Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Contos na lareira
Un ano ou edición máis, pasaron os "Contos na lareira" polo Teatro Colón da Coruña. Esta vez estaban dous clásicos, Quico Cadaval e Cándido Pazó, pero esta vez viñan acompañados de Paula Carballeira, que o fai moi ben pero non se prodiga demasiado como contacontos, por desgraza.

Como sempre nestes casos (e especialmente cando os tres son moi bos, que non sempre pasa), o tempo pasa voando e non chega a nada. Entre os tres, estiveron 1 hora e 45 minutos, que me parecería unha duración aceptable para unha actuación de calquera deles por separado. Así que se repetiu a sensación de que queríamos máis, aproveitando que estaban xuntos.

Comezou Paula Carballeira, que se supón que era a menos coñecida, con diferenza. Contou unha historia de terror irlandesa, e fixo gala dunha cualidade que xa lle vin moitas veces e que sorprende moitísimo, e que ten a capacidade de falar a unha velocidade sideral. Así que xa se gañou ao público dende o principio.

Despois actuou Quico Cadaval e por último Cándido Pazó. E despois repetiron outra quenda igual, así que cada un "contou" dúas veces. Claramente, as contadas de Paula foron as máis breves de todas.

Pois nada, a ver se repiten axiña, e que sigan con este nivelazo, que non baixe.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-10-2016 22:26
# Ligazón permanente a este artigo
Panamericana
O outro día fun ao Fórum Metropolitano da Coruña para ver por primeira vez a unha nova compañía galega da que oín falar moi ben.

Viña a compañía A Panadaría para presentar a súa segunda obra, titulada "Panamericana". A primeira titulouse "Pan, pan", e semella que a súa intención é que no título de todas apareza a palabra "pan" por algures.

Teoricamente, a obra trata de que Miranda Celia del Río, unha artista que triunfa no seu país, chamado Panamérica, ten que marchar durante algún tempo a outro país, chamado a Provincia, que se atopa en Europia. E unha vez alí ten que intentar adaptarse aos novos ritmos e culturas deste novo país ou continente.

Pero é todo moi metafórico, suponse que hai crítica social en todas ou moitas das esceas, pero nalgúns momentos iso non queda demasiado claro.

Nalgúns outros momentos, as tres actrices comentan que ao saír da representación da súa primeira obra, puxéronlle ao público uns papeis para que expresaran que querían que fixeran na súa segunda obra. E de cando en vez, paran a obra, para xustificar que algunhas esceas estaban alí por petición dalgúns espectadores anteriores.

Iso dá unha certa sensación de falta de conexión entre esceas, dunha historia que non flúe, que sube e baixa pero na que non se ve moita evolución. Isto non é necesariamente unha crítica, se cadra non fun quen de captar o que pretendían transmitirme, se é que intentaban transmitirme algo, que non o teño claro.

Elas fano moi ben, divírtense e bailan moito e transmiten un bo rollo fantástico, pero moito máis alá diso tampouco percibín. Como traía expectativas moi altas, quedei un tanto decepcionado, pero creo que lles darei novas oportunidades, porque vese que intentan ir por camiños pouco transitados, e iso a min raramente me parece mal.

As tres actrices da compañía son Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, que está case toda a obra manexando o monicreque da cantante panamericana Miranda Celia del Río.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-10-2016 22:18
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal