Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Cea anual da Orquestra Tombalobos

Onte pola noite asistín á Cea anual da Orquestra Tombalobos en calidade de presidente da A. C. Alexandre Bóveda.

Para os que non a coñezan, é unha formación amadora de músicos tradicionais, que interpretan música popular galega, dando lugar a uns concertos moi amenos e divertidos. Básicamente, pásano ben amenizando festas e outros saraos.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.

PD: Na foto aparecen moitos dos seus integrantes ou membros principais, pero algunha das persoas que aparece non forma parte do grupo.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 25-10-2009 11:59
# Ligazón permanente a este artigo
Concertos de outono
O pasado venres comezou o V Ciclo de "Concertos de Outono" organizado pola A. C. Alexandre Bóveda, e celebrados na igrexa da Orde Terceira.

Neste concerto actuaba o trío Saiva nova, formado por Ernesto Riobó e Mihai Tanasescu ao violín e Daniel Canosa ao violonchelo. Tocaron pezas de F. Mazas, Leopold Mozart e Pleyel.

Gustou moito e aínda houbo bastante público.

Hai dous concertos máis nos vindeiros venres, ás 20:30 horas. O 30 de outubro tocan o guitarrista Ramón Carnota e o violinista Javier Cedrón. O 6 de novembro hai un concerto con Ramón Carnota como solista.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 25-10-2009 11:56
# Ligazón permanente a este artigo
Queremos galego
O pasado 18 de outubro saímos á rúa de novo para reivindicar o dereito dos galegos a usar o seu idioma, e a obriga de defender a nosa lingua e cultura dos ataques dos xenocidas culturais e voceiros da barbarie.

Sairemos as veces que sexa necesario. Se a unidade internacional de medida das posicións enfrontadas fora a capacidade de convocatoria de manifestación e a asistencia ás mesmas, está claro que ganamos por goleada.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-10-2009 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
Exposición e documental científico
Hai xa un par de anos, dende a A. C. Alexandre Bóveda, levamos a cabo un traballo de divulgación científica marabillosamente asesorados por Xosé Antonio Fraga, agora (daquela non) Director dos Museos Científicos Coruñeses.

Todo xirou arredor dun tema de investigación no que el é experto e no que estaba traballando daquela. Era a actividade científica na cidade ou comarca da Coruña na segunda metade do século XIX.

Tino Fraga deu unha amenísima conferencia no noso local sobre ese tema, fomos entrevistar a dous enxeñeiros agrícolas que traballaron na Granxa Experimental de Elviña (agora en Mabegondo), que foi fundada en 1888. Editamos un DVD que contén estes dous materiais gravados en video. E fixemos unha exposición que segue viaxando por aí.

E hai uns días levamos todo este material a Villa Florentina, en Cecebre, sede da Fundación Wenceslao Fernández Flórez. Presentamos o material e proxectamos o video da conferencia.

Polo que comentaban, todo o mundo quedou moi contento xa que Tino Fraga é moi ameno nas súas exposicións e conecta sempre moi ben auditorio.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 25-10-2009 11:46
# Ligazón permanente a este artigo
Ágora
Onte fun ver a última película de Alejandro Amenábar, titulada "Ágora", que trata sobre a vida de Hipatia de Alexandría. MARABILLOSA.

Recoñezo que xa ía algo vendido antes de entrar. Hipatia é un personaxe histórico que me fascina dende hai tempo. Fascíname pola súa sabiduría en campos moi complexos como a filosofía, a matemática ou a astronomía. Por ser muller e ser tan adiantada ao seu tempo (varios milenios seguramente), tanto que os fanáticos cristianos non puideron aturar a súa inmensa superioridade intelectual.

Máis ou menos, parece que Amenábar sabe facer películas, e nesta soubo, na miña opinión, manter a tensión dramática e ademais presentar unha boa perspectiva da impresionante persoalidade de Hipatia. Iso unido ao anterior, fixo que saíra marabillado da película.

Ademais é que se conxugan moitas das cousas ás que máis atención presto nos últimos tempos: posta en valor do papel da muller na sociedade, divulgación científica (que moita xente descubra a unha muller tan excepcional coma esta xa é un avance brutal) e denuncia dos fanatismos relixiosos (DE TODOS). Na miña paranoia incluso pareceume ver nunha das esceas máis interesantes da película (que non vou contar) unha crítica ao Creacionismo. Non sei se realmente a había, pero eu marchei contento como se a houbera.

O que me estraña agora é que o Vaticano ou a Conferencia Episcopal non fixeran boicots da película, será que están organizando algunha manifestación.

Un amigo co que coincidín na sala de proxección díxome que a el a película non lle enganchara, e que lle parecera ver moitos anacronismos científicos. Non teño moito coñecemento da obra científica de Hipatia, pero sospeito a que se podía estar referindo. Pero coido que vale a pena darse esas licencias creativas para que a xente coñeza a unha muller coma esta (e tamén a homes así, que os hai e houbo a centos), tan inxustamente descoñecida e esquecida.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-10-2009 19:29
# Ligazón permanente a este artigo
Recital poético de Cesáreo Sánchez Iglesias
O outro día veu o insigne poeta Cesáreo Sánchez Iglesias a dar un recital poético, pertencente ao noso ciclo de Poetas Coruñeses, á A. C. Alexandre Bóveda.

Deulle un repaso á súa carreira poética de máis de 30 anos de existencia. Recoñeceu que non pasaba máis de 3 ou 4 anos sen publicar, que estaba continuamente escribindo. E deleitounos cos seus versos e a súa prosa poética.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-10-2009 19:15
# Ligazón permanente a este artigo
Sempre festa
Onte pola noite fun, como en anos anteriores, a unha das funcións do xa célebre FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro, que se celebra en Carballo dende xa hai uns cantos anos.

Pero onte sabía que ía ao seguro. Tocaba representación a cargo do grupo madrileño Cuarta Pared, coa súa nova obra "Siempre fiesta". E xa sabemos que esa compañía é éxito seguro, nunca decepciona.

Intentarei contar máis ou menos de que trata a obra, pero tócanse moitos temas.

Xúntanse cinco persoas para celebrar a cea de Noiteboa. Son un matrimonio, bastante pijo, formado por José e María (que casualidade!!!), outro matrimonio ou parella, menos formal, entre Mateo e Daniela (semella unha inmigrante sudamericana) e unha rapaza chamada Eva, que é ecoloxista e unha persoa con moito compromiso social. María, Mateo e Eva son irmáns. Xúntanse porque os seus pais morreron e Eva, que é moi tradicional e incluso ten crenzas relixiosas bastante profundas quere lembrar o espírito das festas navideñas na súa casa cando eran pequenos.

Algúns deles, sobre todo Eva, asisten simplemente pola insistencia de María, a quen lle fai moita ilusión. Finalmente remata a festa despois de toda a parafernalia de rigor.

Ao día seguinte, María comeza a chorar e o seu marido lévaa a moitos médicos para intentar curar o seu descoñecido mal. Despois de moitas probas, alguén recoméndalle que volva a repetir as cousas que fixo a última vez que foi feliz.

E así vese como a partir dese día todos os participantes volven celebrar a cea de Noiteboa todas as noites á mesma casa, e nas mesmas circunstancias. Como María cae nunha profunda depresión despois de despedir aos invitados, ao día seguinte non lembra que xa o fixeron máis veces, e isto dá lugar a cantidade de equívocos moi divertidos.

Non vos conto nada máis, simplemente dicir que o pasamos de marabilla (como sempre con este grupo) e que a sociedade actual e o seu consumismo infatigable foron postas en tela de xuízo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-10-2009 15:31
# Ligazón permanente a este artigo
"Gomorra" de Roberto Saviano
Acabo de ler o impresionante libro de Roberto Saviano titulado "Gomorra", no que fala sobre a Camorra napolitana.

Teño que recoñecer que tiña certo recelo, e pensaba algunha estupidez como "que dirá este tío no libro para provocar que case rematara a súa vida xa que terá que ser escoltado eternamente, debido ao que revelou".

Pero xa cambiei de opinión. Non vivo nin vivín en Italia, pero escóitanse moitas cousas sobre a vida dirixida pola mafia sobre todo no Sur. E semella que a inmensa maioría da xente prefire non falar moito da cousa para non meterse en problemas. Pero el fíxoo, e a cousa está bastante máis xustificada do que eu pensaba.

Ireille dando un repaso somero ao libro e enumerando COUSAS ALUCINANTES que lin no libro e das que, supoño, non hai que desconfiar. Comecemos porque a lista é moi longa:

- Empeza dun xeito moi interesante, falando das excepcionais relacións entre a Camorra e as mafias chinas. Unha porcentaxe moi alta dos produtos "Made in China" que corren por Europa entran nela polo porto de Nápoles. Nese porto hai un terminal de contenedores xigantesco, e unha parte del está manexado polas mafias, italianas ou chinas. E hai non poucos contenedores que non constan oficialmente en ningún rexistro. Son pousados no peirao e uns minutos despois xa están saíndo do porto en camións en todas direccións.

- Algúns dos contenedores que veñen de China traen a persoas para traballar, en condicións infrahumanas, como é ben previsible. E algúns dos contenedores que saen para China levan cadáveres de chinos, xa que no "contrato" coas mafias chinas está incluído a devolución dos restos e o enterro nas aldeas de orixe. O libro comeza coa testemuña dun italiano que cargando co guindastre un contenedor nun barco chino, se lle abriu e comezaron a caer cadáveres que se desmembraban contra o chan. Os operarios chinos do porto meteron de novo os restos no contenedor, limparon o demais con mangueira e aspiradoras, e para diante.

- Na zona de Nápoles hai cantidade de fábricas clandestinas (moitas italianas e algunhas chinas) que fan as prendas de roupa das marcas italianas a prezos ínfimos. Polo que me pareceu entender, os prezos das fábricas italianas non están moi lonxe das chinas que hai instaladas en Italia.

- Hai algunhas vilas da zona de Nápoles, como Secondigliano, que están totalmente dominadas pola Camorra. Alí hai prazas enteiras onde se trafica droga con total impunidade. E hai cantidade de vixilantes, chamados pali, que avisan cando vén a policía e fan outras labores para que a delincuencia poida campar polos seus respetos.

- Unha parte importante (non lembro agora a porcentaxe, xa me perdín entre tantos datos) do tráfico internacional de armas pasa polas mans da Camorra Napolitana e Casertana. Aproveitaron sobre todo os arsenais dos exércitos de Europa do Leste cando caeu o Muro de Berlín. Pero véndenlle armas a moitos países de Asia e África que relativamente estaban embargados para eses negocios ou outros peores.

- E claro, unha das armas estrela son os fusiles soviéticos Kalashnikov. Un amigo do autor foi a Rusia coas vacacións pagadas pola mafia para coñecer en persoa a Mijaíl Kalashnikov, de quen era gran admirador. Pero o peor non é iso. Cando chega unha nova partida de fusiles Kalashnikov, próbanos directamente sobre os escaparates das tendas das vilas dominadas pola mafia. Así lémbranlle a todo o mundo quen manda na zona. Por iso é moi normal ver escaparates con buratos de bala. Se algún xa rompe de tantos impactos, non hai problema: as cristalerías da zona están controladas pola mafia. Negocio redondo.

- E aínda máis grave é que controlan totalmente a construción no sur do país. E cada vez están introducíndose máis no norte, que supostamente está libre destas cousas e é quen saca ao país adiante, aínda que iso é algo relativo, como veremos máis adiante. O de unir construción con mafia e corrupción seguramente podía aplicarse en todas partes, e probablemente non erraríamos demasiado.

- Houbo un cura novo, chamado Peppino Diana, que durante uns anos se enfrontou a eles e que non se atreveron a tocalo porque na mafia hai certo respecto pola relixión católico, ás veces ata puntos surrealistas. Por exemplo, nalgún dos seus laboratorios da droga, cortaban a cocaína facendo 33 raias, pola idade de Xesucrito. Flipante. Pero un día alguén decidiu que nin os curas tiñan salvoconducto, e mataron a Peppino Diana.

- Outra cousa alucinante é que hai unha vila da costa italiana, entre Nápoles e Roma (creo) chamada Mondragone, que ten unhas sensacionais relacións coa cidade escocesa de Aberdeen. Algún dos empresarios italianas decidiu nalgún momento que era boa idea illarse algo do abafante entorno do seu país e que estaría ben diversificar negocios noutro país moi diferente. Foron para Aberdeen e comezar a dinamizar o comercio e sobre todo o turismo. Polo que parece alí os negocios que fan son legais pero tamén teñen unha boa rede tendida e moi ben controlada. Calquera que chegue en avións fletados por eles dende Mondragone ten traballo asegurado en Aberdeen en boas condicións laborais.

- E, por último, os residuos. Unha das maiores fontes de financiación das "empresas" da zona é a xestión de residuos industriais de todo o país (si, do norte rico, tamén, principalmente de alí). Ofrecen uns prezos ínfimos por esas xestións que a todos os industriais lles importan un carallo e realmente non fan nada con eles, lévanos ao Sur e bótanos ou entérranos en calquera sitio. A terra do sur está totalmente degradada, e en moitos sitios xa envelenaron as terras de cultivo e provocaron enfermidades nos habitantes debido á toxicidade que inunda a terra e a auga. Ou sexa, que o norte rico tamén colabora a que o sur sexa pobre e decadente.

Como vedes, o panorama que pinta de Italia non é moi agradable, pero en canto estás alí xa calquera nota que moitas cousas non funcionan como noutros sitios.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-10-2009 23:18
# Ligazón permanente a este artigo
Esta guerra non prospera, de José Román Montesinos
O outro día inauguramos na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda unha nova exposición de fotografía. Titúlase "Esta guerra non prospera" e o autor é José Román Montesinos, catedrático de Xeoloxía.

Trátase de fotografía conceptual, que dá lugares a curiosas imaxes, nalgúns casos divertidas. No pasado este autor fixo fotografía de natureza, fixándose en formas xeolóxicas e similares.

Déixovos unha foto da exposición tal como a recolleu a prensa asturiana, xa que estivo exposta hai pouco tempo en Uvieu.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 10-10-2009 22:43
# Ligazón permanente a este artigo
Radio en CUAC FM
Dende hai xa uns cantos anos existe na Coruña unha moi interesante radio comunitaria que foi posta en marcha pola Universidade (creo) aínda que agora só depende en parte dela. Chámase CUAC FM.

Obviamente, non emite con moita potencia e non todos os aparellos poden recibila e non se recibe ben ou moi ben en todas partes, éche o que hai. Pero en teoría recíbese ben na comarca cercana á cidade e incluso parece que se escoita en Fene (por enriba do mar non é tan lonxe). Pola contra, en Laracha non se colle porque a súa frecuencia 103.4 está ocupada pola Radio Galega.

Ben, pois neste ano eu re-descubrín a emisora ao enterarme (xa o sabía pero este ano lembreino) que se podían alugar franxas horarias por un prezo moi baixo. Acaba de subir a tarifa, pero aínda así é moi asequible. Custa 25 euros ao mes, e dá dereito a emitir unha hora á semana, ou sexa, catro programas mensuais (algún mes cinco, se cadra).

Pois entre o curso anterior e este lanceime xa con dous programas: un cos alumnos do meu centro, a través do noso ENDL, e outro coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que teño a honra de presidir. Onte, martes 6 de outubro, foi a inauguración do curso cos dous programas. O primeiro de 5 a 6 da tarde, titulado "AF/DC (A fume de carozo)", e o outro de 7 a 8, titulado "Recendo".

Teño que recoñecer que me atraen os dous mundos paralelos da radio, tanto o da emisión da voz a través das ondas, como o dos aparellos técnicos, mesas de mesturas, etc. que o permiten.

Déixovos cun vídeo do grupo Dios ke te crew, xa que o primeiro programa cos meus alumnos, foi un monográfico musical no que incluso entrevistamos a García, un dos seus catro MCs (cantantes, para os que non estean familiarizados coa terminoloxía do rap ou o hip-hop, provén de "master of ceremonies", mestre de ceremonias)

Saúdos. Os Mártires da Caeira.

Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 07-10-2009 11:49
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal