Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Pinto de Herbón e Luís O Caruncho regueifando
Onte foi a segunda sesión do obradoiro de rap e regueifa que estamos impartindo na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Despois do comezo do rap en galego de García da semana pasada, agora tocaba a primeira sesión de regueifa a cargo dos mestres Pinto de Herbón e Luís O Caruncho.

Coa súa graza habitual, ensináronlles aos rapaces a facer cuartetas cunha determinada rima. Seguro que non o esperaban, pero pode que parte das técnicas que aprenderon onte lles sirvan para compoñer mellor.

Déixovos cun vídeo de regueifeiros.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 19-10-2008 19:21
# Ligazón permanente a este artigo
Breve historia da Coruña
O outro día asistín a presentación do libro "Breve historia da Coruña", editado por Baía.

Hai moitas cousas que levaron ata alí:

- Primeiro, a presentación foi na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, da que formo parte.

- Segundo, o autor, Félix Longueira, foi directivo da asociación e antes diso foi alumno meu.

- Terceiro, o fotógrafo, Manolo Graña, é directivo da asociación e amigo meu.

En definitiva, unha breve obra de consulta pero que pode ter éxito na cidade porque conta de forma moi amena e cercana algo que lle pode interesar a bastante xente desta zona.

Noraboa. Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 17-10-2008 16:05
# Ligazón permanente a este artigo
"Etxea", o novo disco de Kepa Junkera
O outro día veu á FNAC da Coruña Kepa Junkera a presentar o seu último disco, titulado "Etxea".

Consiste en cancións tradicionais en éuscaro que foron musicadas e cantadas por artistas de todo o mundo. Un experimento multicultural de primeiro nivel, como todo o que fai o acordeonista vasco.

Ademais aproveitou para dar unha clase mestra, e explicou sons da pandeireta, a trikitixa, a alboka e a txalaparta.

Déixovos cun video promocional do último disco.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-10-2008 16:00
# Ligazón permanente a este artigo
García, de Dios ke te crew, ensinando a rapear en galego
Hai poucos días comezou, por fin, o curso de rap en galego e regueifa que organizamos na Asociación Cultural Alexandre Bóveda xunto coa Concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística da Coruña.

Na primeira sesión non houbo moita xente, pero parece que gustou, e varios dos rapaces xa dixeron que o vindeiro día traerían a máis colegas. Xa sospeitabamos que neste colectivo ese método ía funcionar.

Deixo unha foto na que aparece García (á dereita) actuando co cantautor punk galego Leo. Fan un espectáculo en torno á poesía de Celso Emilio Ferreiro. García, en solitario, tamén fixo cousas do marabilloso poeta de Celanova, como unha versión rap de "Deitado frente ao mar". Se ides a Youtube podedes ouvilo. Non hai vídeo e só se ve o anagrama de Dios ke te crew.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-10-2008 23:25
# Ligazón permanente a este artigo
Ben falado!!!

Hai pouco a xente do programa da TVG "Ben falado!!!" veu ao colexio onde traballo. Querían gravar a algúns alumnos e profesores porque estaban interesados nalgunhas das actividades de fomento do galego que alí facemos.

Parte da gravación consistiu en facerlle preguntas a rapaces e rapazas pequenas, con adiviñas, porque sempre teñen unhas respostas moi simpáticas.

Despois entrevistaron a xente que traballa na nosa revista escolar, que xa ten 20 anos de existencia, está toda en galego, ten 64 páxinas, portadas en cor e só se fai un número cada curso (non dá tempo a máis).

Entrevistáronme a min como coordinador da mesma e despois a catro alumnos que o ano pasado fixeron dous dos reportaxes máis salientables: as entrevistas ao Reitor da UDC e ao grupo de música Loretta Martin.

Unha semana destas sairemos por alí. Creo que outros centros relixiosos que tamén fan cousas moi chulas van saír tamén neste programa.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 12-10-2008 23:21
# Ligazón permanente a este artigo
El patio de mi cárcel
Hai uns días, o anxiño que se preocupa por min e que insiste en que vaia ao cine de cando en vez, levoume a ver "El patio de mi cárcel".

Estivo ben. Conta a historia dunha funcionaria de prisións que entra a traballar na prisión de Yeserías nos anos 80 e intenta motivar ás reclusas montando un taller de teatro. Coido que está baseado nun relato real.

Está ben, pásase un bo rato. En calquera caso, hai algúns momentos bastante duros. A outra película candidata para ser vista aquel día era "O neno co pixama a raias". Joder, estamos feitos uns sufridores natos.

Como sempre co cine, déixovos a ficha na IMDB.

Saúdos. Grazas outra vez, meu anxiño da garda.
Ficha da película na Internet Movie Database
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-10-2008 23:14
# Ligazón permanente a este artigo
John Rutherford e o fermoso sorriso do profeta Daniel
A semana pasada fun á ceremonia de recepción de John Rutherford como académico de honra da Real Academia Galega. A resposta correu a cargo do académico Antón Santamarina.

O discurso de John Rutherford versou sobre o sorriso que amosa unha estatua do profeta Daniel que está no Pórtico da Gloria.

Incrible, o que non sexan capaces de ver estes eruditos. Estivo unha hora falando sobre a Biblia, o románico en Europa e moitas cousas máis, e todo xurdiu da estrañeza que lle causou ver unha estatua que sorría no Pórtico da Gloria.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-10-2008 23:07
# Ligazón permanente a este artigo
Premios La Opinión de música folk

Case por casualidade, o outro día chegáronme unhas invitacións para asistir á entrega dos Premios de Música Folk que organiza o xornal coruñés "La Opinión".

Fun algunha vez a algunha entrega de premios teatrais, e resultoume un auténtico coñazo. Parando cada pouco, aplaudindo, dálle outra vez, para diante, para atrás. Pero sendo de música e como ía haber concertos, tiña mellor pinta.

A entrega foi breve, cara ao final do acto. Houbo premios á traxectoria de Emilio Cao, ao grupo Entretrastes e a Xosé Manuel Budiño.

Houbo dúas actuacións breves ao principio:
- primeiro a interpretación do himno galego a cargo do gaiteiro Xesús Vaamonde Manteiga. Suponse que se fixo por ser este ano o centenario do himno galego. Presentárono como unha versión, pero dende logo é a versión máis parecida ao orixinal que ouvín nunca, non lle vin nada raro.
- un grupo formado por catro mulleres arpistas de Vigo (por certo, guapísimas todas) chamado Lulavai tocou catro ou cinco pezas. Prometen moito.

Despois houbo un concerto xa longo (cerca dunha hora debeu ser) do grupo Entretrastes, liderado polo guitarrista Xosé Liz. O máis curioso do grupo é que só ten instrumentos de corda. Tocaban guitarras acústicas, mandolinas, bouzoukis, contrabaixo, etc. O nivel de virtuosismo é altísimo. Ouvimos como tocaban muiñeiras, reels irlandeses e outras cancións de ritmo endiañado con guitarras, cousa que ten que ser dificilísima.

E rematou Budiño, tamén cun concerto longo. Había xa uns anos que non o veía en concerto. Sorprendeume bastante, xa que o grupo cambiou totalmente. Tiñan de invitado ao mítico percusionista galego Carlos Castro (xa debe levar 30 anos no tema), e con el eran catro na percusión e nas voces, un na guitarra eléctrica, un nos teclados e Budiño ao seu, gaitas e flautas. Dende logo, calquera cousa menos unha formación convencional de folk. Proxectaban audiovisuais, poñían sons pregravados, e tiñan un toque de música electrónica moi marcado. Sorprendeume e non me desagradou. Pero, como me dixo alguén, espero que os seus éxitos clásicos sigan soando, máis ou menos, como antes. Interesante o xiro dado por este mestre da gaita galega.

Ao final, coas tonterías, foron case tres horas de ceremonia.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-10-2008 23:03
# Ligazón permanente a este artigo
Luís Rei, Lugrís e a negra sombra
Hai uns días tiven a sorte, aínda que cheguei algo tarde, de poder asistir a unha charla do escritor e xornalista Luís Rei sobre a súa última novela, titulada "O señor Lugrís e a negra sombra".

Polo que dixo, xa era a sexta vez que viña á Coruña a falar do mesmo tema. Como está ambientada aquí e Lugrís pasou algúns dos mellores momentos da súa vida na nosa cidade, é relativamente lóxico.

É o xefe de cultura da TVG, e contounos moitas cousas moi interesantes sobre o personaxe de Urbano Lugrís, que era, polo que contan, todo un personaxe.

Xa se sabe que cada un ten os seus gustos, pero para min Lugrís foi un dos mellores pintores da historia. E non digo de Galicia, senón do mundo. Non digo que tecnicamente fora o mellor, nin nada parecido, pero a min os seus cadros transmítenme algo moi poderoso, síntome moi unido a eles. E non é localismo. Hai pintores de aquí que non me gustan, pero el encántame.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-10-2008 22:52
# Ligazón permanente a este artigo
Reválida de sexto
O outro día, o meu amigo José Antonio Andrade, que tamén é socio da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que teño o honra de presidir, presentou a súa segunda obra literaria.

Titúlase "Reválida de sexto", e fala sobre os estudios nun colexio privado de Carballo nos últimos anos do franquismo.

O salón de actos estivo cheo de amigos nosos e do autor, moitos deles avogados, feito que é inusual para nós (e creo que para eles tamén).

Tamén proxectou fotos que nos axudaron a entender mellor a historia e as situacións. Estouno lendo, aínda non rematei, pero resulta de moi doada lectura, lévase moi ben.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-10-2008 22:46
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal