Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

II Encontro Milpedras
Acabo de asistir a un deses modestos actos culturais que valen moito a pena e que nos permiten progresar como civilización.

Antes hai que falar do sitio onde se fixo. Nun barrio non céntrico da cidade, cerca da estación de autobuses da Coruña e do Corte Inglés, hai unha tenda, taller non sei cantas cousas máis de litografía, é dicir, de facer gravados con pedra. Chámase Milpedras, e está na rúa Brasil, 3.

Pois ben, cada certo tempo, organizan uns actos chamados Encontros Milpedras. Eu acabo de asistir ao segundo, e póñovos un vídeo cun fragmento do primeiro.

Consiste nun recital poético onde tamén participa algún músico e algún artista plástico. No que acabo de estar eu, recitaron as poetas Dores Tembrás, Begoña Paz, Luís Mazás e Iolanda Aldrei. Acompañounos á guitarra César Morán e Nando Lestón fixo unha escultura-pintura ben curiosa cunha pedra, dous paos e unha corda, e algo de pintura e outros accesorios.

O acto foi presentado por Ramiro Torres, e espero que vos guste. A ver se nos enteramos cando é o seguinte, que dixeron que non ía tardar demasiado.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-10-2010 00:05
# Ligazón permanente a este artigo
Ciencia e jazz
O outro día asistín á única actividade da interesantísima III Mostra de Ciencia e Cinema que se celebra na Coruña e coa que puiden coincidir.

Foi un recital de textos científicos a cargo de Belén Regueira e Susana Rois, e amenizado coa música do excepcional pianista de jazz Abe Rábade.

Como ben saberedes os milleiros de lectores deste blog o jazz non é que me guste demasiado, pero teño que recoñecer que as pezas que tocou o outro día Abe, sobre todo as que tocou só, sen facer de fondo dos textos, parecéronme flipantes. Ou sexa, que non debía ser jazz, sería outra cousa.

Déixovos cun vídeo que atopei na rede onde toca el.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-10-2010 23:58
# Ligazón permanente a este artigo
Onde houbo lume, de Marica Campo
Hai poucos días presentamos no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda o último libro de Marica Campo, "Onde houbo lume", editado por Biblos.

Á presentación asistiron persoas moi queridas na casa, como a propia autora, Pilar García Negro e o editor Tucho Calvo. Como sucede sempre que Marica vén presentar un libro, o cheo foi apoteósico.

Déixovos cun vídeo dela guiando a excursión polo Incio que non hai moito fixeron os nosos amigos da Asociación Cultural Monte da Estrela, de Arteixo.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 29-10-2010 23:54
# Ligazón permanente a este artigo
O segredo dos Hoffman

O outro día fomos á Aula de Cultura do Liceo de Betanzos a ver unha obra de teatro, xa case máis ben da tempada pasada, que non puidéramos contemplar e que se achegaba de novo.

Era "O segredo dos Hoffman", de Alejandro Palomas e Roberto Salgueiro, montada pola solvente compañía Lagarta Lagarta, e protagonizada por Ernesto Chao, Belén Constenla, Rebeca Montero e Xosé Barato.

Resultou bastante entretida pero houbo algunha cousa que non me gustou demasiado. O gran actor que é Ernesto Chao tiña un papel algo parecido, por momentos, pola súa forma de actuar, ao Miro Pereira de "Pratos combinados", e ademais coido que parte do público ía precisamente buscando iso, e deberon saír ben contentos. Pero a min non é a referencia que máis me gusta del, precisamente, e non me fixo tanta graza. Aínda lembro hai 15 ou 20 anos cando fixo de "Rei Lear", aquelo era outra cousa.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-10-2010 23:51
# Ligazón permanente a este artigo
A ciencia no punto de mira, de Jorge Mira
Hai uns días fun á Domus a un deses actos que me gustaría frecuentar máis, pero entre que non hai moitos e estou bastante liado, vou moito menos do que me gustaría a actos de divulgación científica.

Neste caso o célebre presentador televisivo da TVG e divulgador científico Jorge Mira presentaba o libro "A ciencia no punto de mira", publicado pola nova editorial Auga Editora, promovida por Xosé Antonio Perozo. Ademais deles dous, na presentación tamén estaba Marcos Pérez Valcárcel, director da Casa das Ciencias.

Aínda que eu ía con certo recelo, porque Jorge Mira me parece un pouco "showman" de máis, recoñezo que o pasei moi ben, resultou moi ameno, e como resultado de todo iso merquei o libro, que agardo poder ler dentro de non moito tempo.

Déixovos cun video dunha conferencia de Jorge Mira no Instituto Félix Muriel de Rianxo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-10-2010 23:46
# Ligazón permanente a este artigo
Libro sobre os aspectos xurídicos do Decreto do Galego
Hai uns días tivemos o privilexio na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda de asistir á presentación na Coruña do libro "Aspectos xurídicos do Decreto sobre o plurilingüísmo", coordinado por Luís Villares e editado por Laiovento.

Estivo o coordinador Luís Villares, xuíz moi novo e de grande proxección, que fixo un grande esforzo para vir dende Barcelona, Carlos Amoedo e o editor Pancho Pillado.

Foi unha exposición moi rigorosa e amena, cando o tema non o presaxiaba así, e sobre todo Luís Villares, na súa exposición, resultou tremendamente convincente.

Déixovos cun vídeo que atopei na rede que pode permitirvos comprobalo.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 29-10-2010 23:41
# Ligazón permanente a este artigo
Do papiro ao libro: o medo ao avance tecnolóxico
Teño o blog algo abandonado e teño uns cantos artigos para pendurar, pero estou bastante liado e aínda tardarei uns días en facelo. Pero axiña vou colgar un simpático video co que me crucei o outro día.

Unha das cousas que máis me está ocupando agora é o famoso Proxecto Abalar (Escola 2.0 en versión galega), que encherá de mini-portátiles os nosos colexios, ou mellor dito algúns deles.

E vai ser inevitable que nos últimos anos non se produza un choque tecnolóxico, sobre todo cos profesores máis maiores que non teñen ganas de moitas trangalladas con estes aparellos.

Entón alguén decidiu facer un satírico video que explica como debeu ser o trauma hai uns séculos cando chegaron os libros. Que vos preste.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-10-2010 23:27
# Ligazón permanente a este artigo
Hypatia
Onte estiven lendo unha especie de biografía novelada ou case ensaio sobre a vida de Hypatia de Alexandría, escrita por Pedro Gálvez, un intelectual con vastos coñecementos de antropoloxía, historia, economía e outras disciplinas que ten desenvolvido o seu traballo en diferentes lugares do mundo.

Para min é unha das figuras científicas máis importantes da historia, e alucinei cando a coñecín hai uns cantos anos. Alegreime moito de que Alejandro Amenábar a fixese máis popular coa súa película "Ágora".

Da súa vida sábese bastante pouco, por iso o autor encheu unhas 250 páxinas con moita información histórica sobre os importantes personaxes cos que interactuou, incluído o seu pai Teón, matemático e astrónomo, e tamén sobre o contexto histórico da ciencia e da cidade da Alexandría, berce do saber durante moitos séculos.

O autor afirma que coa súa tráxica morte a mans da secta dos parabolanos (secta fundamentalista católica moi forte en Exipto) rematou a gloriosa época da Antigüidade e comezou a escura Idade Media, xa que estabamos a comezos do século V, e durante esa época o fundamentalismo relixioso impediu o avance científico, que non volvería brilar ata o Renacemento, no s. XV. É curioso que algúns avances médicos, como a anestesia ou a operación de cataratas, que xa se facían daquela en Alexandría, "desapareceron" durante quince séculos, houbo que reinventalas no s. XIX.

A ver se aprendemos da historia e non volvemos repetir os mesmos erros.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-10-2010 10:49
# Ligazón permanente a este artigo
Decisións instintivas, de Gerd Gigerenzer
Acabo de ler un interesante libro sobre psicoloxía social (creo que podería estar encadrado nesa disciplina), escrito polo psicólogo alemán Gerd Gigerenzer titulado "Decisións instintivas" e publicado por Galaxia Guttenberg - Círculo de Lectores.

Non é un deses chungos manuais de autoaxuda que tanto abundan agora (que soa e desorientada está a xente que continuamente está buscando axuda) senón un libro con base científica moi sólida pero máis liviano, para conseguir a divulgación sinxela de descubrimentos científicos dos últimos anos.

Basicamente defende a idea de que, a diferenza do que cremos, a grande maioría das decisións que tomamos na vida non están baseadas en procesos racionais (sopesar razóns, contrapoñer pros e contras, comparar) senón en procesos intuitivos (fixarse en unha ou dúas características importantes e tomar unha decisión rápida en función diso). Estes últimos son máis rápidos e ofrecen unha porcentaxe de acerto igual ou similar aos racionais.

Fálase de moitos experimentos moi curiosos dos últimos anos que levaron a esas conclusión. Como exemplo tonto, poderemos dicir que a un grupo de estudantes universitarios americanos se lles preguntou cal de dúas cidades era máis poboada, se Detroit ou Milwaukee. E o mesmo se fixo cun grupo de estudantes alemáns. Fíxose o mesmo experimentos con dúas cidades alemás, Munich e Dortmund. Curiosamente, o índice de acerto dos estudantes eran maior nas cidades do outro país, non do seu.

Conclusión: para tomar unha decisión intuitiva acertada (algo moi habitual nun mundo de incertidume coma o noso) é moi beneficiosa unha certa ignorancia ou coñecemento parcial do entorno. Saber moi pouco ou nada, ou saber demasiado, poden facer que fallemos máis.

No caso das cidades, sucedía que a maioría dos estudantes dun país coñecían só o nome dunha das cidades estranxeiras, e non a outra, e diso deducían que era máis grande, e efectivamente era así. No libro veñen moitos máis exemplos sobre expertos deportivos que tiñan un índice de acertos en pronósticos menor que o de xente menos informada, ou expertos bursátiles que facían peores recomendacións de inversión que xente menos experta.

Déixovos un enlace a un pequeno video de cando Gerd Gigerenzer saíu no magnífico programa Redes, de Eduard Punset. Que pena, canto tempo que non vexo ese programa, nin sequera paso pola súa páxina web a ver os programas a posteriori. Por certo, o programa no que entrevistaban a este psicólogo (e todos os demais) debe poder verse alí, non volos perdades.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-10-2010 23:07
# Ligazón permanente a este artigo
Avatar 3D
Se non estou trabucado, xa en decembro de 2009 se presentou ao público a película Avatar en 3D, incluso sóame que xa participou nos anteriores Oscars e só levou uns poucos de tipo técnico.

Seguindo co meu estilo de ir pouco ao cine e non deixarme levar polas modas, onte pola noite fun ver esta película, que sospeito que esta semana ou a seguinte desaparecerá das salas de cine da Coruña.

A finais de setembro estreouse unha nova versión con varias esceas engadidas e decidín que era un bo momento para intentar vela (os anteriores intentos foran infrutuosos debido á avalancha de público). Considero que é a primeira película comercial de distribución masiva coa espectacular tecnoloxía 3D e tiña ganas de vivir a sensación.

As referencias previas eran bastante repetidas: hai un estado de opinión xeral de que a historia era bastante simple pero que o resultado visual era unha marabilla; ademais a película tamén é demasiado longa para a historia que conta.

Despois de vela, estou bastante de acordo con esa visión xeral, pero farei algunhas matizacións:

- Si, a historia non é moi complexa nin retorcida, pero tampouco me pareceu tan simple como esperaba. En todo caso, coido que é un defecto bastante presente no cine actual, principalmente americano, que é que máis se consume.

- As imaxes, en xeral, son dunha gran beleza, e a tecnoloxía 3D saca gran partido delas, está claro que facer unha película deste tipo e centrala nas paisaxes e crear unha natureza exótica dun planeta inventado é unha grande idea. E o resultado é alucinante.

- A película fíxoseme algo longa pero a beleza sublime das imaxes o compensaba en moitas ocasións. Ir ao cine para ver cousas que non podes ver no mundo real nin parir na túa imaxinación non é mala estratexia, en absoluto.

- Unha das cousas que menos me gustou é a puta manía dos americanos de meter a súa querencia paramilitar en todas partes. Sempre teñen que aparecer os seus putos marines para solucionalo todo, para ser explotadores, e incluso "os bos" da película rematan con arrebatos de ultraviolencia en suposta lexítima defensa. É dicir, sempre están facendo aflorar a codicia e a inxustiza inexplicable para ter excusas que xustifiquen as reaccións violentas dos personaxes que non teñen esa tendencia natural, teóricamente.

- Obviamente, en contraposición, a filosofía ecoloxísta e espiritualista da outra parte está moi ben, pero é que calquera cousa estaría ben comparada do puto militarismo yankee.

En definitiva, que estivo moi ben a experiencia pero hai que ter en conta unha cousa importante: cando dentro duns anos todas ou case todas as películas sexan en 3D vai haber que afinar máis a puntería nas imaxes e nas historias, o efecto sorpresa e novidade tecnolóxica estará totalmente anulado. Ademais, o alto custe das entradas non vai axudar, obviamente.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-10-2010 22:51
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal