Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Acto cultural
E o outro día fomos, de novo, ao magnífico Festival de Teatro de Carballo para ver por primeira vez a un grupo de teatro venezolano, que nunca me pasara.

Tiña moita curiosidade por ver como é o seu teatro, supoñendo que Grupo Actoral 80, a compañía que nos visitaba, resultara representativa do seu país e a súa cultura. A obra representada titulábase "Acto cultural".

E, obviamente, seguimos sen saber se é así, pero polo menos xa podemos presumir de que algunha vez na nosa vida xa vimos actuar a un grupo venezolano. E non estivo mal. A obra foi longa e algo irregular, con momentos fantásticos e algúns outros bastante frouxos nos que non entendías demasiado ben de que ía a cousa ou por que a trama xiraba dese xeito, pero en xeral deixome bastante satisfeito, e non me arrepentín de ir ata Carballo para velos.

A historia non estaba mal. Unha sociedade cultural chamada Louis Pasteur celebraba o seu 50 aniversario. E para iso, facía unha representación dunha obra (teatro dentro do teatro) titulada "Colón Cristóbal, o xenovés alucinado", escrita polo presidente da entidade, un tal Amadeo.

E a representación da obra servía tamén como excusa para ver as relacións entre os membros desa sociedade cultural, os seus odios, amores, etc.

Déixovos cun breve fragmento que atopei en Youtube doutra obra representada por este grupo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-10-2012 18:20
# Ligazón permanente a este artigo
Manolo Rivas e Xosé Manuel Pereiro falando sobre a lingua e a música galega
O outro día asistimos na Normal (o novo espazo cultural da Universidade da Coruña) a un acto curioso: unha especie de charla ou debate, moderado polo xornalista Iago Martínez, no que participaron os escritores e xornalistas Manolo Rivas e Xosé Manuel Pereiro, que tratou sobre a lingua e a música galega.

Aportaron ideas interesantes, algunhas anécdotas históricas curiosas, pero pareceume que podía ter dado máis de si a cousa. Téñoos visto máis fluídos, tanto oral como mentalmente, parecía que non tiñan moi claras as ideas que pretendían transmitir e que se cadra tampouco tiñan un discurso moi artellado sobre o tema.

Déixovos cun video que acabo de atopar no que eles dous dan unha charla para a Acampada do Obradoiro do 15M, xunto a outro xornalista importante do noso país, Xurxo Salgado, do interesantísimo blog "Galicia confidencial".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-10-2012 18:08
# Ligazón permanente a este artigo
XVI Memorial de Teatro Ibán Toxeiro
Onte fomos, como todos os anos, ao Teatro Rosalía para asistir ao XVI Memorial de Teatro Amador Ibán Toxeiro, que a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda leva anos organizando en lembranza daquel magnífico actor.

O acto, de novo foi conducido por Lino Braxe, e contou coas seguintes actuacións:

- O grupo de teatro da Agrupación representou un fragmento da obra que están ensaiando, a "Ópera do Patacón" de Roberto Vidal Bolaño. Xa a puxeran en marcha antes de saberse que ía ser o homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2013.

- Casahamlet representou dúas obras. Santiago Fernández leu a aterradora "O corazón delator" de Edgar Allan Poe, e Manuel Lourenzo representou unha obra breve e moi divertida titulada "Boznia".

- Teatro Proscrito, nesta ocasión formado por Xoán Carlos Mejuto e Manuela Varela, representaron "Inverno occidental". Esta obra de micro-teatro xa foi representada en La Tuerka 27 en setembro.

- Rematou Caramuxo Teatro cun fragmento de "E de maior quero ser.......".

- E todo aderezado coa música do "grupo" Factoría de Subsistencia, que en realidade é o actor e músico Josito Porto tocando a guitarra.

Entregámoslle a Manuel Lourenzo o V Premio de Teatro Amador Alexandre Bóveda - Ibán Toxeiro.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 25-10-2012 17:36
# Ligazón permanente a este artigo
Juicio a una zorra
Hai uns días fomos ver no Teatro Rosalia da Coruña a Carmen Machi facendo de Helena de Troia na obra "Juicio a una zorra".

Non estivo mal, estase confirmando que é unha gran actriz que seguramente necesitou facerse famosa cunha serie de televisión para poder sobrevivir mellor coa súa profesión. Semella que moita xente vai vela esperando o humor de "Aída", pero obviamente atopa outra cousa moi diferente, e na miña opinión moito mellor.

Pero tamén debo recoñecer que non me pareceu nada do outro mundo. Todo parece xirar en torno a ela e colleu unha historia clásica, coñecida e épica, que é un valor seguro. Non lle vin arriscar demasiado nin sorprendernos moito.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-10-2012 17:21
# Ligazón permanente a este artigo
O método Grönholm
Onte fomos ao marabilloso Festival de Teatro de Carballo para ver unha das obras máis salientables da edición deste ano.

A verdade é que era unha aposta segura: Talía Teatro representaba "O método Grönholm". Para min, Talía Teatro, xunto con Sarabela, é un dos mellores grupos de teatro galegos dende uns cantos anos. E este obra, da que xa houbo versións no Estado e incluso creo que película, era un éxito cantado na súa versión en galego. Si, acabo de atopar o vídeo da película en Youtube, aí tedes o enlace.

Abreviando, un grupo de executivos loitan por un posto de alta dirección dunha empresa pasando un proceso de selección bastante curioso, que lles propón xogos e competitividade sen límites. Nin un segundo de descanso e diversión vendo a obra.

Saúdos.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-10-2012 20:15
# Ligazón permanente a este artigo
Onde houbo lume
Tamén lin outro libro máis desa colección de Biblos, tamén novela breve. A autora foi Marica Campo e o título é "Onde houbo lume".

A historia tamén é curiosa. Nunha vila na que se organiza unha caravana de mulleres, unha reporteira á que non lle chista nada o tema, é encargada desa nova. Coñece casualmente a un señor maior nun café, que en principio lle parece machista. E resulta que fora cliente do seu pai xa falecido, que era psiquiatra.

O ex-cliente pídelle que queden, porque quere contarlles unhas historias que ela podería converter nun libro, e ela comeza o traballo bastante intrigada, xa que sabía sobre el e as súas doenzas moito máis do que el pensaba.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-10-2012 20:10
# Ligazón permanente a este artigo
Con acuse de recibo
Onte estiven lendo unha obra máis da magnífica colección editado polo clube de lectores Biblos.

Nesta caso foi a quenda de "Con acuse de recibo" de Alberto Ramos. Este rapaz xa fora o segundo gañador do concurso para xoves escritores que organiza Biblos, e semella que apunta boas maneiras. De feito, esta novela breve, foi a gañadora do premio de Novela por entregas de La Voz, así que ten 31 capítulos que foron publicados en tantos días do mes de agosto de hai varios anos.

Non vou desvelar moito pero a idea principal está moi ben. Un home suicídase e xusto antes de facelo envíalle ao seu irmán, con quen había tempo que non se falaba, un paquete no que van cartas a unha serie de persoas importantes na súa vida (do falecido), para que o seu irmán llas entregue en persoa.

Debido a iso, coñece a unhas persoas de caracteres e reaccións moi variadas, incluso recibe unha malleira, pero resulta unha historia moi sinuosa e orixinal.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 13-10-2012 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
Ultranoite
O magnífico grupo de teatro Chévere, que por culpa do imbécil de Conde Roa tivo que marchar de Santiago hai pouco, instalouse no veciño concello de Teo.

Levaban varias décadas na capital coa activísima Sala Nasa, e un dos espectáculos de máis fama desa sala eran as Ultranoites que, polo que teño entendido, eran actuacións moi variadas e bastantes transgresoras nas que non se respetaba practicamente nada nin a ninguén.

E esta semana tivemos a sorte de ver unha desas Ultranoites por primeira vez na Coruña. Foi no Fórum Metropolitano, no momento de escribir isto aínda hai a posibilidade de asistir á última (supoñendo que haxa entradas), e o feito de que a obra comece ás 11 da noite xa debe ser indicio de algo. Por certo, a última vez que viñeron á Coruña, hai uns meses, para representar Citizen Total, a obra sobre Amancio Ortega, tamén se esgotaron as localidades. O día que fomos nós, se non estaba cheo, pouco lle faltaba.

Pois nada, estivo moi ben, aínda que me decepcionou lixeiramente porque eu aínda esperaba máis, se cadra as tiña algo idealizadas, algún número era algo máis frouxiño, pero en xeral estivo moi divertido e, como sempre neles, moi imaxinativo.

Supoño que aproveitando a campaña electoral, era unha burla e crítica furibunda do PP e do seu facherío. Máis ou menos as que oficiaban de presentadoras eran tres actrices que facían os papeis de Soraya Sáenz de Santamaría, Esperanza Aguirre e Ana Botella, por suposto falando en español.

Un dos primeiros números é o que podedes ver no vídeo, moi simpático. Dous sindicalistas algo fracasados de Ferrolterra póñense en contacto con Sánchez Gordillo para organizar unha acción relámpago. E facendo un estudio da situación, este último di que hai que asaltar un lugar que lle trae moi bos recordos, "Marinaleda City". Así que o grupo de tres divídese e expropian material en Ikea, Decathlon e o Gadis. E despois dan unha delirante rolda de prensa onde explican a acción.

Pero vaia, que estiveron toda a noite meténdolle moita caña ao PP, a Mariano, a Feijoo, e as mulleres do PP. Había tres músicos en directo, estaba toda a xente de Chévere, e aparte doutros actores e actrices, contaron coa colaboración do grupo coruñés Manicómicos. Incluso se fixo algo de referencia a que este verán o Concello da Coruña non apoiou o Festival de teatro que este grupo levaba anos organizando, e que o Concello, pola súa banda, montou algo similar cos contactos que xa estaban establecidos. Iso fala claramente do falsos que son estes políticos que gobernan agora aquí.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-10-2012 19:58
# Ligazón permanente a este artigo
O mito de Bourne
Nesta nova relación que establecín nos últimos tempos co cine emitido por televisión, atopeime un día de casualidade co personaxe de Jason Bourne, protagonizado por Matt Damon.

As películas desta serie lémbranme en bastantes cousas ás de James Bond, pola súa acción frenética, a localización en múltiples lugares do planeta, e non me desagradan en absoluto. Aínda que recoñezo que ás veces o ritmo é tan alto que resulta algo difícil seguir a trama, e que as peleas e persecucións, nin me interesan en absoluto, nin tampouco se aprezan moi ben polo elevado ritmo dos planos. Gústanme as retorcidas tramas e as deduccións intelixentes que levan a cabo a maior parte dos protagonistas, e sobre todo Bourne, que por momentos semella totalmente invulnerables.

Esta vez vin "O mito de Bourne", na que sufre unha especie de amnesia despois dunha misión e, cando estaba "retirado" en Goa-India coa súa moza, intentan asasinalo e matan á súa compañeira. Iso fai que intente averiguar por que sucedeu esa accións, e o FBI comeza a preocuparse de que volva a actividade, cando incluso algúns o daban por morto.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-10-2012 17:21
# Ligazón permanente a este artigo
Contorama
Un día máis, achegámonos a La Tuerka 27, esta vez para ver un espectáculo multidisciplinar titulado "Contorama", que polo visto celebrábase na Coruña hai tempo, porque esta edición era o retorno despois de 10 anos sen facelo.

Os mestres de cerimonias eran Santi Brey (parece que foi quen os puxo en marcha no pasado, ou polo menos o seu último responsable) e Víctor Grande, que parecía coller o relevo. O espectáculo durou máis de dúas horas, e constou de dúas partes bastante ben diferenciadas, separadas por un descanso.

A primeira era máis "dramática" e poética. Comezou contando Santi Brey uns contos moi emotivos (as súas intervencións, como as dos demais, non eran consecutivas, senón que ían alternándose cos outros artistas). Alternábase co cantautor compostelán Carlos de Miguel, que levou acompañantes no violín e na voz. E rematou cunha simpática breve representación a cargo de Santi Brey e Tamara Canosa.

A segunda parte era a humorística. Comezou coa actuación do monologuista Luis Pousada, que creo que levaba uns anos "retirado", e volveu para esta actuación. Tamén saíu Víctor Grande para cantar unhas cancións. E rematou cunha algo máis longa historia contada por Santi Brey e adornada polo clown Miguelanxo D'Oca.

Déixovos cunha das cancións de Victor Grande, na que intenta demostrar que con catro acordes de guitarra poden facerse a maioría dos éxitos de pop e rock da historia.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-10-2012 17:12
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal