Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Aldaolado no Festival Mar de Mares
No mesmo lugar pero en diferente día que Celso Sanmartín actuaron as magníficas Aldaolado (ou sexa, Lucía Aldao e María Lado).

A verdade é que son unhas rapazas do máis divertido. Xa as vin unhas cantas veces, e sempre me sorprenden co seu impresionante sentido do humor e a súa capacidade de improvisación, porque nos seus espectáculos suceden cousas alucinantes, e as súas reaccións e respostas aínda o son máis.

Por exemplo, nesta ocasión fixeron un número cómico sobre a colocación dos pronomes átonos en galego, e na que mencionaron moitas veces a Feijoo (un experto no tema, claramente). Pediron un voluntario entre o público e saíu unha mulleriña (á que coñezo de vista, e máis ou menos sei quen é), que as sorprendeu aínda máis e as "adiantou pola dereita". Nunca se sabe o que vai pasar nas súas actuacións.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-10-2015 11:53
# Ligazón permanente a este artigo
Celso Sanmartín no Festival Mar de Mares
No Festival Mar de Mares tamén houbo unha semana de fantásticas actuacións en Palexco, onde hai exposicións do Festival.

Eu conseguín ir a varias delas, e a primeira foi dun dos meus contacontos favoritos, Celso Sanmartín, que nesta ocasión tiña que contar historias relacionadas co mar, el, que é de Lalín, pero dálle a todo.

Como sempre, gustoume, pero vino algo máis frouxo do habitual, e xuraría que contou algunhas historias que non tiñan relación co mar, pero...

Por exemplo, botei en falta esta historia que si ten relación co mar, e que a min me parece chulísima.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-10-2015 11:44
# Ligazón permanente a este artigo
Café científico do Festival Mar de mares

Outra magnífica actividade do Festival Mar de Mares, que xa disfrutara o ano pasado, foi o Café Científico.

Presentando o actor Vicente Mohedano (antes coñecido como Vicente de Souza), falaron de forma distendida a bióloga mariña Dolores Garabana e a bióloga pesqueira Paz Sampedro.

A verdade é que contan cousas moi interesantes, pero recoñezo que me decepcionou un pouco esta vez. Pode que foran varias as causas: xa o vira o ano pasado, e cambiaron algunhas cousas, pero non todas; as biólogas intentan comunicar o mellor posible, pero ás veces non o consiguen demasiado ben; e o actor ás veces intervén con acerto para darlle dinamismo á actividade, pero outras veces interrompe.

En calquera caso, se non asististes nunca a este tipo de actividade, é altisimamente recomendable, probade.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-10-2015 11:31
# Ligazón permanente a este artigo
Terra fría, de Miguel Mato

Hai unhas semanas, de casualidade, enterámonos de que ía haber un recital poético-musical para presentar "Terra fría", o último poemario publicado de Miguel Mato.

Editouno Caldeirón, a parte musical do recital caía nas mans do amigo Brais Morán, e o lugar de celebración era nada menos que o Linda Rama, ese local tan querido.

Ata alá fomos, había un gran abarrote, vimos moita xente coñecida, e pasámolo moi ben. E eu sei de xente que o disfrutou moitísimo, e que gosta moito da poesía de Miguel Mato, agora que a descubriu.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-10-2015 11:26
# Ligazón permanente a este artigo
A cea dos idiotas
Esta é unha magnífica película francesa que tivo moita fama hai uns 15-20 anos.

Polo que teño entendido, houbo unha versión inicial, tamén francesa, que debeu ser nos 80 ou 90. Despois fíxose esta da que vos falo, que semella a máis famosa de todas as versións. E despois fíxose unha versión americana que é a peor de todas, para non variar (nunca estiveron moi sobrados de creatividade, e tampouco serven para copiar, polo visto).

A cousa consiste en que hai un grupo de persoas que se xuntan todos os mércores para cear, co compromiso de que cada un deles debe ir acompañado dun "idiota", ou sexa, unha persoa que faga cousas raras e/ou estúpidas que o singularicen.

Debe haber algunha versión na que a cea chega a verse, pero nesta non. A trama está centrada nun dos asistentes á cea, pero que nas horas anteriores sufre un ataque de lumbago, xusto cando acababa de coñecer a un idiota moi considerable (que obviamente é a estrela da película). Todo isto mestúrase cun problema persoal coa súa muller e outros personaxes secundarios que dan lugar a unha película divertidísima.

Pois iso, que se non a vistes, facede o esforzo, especialmente pola versión francesa de 1998 dirixida por Francis Veber.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-10-2015 11:14
# Ligazón permanente a este artigo
David Doubilet no Festival Mar de Mares

Por segundo ano consecutivo, temos a sorte de disfrutar na Coruña do magnífico Festival Mar de mares, que nos amosa variadas perspectivas do mar con moitas actividades diferentes.

Unha das estrelas deste ano é a magnífica exposición de fotografía titulada "Océanos", que é unha retrospectiva de David Doubilet, un dos fotógrafos submarinos con máis prestixio do planeta.

Esta exposición estará no Kiosko Alfonso ata finais de novembro. E a mediados de novembro virá o propio autor a dar unha charla sobre a mesma.

Pero o festival é moito máis ca iso, como iredes comprobando neste blog.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-10-2015 11:08
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal