia. De feito, cando a tocan, sempre é para abrir o concerto. Non está mal, non si?

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-10-2017 18:32
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal