Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Novo micro-teatro na Tuerka 27
E a semana pasada volvemos ver o micro-teatro da Tuerka (agora chámanlle metro-teatro, pero vén sendo o mesmo). Ademais, agora as obras duran todo o mes, pero non todas elas, así que se unha acaba antes, substitúena cunha reposición ou obra nova que está só unhas semanas.

As que vimos nesta ocasión foron:

- Que sería de nós sen os obreiros? En galego, por Isabel Risco e Fernando Morán, é un fragmento dunha obra de Gustavo Pernas Cora que trata sobre as apostas que fan dous pensionistas que están sempre mirando as obras, sobre se uns determinados obreiros van caer dos andamios ou non.

- 4 viaxes máis en ascensor: Do mesmo xeito que na quenda anterior, outras catro pezas breves protagonizadas por dúas persoas que están nun ascensor, pero neste caso son dúas mulleres, cuxos papeis fan Amalia Gómez e Cristina Fuentes.

- Espiral: En castelán, con Mario Horro e Paula Pier. Unha estraña parella formada por un físico moi aprensivo e huraño e unha fermosa rapaza que o persegue dende hai anos, cando eran compañeiros de clase, ten un encontro nunha pequena sala na que están escritas na parede unhas fórmulas que semellan explicar unha poderosa teoría.

Como quitaron algunha destas obras, no que falta de mes programarán algunha obra nova, así que seguramente volveremos por alí.

NOTA ENGADIDA: E efectivamente volvín, para ver a Mónica Camaño representar "A fame dunha artista", que debía ser como unha versión libre "Un artista da fame" de Franz Kafka. Estivo moi ben.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-10-2014 16:43
# Ligazón permanente a este artigo
Secretos de familia (Keeping Mum)
O outro día estiven vendo, para descansar un pouco dos estresante ritmo de traballo, unha simpática comedia inglesa de hai uns anos. O título en español parece que foi "Secretos de familia", pero con esa película tituláronse varias diferentes, así que poño tamén o título orixinal "Keeping Mum", por se queredes buscala. Por iso o trailer que poño está en inglés.

A historia transcorre nunha pequena aldea da campiña inglesa, na que nun determinado día comezan a suceder cousas algo estrañas, xusto cando chega unha nova ama de chaves e criada á casa do párroco.

Como en todas as películas, hai moitos actores e actrices, pero nesta destacan catro, tanto que nos créditos iniciais creo que só aparece o seu nome:

- Kristin Scott-Thomas: A muller do párroco ten unha aburrida vida, porque o seu marido está moi volcado nos asuntos eclesiais.

- Rowan Atkinson: O párroco antes mencionado. Por sorte, o actor libérase un pouco ou bastante (pero non de todo) do seu personaxe de Mr. Bean.

- Maggie Smith: A veterana actriz é a nova criada, pero resulta que a súa chegada, non é tan casual como semellaba, e oculta un escurísimo pasado. Pero axúdalle a resolver os problemas do presente, aínda que cuns métodos bastante discutibles.

- Patrick Swayze: Un americano "chulapón" como este destaca moito na campiña inglesa. É o amante da muller do párroco debido a ser o seu profesor de golf.

Pois iso, a criada recén chegada, usando métodos expeditivos pero bastante discretos, consegue ir cambiando a vida de todas as persoas do seu entorno, en principio, para ben.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-10-2014 16:28
# Ligazón permanente a este artigo
Skeleton sea - Spill

O outro día fun ver dúas exposicións pertencentes ao Festival Marea Alta que xa mencionamos nestas páxinas.

A primeira delas está na sala de exposicións de Palexco, na Coruña, e titúlase "Skeleton Sea", e consiste en pezas escultóricas de animais mariños ou relacionados co mar, e realizadas con refugallos de plástico. Como a balea feita con chanclas. Ou o albatros cuxo vientre está cheo de tapóns de plástico. Obviamente, é unha protesta contra os refugallos plásticos que enchen os océanos. Hai localizados CINCO grandes remuíños dese material, e dise que un deles é do tamaño do estado americano de Texas. A exposición e o video que vedes sobre ela está realizada por tres artistas e surfeiros moi sensibilizados con esta problemática.

A outra está no Kiosco Alfonso, titúlase "Spill", e son as fotografías que Daniel Beltrá sacou durante a limpeza da catástrofe da explosión dunha plataforma petrolífera de BP no Golfo de México. Como ben me dixo alguén, son unhas fotografías terribles, pero hai que recoñecer que teñen unha beleza sobrecolledora. Aínda van estar algún tempo máis, podedes achegarvos a velas. Outra curiosidade é que un dos buques que participaron na operación foi o Discoverer Enterprise, famosa plataforma flotante de prospección petrolífera que a finais dos anos 90 soltouse das súas amarras en Astano e destrouzo a ponte das Pías.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-10-2014 17:55
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal