Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Exposicións na Coruña

Despois de moito tempo sen facelo, o outro día deime un atracón de exposicións que había na Coruña, aproveitando que algunhas delas, que xa levaban tempo, ían rematar o seu periplo.

Comecei pola magnífica Fundación Luís Seoane, un sitio que xa teño dito que me encanta, porque case non hai ninguén e porque con frecuencia ten exposicións moi interesantes. Tristemente, só se cumpría o primeiro dos preceptos.

A primeira das exposicións que remataban estes días era sobre obras de Luís Seoane en coleccións privadas. Tiña cousas interesantes pero Luís Seoane segue sen encherme demasiado o ollo, que lle vou facer. Pero si me chamou a atención que practicamente os únicos cadros que poñían quen fora o propietario que os cedera, foron sacados da exposición. Creo que se debe á protesta polo cese da directora da Fundación por parte da súa superior, unha energúmena que non ten puñetera idea de cultura e que está facendo moito dano na cultura coruñesa (refírome á superior, obviamente).

A outra colección era Air_Port_Art, a colección de arte contemporánea de AENA. Como sempre en arte contemporáneo, un pouco de todo e moitas cousas bastantes incomprensibles. Chamoume bastante a atención a obra dun tal Pablo Genovés, do cal poño un cadro como exemplo.

Despois fun a PALEXCO e había unha exposición de fotografías e videos de Marina Abrahmovic. Buf, non teño palabras para describilo. E despois fun ao Kiosko Alfonso, para ver as fotografías paisaxísticas, principalmente en Alemania, de Axel Hutte. Menos mal, moito máis levadeiro.

Crucei a rúa e fun á Fundación NovaGalicia Banco, para ver unha exposición da que oíra falar, pero que non me cheiraba nada ben. A obra dun tal Ron Galella, paparazzi, que se ganou a vida sacando fotos de famosos que querían ter unha vida tranquila, pero este imbécil non llo permitía. Incrible con que material se fan exposicións agora.

E rematei dándolle un primeiro repaso (haberá máis e moito máis profundos) á magnífica exposición sobre Rafael Moneo que acaba de inaugurarse na Fundación Barrié. Como sempre, as exposicións de arquitectura desta exposición son dun nivelazo fóra do común.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-10-2013 19:19
# Ligazón permanente a este artigo
Aldaolado
O outro día tiven a sorte, por fin, de ver actuar xuntas ás dúas fantásticas poetas Lucía Aldao e María Lado. De cando en vez Lucía tocaba a guitarra e cantaba (casualmente sempre en inglés, e algunha canción ata a coñecía eu).

Noutras ocasións recitaban poemas, e o fan mellor e contan cousas máis interesantes que outros poetas que coñezo de máis nome, e noutras moitas parecía un monólogo humorístico, pero esta vez si, moi divertido, como sucede con moitos dos monologuístas que son moi aburridos e pouco divertidos.

E un dos momentos estelares, xusto antes do descanso, foi a ceremonia de casamento que levaron a cabo, como noivas, irmás e primas, que é todo o que se ten insinuado. María xa quedou todo o resto da actuación co vestido de noiva, que por certo dixeron que era o de comunión de Lucía, e resulta moi crible.


Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-10-2013 19:05
# Ligazón permanente a este artigo
Joc Net (microteatro na Tuerka 27)

O outro día fun á Tuerka 27 para ver micro-teatro, como noutras ocasións, pero nesta ocasión só fun ver unha peza, xa que era representada por dúas actrices baleares que estiveron aquí varias semanas, pero que marchaban axiña. Quedan por tanto por ver as outras tres pezas que lles acompañaban na sala, iso tocará dentro de pouco tempo.

Este peza de micro-teatro titúlase "Joc Net" (Xogo limpo") e trata das peripecias de dúas chachas que dedican a súa vida á limpeza, pero que non por iso deixan de vivir experiencias do máis divertidas e suxerentes, levadas pola súa imaxinación. A peza é totalmente muda, pero vémolas facendo todo tipo de xestualidade que insinúa escenas de piratas, tiros, etc. Moi divertida e dinámica.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-10-2013 18:59
# Ligazón permanente a este artigo
Despedida de A Caricia da Serpe
O outro día foi un triste para a poesía galega. O grupo A Caricia da Serpe despediuse dos escenarios. Suponse que as razóns foron a fráxil saúde de Lino Braxe e os múltiples proxectos nos que están metidos todos os integrantes do grupo.

Lembremos que está formado por Lino Braxe, que canta e recita os seus poemas (algunha que outra vez as letras son doutros poetas coñecidos), Rómulo Sanjurjo ao acordeón, Miguel Ladrón de Guevara á guitarra e Xosé Luís Saqués á batería.

Poñemos este video que ten como música unha das pezas do seu segundo disco "O sorriso do diaño".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-10-2013 18:37
# Ligazón permanente a este artigo
Autorretrato dun xoven capitalista español
E rematamos, de momento, estas densas semanas culturais, indo ao Fórum Metropolitano que estaba case cheo, para ver ao actor Alberto San Juan, de moita fama hai uns anos, pero que parece non estar pasando un dos seus mellores momentos profesionais, que representaba o seu monólogo "Autorretrato dun xoven capitalista español".

O certo é que non había case escenario, pouco atrezzo, e un único actor e un técnico dá para que se poidan recaudar cartos sen investir demasiado, así que supoño que esta boa obra lle estará permitindo superar o bache dalgún xeito.

Basicamente, fixo un repaso moi crítico dos últimos 50-60 anos deste país, desvelando cousas que alguha-moita xente non sabe, pero que xa foron publicadas nalgúns sitios. Pero como mencionou el, hai moitas cousas publicadas (suponse que certas) que se tiveran máis visibilidade provocarían unha revolución cada semana. Pero hai tanta oferta alienante, que apenas se ven nin destacan.

Saúdos.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-10-2013 10:53
# Ligazón permanente a este artigo
Orquestra Gaos
E tamén aproveitamos para ver o concerto de comezo da tempada da Orquestra Gaos, no día do Rosario. Foi no Teatro Colón da Coruña.

Na primeira parte do concerto tocaron a obra "Nubes" do compositor galego Xan Viaño e un concerto para clarinete e orquestra de Carl Maria von Weber, no que a solista foi a clarinetista viguesa Virginia Lis. E na segunda parte tocaron a "Suite Pulcinella" de Igor Stravinsky.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-10-2013 10:48
# Ligazón permanente a este artigo
Ultranoite
Magnífica idea esta de que a xente de Chévere decida sacar as súas Ultranoites de paseo polo país, e non as faga só en Teo (antes, na Sala Nasa de Compostela, de onde foron "expulsados" por Conde Roa).

Nesta segunda vez que os vin na Coruña trouxeron unha serie de números moi divertidos e irreverentes, como é habitual neles, e bastantes xiraron en torno aos Xogos Olímpicos, como pode verse no video. Por exemplo, un divertido personaxe propuxo a presentación da candidatura "La Coru 2024".

E un dos números principais foi un "debate" entre mascotas de grandes celebracións, na que participaron Naranjito, Curro, Cobi e o Pelegrín.

Estaba case cheo o Fórum Metropolitano, na nocturna hora das 23 horas, e o espectáculo durou ata a 1 e media, o que se conta alí non pode velo todo o mundo.

Saúdos.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-10-2013 10:45
# Ligazón permanente a este artigo
A fazaña da liberdade
Hai uns días fun ver a estrea na Coruña dunha obra moi esperada. Aparte dunhas imaxes que se rodaran hai 10 anos, este é o primeiro documental minimamente profesional que se fai sobre a vida e obra de Alexandre Bóveda.

Titúlase "A fazaña da liberdade" e foi realizado pola produtora audiovisual galega Fílmika Galaika, formada por Seném Outeiro (director) e Roi Carballido (produtor). Contén moitas entrevistas a persoeiros que saben moito sobre o persoeiro, e tamén hai breves escenas nas que fai de narrador e actor o galego Suso Pando.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-10-2013 10:39
# Ligazón permanente a este artigo
Transición
Tamén fomos ao Teatro Rosalía de Castro para ver unha nova obra do ciclo de teatro. O título era "Transición" e trata exactamente sobre iso, ese convulso período histórico deste país, no que supostamente aínda estamos.

A través do personaxe principal, chamado Adolfo, xurde unha obra na que se mesturan e alternan tres tramas:
- Un antigo "ujier" do Congreso dos Deputados, chamado Adolfo, que era moi amigo de Adolfo Suárez, está recluído nunha residencia de maiores, e por momentos parece que tomou a personalidade do ex-presidente.
- Un programa de televisión onde hai un presentador que modera un debate entre Adolfo Suárez e unha xornalista nova que cuestiona o proceso da transición.
- Escenas da transición cos protagonistas das mesmas, Suárez, o Rei, Franco, Felipe González, etc.

Estivo ben, pero resulta xa un pouco cansino falar tanto do tema pero non facelo avanzar. Tamén seguro que lle resultou nostálxica a obra a moita xente porque en varias ocasións converteuse nun pequeno musical no que se oíron moitas das cancións típicas daquela época.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-10-2013 10:33
# Ligazón permanente a este artigo
O Cabaré da Muller Paxaro
O outro día, visitei de novo a Casa Tomada, o galpón da estación de trens da Coruña que unha xente nova alugou para organizar actividades culturais, para ver un cabaré.

Non é o cabaré un tipo de espectáculo que me chame moito (aínda que tampouco sabería definilo con precisión), pero este me atraía máis, porque a temática me parecía máis interesante, e a actriz que o representa téñoa visto nalgún sitio, por exemplo na Tuerka 27, e parecíame moi solvente.

Trata sobre a historia dunha "imaxinaria" Muller Paxaro, a actriz é Paku Granxa e está acompañada polos músicos Brandán Lourenzo (guitarra) e Marcos Represas (clarinetista da Banda Municipal da Coruña). Pasouse moi ben.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-10-2013 10:20
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal