Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

El beso de Judas: os últimos anos de Óscar Wilde
Onte fun ao teatro a ver "El beso de Judas". Unha obra do dramaturgo David Hare que trata sobre os últimos anos da vida de Óscar Wilde.

O actor principal, que encarnaba a Óscar Wilde, era Joaquín Kremel, que a min non me chista moito pero que non o fixo nada mal. En xeral, os actores estiveron ben, aínda que houbo varios que tampouco me convenceron demasiado.

Pero a obra non me chamou especialmente a atención. Algúns chispazos do xenio irlandés de Wilde (non sei se eran del ou do dramaturgo, pero lembraban bastante o seu estilo) pero a historia tampouco me enganchou demasiado. Non sei que sería. Creo que lle faltaba forza, e iso que as cousas que conta son bastante fortes, e unha situación moi complicada.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-10-2007 17:12
# Ligazón permanente a este artigo
Coro Saúde na Orde Terceira
A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, un ano máis, está organizando o ciclo de "Concertos de Outono", no alucinante marco da Igrexa da Orde Terceira.

Xa comezaron o xoves 18 de outubro co trío Saravande. E o xoves 25 actuou o Coro Saúde, formado por membros dos complexos hospitalarios da cidade.

O xoves 8 de novembro actuará o arpista Xabier Gómez, que dará un concerto de arpa céltica. E o 15 de novembro clausurarase coa actuación do Coro da Agrupación, magnificamente dirixido por Juan Brage.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 27-10-2007 17:21
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe a Lois Pereiro
O outro día celebrouse no mesón-taberna "A Saimia" un homenaxe ao malogrado poeta Lois Pereiro.

Foi organizado pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e por algúns dos membros do Colectivo Poético "De amor e desamor", do que Lois formaba parte. Como por exemplo Miguel Mato, propietario do mesón.

A primeira homenaxe a Lois, aos 11 anos da súa morte, feito que aínda agranda máis o seu malditismo. As anécdotas que contaron, os poemas que recitaron lembráronos a este gran poeta que morreu antes do previsto debido aos graves problemas de saúde provocados pola síndrome da colza.

Alí estaban Miguel Mato, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xulio López Valcárcel, Lino Braxe e Xabier Seoane. Botamos en falta a Manolo Rivas, que finalmente non puido acudir debido a un compromiso urxente e inesperado.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 27-10-2007 17:08
# Ligazón permanente a este artigo
"Stone!", de Theatre de la Guimbarde
Impresionante.

O sábado pola noite fun ao Fórum Metropolitano a ver esta obra de teatro.

É unha compañía belga, e supoñía que a obra sería muda ou se basearía na mímica. En absoluto, os tres actores falaban en español, e non o facían nada mal.

Pero había máis cousas sorprendentes. En primeiro lugar, non ocuparon o típico escenario elevado. Ocuparon a parte baixa do teatro, que non é en grada. E puxeron alí o seu escenario, que basicamente era un cadrado. Polos dous laterais, puxeron varias ringleiras de bancos, e puxeron alí a algúns dos espectadores, entre os cales me atopaba eu (nalgún momento estaba a un metro de distancia deles).

Máis cousas sorprendentes. Como vedes na foto, un dos tres actores é batería e estaba nunha plataforma elevada. Foi o último en chegar, presentou aos outros actores e introduciu a obra. Despois facía algúns comentarios e facía efectos de son.

Os outros dous tocaban a guitarra e o baixo eléctricos, indistintamente. Tiñan unha posición habitual tocando pero nalgún ocasión intercambiáronse os lugares e, polo tanto, os instrumentos.

Tocaron algunhas cancións que debían ser deles e outras que debían ser comerciais. Eu recoñecín unha: "Where is my mind?" de The Pixies (que ademais me gusta bastante, mira ti que ben!!!!).

A trama ía de dous adolescentes, de 13 e 15 anos que andan facendo gamberradas e que, nunha delas, tirando pedras dende unha ponte sobre unha autopista, matan ao conductor dun coche.

Do mellor que teño visto nalgún tempo. Teatro fresco e moi apetecible. Nada que ver con estas vellas glorias que en moitos casos viven de rentas.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-10-2007 19:52
# Ligazón permanente a este artigo
Festa da Lingua 2007
O venres 19 de outubro de 2007 celebrouse a Festa da Lingua que serviu para entregar os galardóns da III Edición do Premio Literario "Frei Martín Sarmiento", que organiza a Comisión de Normalización Lingüística da FEREGA (Colexios Relixiosos de Galicia).

Alí se xuntaron algo máis de 800 alumnos de toda Galicia que ían aplaudir e coñecer aos catro autores (algún máis realmente) ganadores desta edición: Pinto e Chinto, Eva Peydró, Breogán Riveiro e Agustín Fernández Paz.

Tristemente, Pinto e Chinto e Eva Peydró non puideron estar, pero enviaron aos seus editores para recoller os premios e falar aos rapaces.

Aí vedes unha foto co salón de actos do colexio La Salle de Santiago ateigado de xente nova á que lle gusta ler en galego.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 21-10-2007 19:41
# Ligazón permanente a este artigo
Dando conferencias
O outro día dei, ou mellor dito, axudei a dar unha conferencia.

Eu xuraría que a primeira vez que fixen algo parecido foi no verán de 1995 cando fun a un congreso de informática a Tenerife a contar algo sobre a tesina de licenciatura que fixera o curso anterior. Non estivo mal, pero tampouco foi gran cousa.

Daquela o que fora gran cousa foi a experiencia de estar unha semana con (case) todos os gastos pagos na illa de Tenerife, concretamente en Puerto de la Cruz. E viaxar en avión por primeira vez, claro.

O do outro día foi diferente. A conferencia foi deseñada por min (aínda que será impartida nas sete cidades galegas por seis persoas diferentes, entre as cales me atopo, obviamente) e na estrea unha compañeira pediume que subira con ela porque entre os dous seguro que podíamos explicar mellor as cousas. E alí fun.

Creo que máis ou menos gustou. Por certo, a conferencia foi sobre normalización lingüística, un dos campos nos que levo anos traballando. Concretamente, no traballo que levamos feito nos últimos catro anos dende a Comisión de Normalización Lingüística da FEREGA (Colexios Relixiosos de Galicia).

O xoves 15 de novembro teño que dala en Ferrol. A ver se sae todo ben.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 21-10-2007 19:30
# Ligazón permanente a este artigo
Ingreso no Instituto Cornide
O biólogo Xosé Antonio Fraga Vázquez é o director do Instituto de Monelos, na Coruña. Ademais é o presidente da Asociación de investigadores Ramón de la Sagra.

Dende este ano 2007 colabora coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda na organización de conferencias e programas científicos.

E o martes 16 de outubro de 2007 leu o discurso de ingreso no Instituto Cornide de Estudos Coruñeses. Leu un discurso sobre o naturalista ferrolán Víctor López Seoane, do cal chegou a dicir que el e un grupo de investigadores descubriran que falseara as datas dalgúns dos seus traballos para "finxir" ser o introdutor ou descubridor de determinados avances científicos. Parece que o seu carácter personalista e ególatra axudou nesta errada toma de decisións.

Pero en todo caso, estamos aquí para falar de Xosé Antonio. Seguramente o mellor coñecedor da historia da ciencia en Galicia. Noraboa por este "galardón" e agardemos que sigan os seus fantásticos traballos e publicacións.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-10-2007 19:21
# Ligazón permanente a este artigo
Al filo de lo imposible
E escribo tamén hoxe sobre o outro programa de televisión que vexo con regularidade: "Al filo de lo imposible", na 2.

Xunto con "Redes" (tamén na 2) e "Historias de Galicia" (TVG) forman o meu corpus televisivo actual. E coincide que todo é o domingo pola noite.

Estes días estiveron botando piragüísmo nas fontes do Nilo. Pero como están celebrando os 25 anos de programa, están botando o mellor da súa historia. Creo que xa hai algún tempo que non fan material novo. Pero agradécese igual.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-10-2007 00:27
# Ligazón permanente a este artigo
A Guerra Civil Española
Nesta ponte de tres días tiven tempo para facer algo que xa botaba de menos: ler un libro.

Boteime a por "La guerra civil española" de Paul Preston.

Tiña ganas de darlle un repaso a esta importantísima parte da nosa historia, e pareceume que este libro e este autor ían ser unha decisión correcta.

E coido que non me equivoquei. Edición que acaba de revisarse despois de 20 anos da súa estrea, e cun apéndice onde se fai un repaso de 30 páxinas coa lista de mellores libros escritos sobre este tema.

Agora xa sei moito máis que hai tres días.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-10-2007 00:23
# Ligazón permanente a este artigo
Romeo e Xulieta
O outro día fun ver a montaxe de "Romeo e Xulieta" que fixo Teatro do Noroeste, dirixidos unha vez máis por Eduardo Alonso.

Agás Luma Gómez, todo o resto dos actores eran xente moi nova, e pareceume ver tamén moita xente nova no público. Non sei se houbo algún tipo de promoción especial ou algo así.

Gustoume. Como sempre, poucos medios pero moita ilusión, pero con imaxinación sempre se superan os problemas. O sistema de dous andamios con rodas para representar as mansións dos Capuleto e dos Montesco, moi interesantes. E unha pequena sirena azul nunha esquina do escenario que servía para avisar da chegada da policía, tamén moi imaxinativa.

Fíxose algo lenta polo medio, pero creo lembrar que xa me deu esa impresión cando lin a obra.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-10-2007 00:19
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal