Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Ela, unha moza chinesa
Onte pola noite fun ao Fórum Metropolitano para ver, como sempre sucede alí, unha película que transitou por fóra dos círculos comerciais.

Titulábase "Ela, unha moza chinesa" e foi realizada pola directora chinesa Xiaolu Guo no ano 2009, e levou algún premio nalgún certame de cine independente.

A verdade é que a min non me gustou excesivamente, son cousas que pasan. Non me identifiquei demasiado co personaxe principal, e os xiros que daba a historia semellábanme algo estraños.

A película conta unha parte da vida recente dunha moza chinesa chamada Li Mei, máis ben guapiña, coméntoo porque marca bastantes acontecementos.

En primeiro lugar, vémola na súa pequena aldea, cercana á unha grande cidade da que logo falaremos. Traballa como empregada nun pequeno bar dunha estrada que ten billares. A súa nai quéixase de que non traballa nada e que non se preocupa polo seu futuro, e seguramente razón non lle falta. Atrae ao "tipo máis chulo" da aldea, que traballa nesa gran cidade e aparece alí cunha moto, pero tampouco lle fai moito caso. E acaba sendo violada no campo por un camioneiro que parecía ser un dos seus mellores amigos, levábaa ao cine, etc. Cando volve polo bar, ármalle un bo escándalo, e suponse que a botan do traballo.

Porque a seguinte escea preséntaa a ela e á súa mellor amiga, que tamén traballaba no bar, camiño de Shenzhen, esa megalópole de case 10 millóns de habitantes da que vivían tan cerca. Comezan traballando xuntas nunha fábrica téxtil, pero a ela bótana ao pouco tempo, por coser mal (resulta moi cruel a escea onde a humillan en público e a despiden por esa razón, en China non se andan con ostias). Consegue traballo botándolle bastante cara nunha perruquería-burdel (si, si, curioso). Xusto ao lado vive un home do que se namora, pero que ten un traballo bastante perigoso, é un asasino a soldo. Nunha destas, volve a casa malferido e morre na cama na que durmían.

E de aí aparecemos en Londres, vaia salto, a que si? Alí vai facendo varios traballos precarios, ata que nun salón de masaxes (de verdade esta vez) coñece a un xubilado do que se fai amiga. E na seguinte escea aparece casándose polo xulgado con el ¿¿¿??? Despois dalgúns desencontros acaba deixándoo.

Durante esta época coñecera a un hindú que repartía comida a domicilio. E vaise a vivir con el. Como vedes, non tiña moitas dificultades para cambiar de vida e lugar. Tamén despois dalgúns desencontros (como vedes, era algo-bastante caprichosa) descubre que está embarazada de 10 semanas.

A película remata vendo como tamén deixa ao hindú (que raro nela!!!) e marcha andando, xa cunha panza prominente de embarazada, cara a unha praia. E o final abertísimo é que se lle ve mirando cara ao ancho mar, e xa está. Non me desagradan os finais abertos, en absoluto, pero me gustan máis cando a película me engancha máis, que non foi o caso.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 23-10-2011 20:03
# Ligazón permanente a este artigo
No país dos méritos
O outro día achegueime de novo á Villa Florentina, sede da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, lugar que me agrada moito pero ao que levaba tempo sen ir.

E esta vez foi para ver ao meu amigo Pedro Ramos dando o seu recital poético "En el país de los méritos". Consiste nunha secuencia de video-poemas. Déixovos o video do poema que dá título ao libro e ao recital.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-10-2011 17:41
# Ligazón permanente a este artigo
Celso Sanmartín presenta "Gratas e boas novas"
A semana pasada, o magnífico contacontos e poeta Celso Fernández Sanmartín presentou o seu libro "Gratas e boas novas" no local da A.C. Alexandre Bóveda.

É un libro con postais antigas e textos escritos nelas, e poemas xurdidos a partir de imaxes coma esas. A poética e sensibilidade de Celso fixeron o demais, coa súa impresionante lírica enchendo o local.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-10-2011 17:37
# Ligazón permanente a este artigo
Comeza a tempada de radio en CUAC FM

Algún programa proseguiu ou comezou no verán, algúns outros xa o fixeron no mes de setembro, pero a maioría dos programas da emisora de radio comunitaria CUAC FM comezaron a nova tempada esta pasada semana.

Os dous nos que eu participo, "A fume de carozo" e "Recendo" fixérono o martes 4 de outubro. Recoméndase tamén a escoita dun novo programa que será todos os xoves de 8 a 9 da noite. Chámase "Restos de stock", e é un programa musical conducido polo meu amigo e compañeiro David.

Déixovos os enlaces aos podcasts dos dous programas nos que eu colaboro.

Saúdos.
Podcast de "A fume de carozo"
Podcast de "Recendo"
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-10-2011 17:54
# Ligazón permanente a este artigo
Réquiem, de José Carballido
O outro día fun ao Teatro Colón da Coruña a ver un espectáculo pouco común. Titulábase "Réquiem" e é obra dun músico coruñés chamado José Carballido.

É un musical para grupo de rock progresivo e coro clásico. Dito así, soa bastante rompedor, hai que recoñecer que este músico, ao que recoñezo que non coñecía anteriormente, foi bastante audaz e ambicioso.

O grupo de rock progresivo estaba formado polo propio José Carballido á guitarra eléctrica e voz, outra guitarra eléctrica, baixo, frauta, batería e teclados. O coro estaba formado por seis mulleres e catro homes.

O rock progresivo é unha estraña etiqueta que abrangue a algúns dos grupos que máis me gustan, como Pink Floyd, Jethro Tull, Genesis, Rush.... así que a proposta tiña que atraerme.

A sensación que me deixou foi agredoce. Por unha banda, despois de visto o musical, que dura cerca de dúas horas, pareceume que se achegaba máis ao rock duro que ao progresivo, aínda que por ese lado tampouco hai problema. Musicalmente non estivo mal, aínda que tiña altibaixos, e houbo bastantes pezas que non me pareceron especialmente interesantes, pero algunhas outras si.

A calidade de son podía ser mellor, xa que eu practicamente non lle entendía nada ao cantante, ao contrario do que sucede no vídeo que vos poño, así que ese aspecto podía mellorarse moito. Todos intuíamos de que ía a historia, pero resultaba moi difícil seguila porque non se oía nada ben a voz principal, asulagada entre a música tan potente.

Había uns videos ao principio do musical, só duraron os primeiros minutos. Nun determinado momento viuse o nome do arquivo que ían reproducir (detalle moi feo en directo) e uns minutos máis tarde viuse incluso a pantalla do ordenador dende o que pinchaban os videos (sen comentarios). E a partir de aí non se viu máis, non sei se houbo fallos técnicos, pero dende logo a imaxe non foi boa.

Tamén había unha pequena parte teatral. Había dous monxes que ían camiñando paseniño polos corredores da platea e subían ao escenario. Unha vez arriba, estaban case sempre inmóbiles. A muller do protagonista da historia, que tamén facía José, aparecía na parte final, e dende logo creo que a súa xestualidade podía mellorarse moito, porque non conseguín comprender nada ben que é o que pretendía transmitir.

Supostamente a historia era de que a muller do protagonista morría traxicamente, deixando marido e dous fillos, e o seu home pretendía ter un encontro con ela no Alén para falarlle por última vez. O escenario estaba cheo de lápidas con flores e velas. E todos os músicos vestidos de negro daba lugar a unha visión moi gótica.

Conclusión: intento moi audaz de facer unha magna obra musical, pero polo menos de momento penso que algo fallido que debería pulirse e traballarse algo máis, pero a idea non me parece nada mala.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-10-2011 19:08
# Ligazón permanente a este artigo
O florido pénsil
O outro día fomos ver unha versión teatral máis de "O florido pénsil", esta vez a cargo do grupo galego Eme2, e con moitas partes en galego.

Basicamente segue sendo a mesma historia de sempre, pero entendo que ao ser un grupo galego, había algunhas referencias adicionais ao uso do idioma galego na escola e á visión centralista do estado franquista, que noutras versións non sairían ou terían moito menos peso.

Os actores son de moita garantía, Antonio Durán "Morris", Federico Pérez, Alfonso Agra, Josito Porto e Xosé Manuel Olveira "Pico".

Déixovos co trailer da película, porque non atopei nada desta versión teatral.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-10-2011 18:52
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal