Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Mar de Oza
Acabo de ver no Fórum Metropolitano un documental encargado pola Asociación de Veciños de Oza, Gaiteira e Os Castros (que organiza tamén este ciclo de proxecións), titulado "Mar de Oza", e que fala sobre que pasará co porto interior da Coruña se, como se di, algún día marcha todo para o porto exterior, e se lle poden dar novos usos.

Non me gustou demasiado, o son non era demasiado bo, participaban unhas cantas persoas, e en troques de alternar as súas imaxes para quitarlle certa monotonía, non, se agrupaban as da mesma persoa, que despois case non volvía aparecer. Ademais, falábase dalgunhas cousas que eran colaterais, como a limpeza da ría do Burgo, e por momentos, parecía algo propagandístico dalgún partido político.

Nada, había boa intención, ademais formaba parte do interesantísimo proxecto Cultura de Barrio, pero creo que o resultado foi algo máis mediocre do que me gustaría. Cousas que pasan.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-01-2019 23:14
# Ligazón permanente a este artigo
Gran Concerto de Aninovo de Johann Strauss
Todos temos visto algunha vez o Concerto de Aninovo que se retransmite dende Viena o 1 de xaneiro. E dende hai anos, anda de xira por Europa "unha orquestra" que o imita, para que todos poidamos ter esas mesmas sensacións.

Pola Coruña penso que pasa todos ou case todos os anos. Pero eu non o vira nunca e tiña certa curiosidade por saber como era, como soaba esa música e algo menos de interese polo baile. E onte si tiven a ocasión.

Por comezar por algures, non está nada claro que é exactamente a Strauss Festival Orchestra. Cando ía comezar o concerto, alguén me dixo que realmente era a Orquestra da Ópera de Minsk. E dende logo, os que actuaban e sobre todo, os que bailaban, tiñan unha cara de rusos (ou bielorrusos), que tiraba para atrás. E cando saín vin aparcados dous autobuses con matrícula de Bielorrusia.

Pero polo que estiven mirando, non debe ser a única que "move esa marca", senón que debe haber varias que se suplen e, entre todas, cubren o territorio europeo. Nunha web falaban de varios directores da orquestra (eu non recoñecín ao que dirixiu onte, entre os varios dos que falaban), e entre as varias sopranos, si que recoñecín á que cantou onte na Coruña, que por certo, era tamén bielorrusa. Vexo directores bielorrusos, rusos, ucranianos e incluso algún búlgaro. E sopranos tamén bielorrusas, rusas e ucranianas.

En canto ao baile, que non me interesa demasiado, pois nada, un postureo terrible. Uns sorrisos forzados continuos, e ademais deberon pasalo mal, porque o espazo que tiñan para bailar era bastante estreito, así que deberon facelo con moito coidado.

Pois nada, que se pasou ben, xa tiven a experiencia, pero tampouco creo que repita, que non foi para tanto. Pero vaia, había tamén algo de pallasada, ás veces saían algo disfrazados o director ou algúns músicos, nunha peza fixeron un estraño número cun balón de fútbol, unhas tarxetas amarela e vermella, unha bandeira do Madrid e outra do Barcelona: absurdo humor bielorruso. Isto é o que queda do Imperio Austro-Húngaro.

Saúdos.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-01-2019 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
Tempo despois
Acabo de ir ver a película que acaba de estrearse reivindicando ser a "secuela espiritual" de "Amanece que no es poco". A idea non está mal, porque ten un aire de humor absurdo moi similar a aquela, pero vaia, era poñerse o listón moi alto.

E efectivamente, non se pasa mal, e algunhas cousas teñen bastante coña, pero en xeral, é bastante máis frouxa que aquela, como era máis ou menos previsible. Tamén é certo que aquela destacara no seu momento por sorprender tanto co seu humor absurdo e surrealista, pero claro, ese efecto xa se perdeu na segunda ocasión, sobre todo se te reivindicas como certa secuela.

A trama é ben simple. Os ricos viven no único edificio que queda en pé, que son as Torres Blancas de Madrid, e está rodeado do deserto americano do Monument Valley. E os pobres viven nunhas chabolas e barracas que hai cerca, nun bosque, e un dos seus líderes intentar entrar no edificio para vender a súa limonada.

Esto trastoca completamente a vida nos dous entornos. Os ricos, que son moi cultos, e falan sempre con versos e citas eruditas, póñense a debatir se deben permitir que entren os pobres (chámanlles parados). No edificio está instaurado un sistema capitalista bastante curioso (alí lle din "salvaxe", pero non o parece tanto, senón bastante absurdo), que ve tambalearse todo o seu mundo con esa posible entrada. E por se non chegara con iso, o edificio dos ricos está gobernado por un rei tiránico e estúpido (e o peor é que todos o saben e o teñen claro), que quere procrear coa xefa de gabinete, da que ademais se namoraron dous dos líderes dos parados pobres (e ela deles tamén). Como vedes, un absoluto disparate.

Un dos detalles máis curiosos é que o único edificio en pé que deixaran fora o das Torres Blancas de Madrid. É un rañaceos bastante curioso, dos anos 60, ao comezo da Avenida de América (ou sexa, a Nacional II), deseñado polo arquitecto Sáinz de Oiza (que despois de construído, viviu sempre alí), cunhas formas cilíndricas bastantes atractivas. O que pasa é que non está moi céntrico, e supoño que por iso non ten demasiadas visitas turísticas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-01-2019 22:43
# Ligazón permanente a este artigo
Ons
Por razóns que non veñen ao caso, acabo de ler unha breve e amena noveliña que merquei hai uns mes, cousa que non é nada habitual en min. A miña cola de lectura é tan longa, que o común para un libro que chegue á miña casa é ter que esperar meses e, sobre todo, anos (nalgúns casos pode chegar a 6-8) ata que lle toque a quenda de ser lido. Pero neste caso, danse unhas circunstancias un tanto especiais que lle fixeron avanzar na cola de xeito acelerado.

En primeiro lugar, é unha novela breve que se le nunhas 3 horas, máis ou menos. Iso sempre axuda, claro. Segundo, coñecín en persoa ao autor un determinado día, e uns días máis tarde, ese mesmo autor tiña un stand compartido no Culturgal, volvín topar con el, e despois das explicacións que me dera, esta novela me atraía especialmente, porque é do tipo das que moitos leíamos na nosa infancia, como "Os Cinco" ou "Os Hollister". E a nostalxia ataca.

Ademais, estudou no mesmo colexio no que estudei eu, e no que agora traballo, e el saca estes libros autoeditándose. Polo tanto, se o libro nos parecera interesante, non é imposible que fixera unha nova reedición do mesmo para poñelo como libro de lectura no meu colexio, e seguro que viría encantado a falar da súa obra. Non é ningún disparate, porque xa leva 10 edicións do libro, e case 2.000 exemplares vendidos. Cifras moi interesantes para o reducido mercado do libro galego.

Pois iso, a trama é ben sinxela. Dous rapaces que viven todo o ano na illa de Ons, chamados Suso e Roi, reciben a visita dunha amiga que vén todos os anos pasar un mes na illa, que se chama Anabel e é da Coruña. E Anabel vén este ano cunha curmá súa que é de Guitiriz, chamada Fátima. E a este grupo de catro rapaces, acompáñaos sempre que pode, pois vai algo vella e cansa, a Rula, unha cadela da Illa que é de Suso.

No primeiro día no que están todos xuntos sucede algo terrible (nin sequera iso vou contar) e nuns poucos días sucédense unha serie de feitos que fan que a historia sexa moi entretida e amena. Lese moi facilmente e resulta algo adictiva, así que penso que pode estar moi ben para xente destas idades.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-01-2019 10:53
# Ligazón permanente a este artigo
As covas de aceiro
E a cuarta novela lida neste Nadal foi "As covas de aceiro", escrita por Isaac Asimov nos anos 50 e traducida ao galego pola curiosa editorial Hugin e Munin.

Como seguramente xa teño comentado aquí algunha vez, interésame moito o xénero da ciencia ficción. Non é que perda a cabeza por el, pero case sempre me resultar moi atractivas as súas historias. E aínda que resulte algo raro, o máis suxerente para min é a invención de mundos, razas, convencións sociais e relacións entre eses seres diferentes aos do noso mundo actual, aos que se ven obrigados os autores para levar adiante as súas obras.

Isaac Asimov é un dos autores con máis prestixio neste xénero, pero eu apenas lin nada del. Lembro que xa hai varias décadas, un amigo prestoume "A fundación", a primeira dunha saga de novelas. Non lembro apenas nada dela, pero creo que estaba bastante ben. Estaría ben volver lela, pero non sei se iso sucederá algún día, non sei se a vida me dará para tanto. E como xénero puramente divulgativo, sei que tamén lin "O universo" deste autor, e ese libro si que me marcou moitísimo. Creo que tamén mo prestou o mesmo colega, e non me importaría o máis mínimo conseguir aquel libro e volver lelo.

Esta novela non é moi extensa e resulta bastante atractiva. A escusa da trama é a investigación dun crime, tema moi manido na novela e no cine.

Pero o curioso é que a Terra está poboada polos humanos, en inmensas covas de aceiro subterráneas. Hai unhas 800 Cidades, todas elas xigantescas, cada unha duns 10 millóns de habitantes, que dan lugar aos 8.000 millóns de humanos (curioso: no mundo real xa case chegamos a esa cifra, pero non nos organizamos así, nin de lonxe). A trama transcorre en Nova Iork, que debe ser das máis grandes, cuns 25 millóns de habitantes.

Pero na Terra tamén hai robots, nunha zona illada chamada Urbespazo. E algúns robots están xa traballando e integrándose nas Cidades dos humanos, pero non son ben vistos, e hai grupos de humanos que queren resistirse a esa entrada e prefiren volver ao aire libre, eses grupos son coñecidos como "medievalistas".

Pois resulta que un dos principais mandatarios científicos dos robots é asasinado en Urbespazo, e se organiza un grupo de dous detectives (un humano, que é o protagonista principal, e outro que é un robot, aínda que non o parece). Os robots din que tivo que facelo un humano, pero ao detective humano parécelle moi difícil, porque cando entras no Urbespazo non podes levar armas e é moi complicado chegar.

Pois a novela trata diso, e moito dela xira en torno ás relacións entre humanos e robots, a posibilidade colonizar outros planetas, etc. Ou sexa, o que eu dicía, os autores teñen que darlle moitas voltas á cabeciña para crear esas novas sociedades con protagonistas que aínda non existen agora, un grande exercicio de imaxinación que eu agradezo moito.

Como curiosidade, diremos que nesta novela é onde aparecen as tres Leis da Robótica que suxeriu Isaac Asimov. Pero non as propuxo nun artigo científico, senón nesta novela.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-01-2019 14:04
# Ligazón permanente a este artigo
No corazón do mar
Comecei o ano 2019 con forza, e xa me merendei un libriño. Certo é que non era un "tocho" insufrible nin inmenso, pero non está mal para comezar.

Este libro xa levaba varios anos na miña casa, tiña unha idea aproximada sobre o que trataba (máis ou menos esquecida polo tempo transcorrido), pero levei unha certa sorpresa, e positiva, polo que finalmente resultou. A ver se consigo explicalo ben.

Seguro que todos escoitastes falar da famosa novela "Moby Dick", escrita polo novelista norteamericano Herman Melville a mediados do século XIX. Está considerada unha gran novela, unha das bases da novela norteamericana (que tampouco teño tan claro se é tanta honra), e fíxose algunha versión cinematográfica que acadou grande fama.

Pois este libro que lin, titulado "No corazón do mar", e escrito por Nathaniel Philbrick, é algo así como unha crónica ou investigación do que lle pasou ao barco baleeiro "Essex" a comezos do século XIX, truculenta historia que marcou á sociedade americana durante décadas. E Herman Melville inspirouse nalgúns aspectos desa historia para crear a desacougante "Moby Dick", pero vaia, non son a mesma historia.

Eu lin hai anos Moby Dick, e vin a película famosa protagonizada por Gregory Peck (non sei se houbo máis versións) e, se non lembro mal, centrábase na persecución do cachalote ou balea branca e no rancor e ansia de venganza do Capitán Achab, que xa fora ferido por ela. Sinto o spoiler pero o final desa novela consistía en que o cachalote se sumerxía, despois de ser arponeado, e levaba para o fondo ou a pequena barca baleira na que estaba Achab (creo que era así) ou o barco "Pequod" completo (creo que non era así). Pero vaia, o espírito da historia era ese. Para rematar este comentario, teño entendido que o libro "orixinal" era moi extenso e que tiña longos capitulos dedicados a falar da psicoloxía de Achab, do cachalote, do mar e da vida no mar. Eu creo que lin unha versión "resumida" na que suprimiran todo iso, e deixaran só as partes de "acción".

A novela publicouse en 1851, pero esta historia transcorreu 30 anos antes, concretamente nas últimas semanas de 1819 e as primeiras semanas de 1820, e ten algunhas similitudes con esa historia de Melville, pero só algunhas. A principal é a de comezar a ver aos cachalotes (polo menos a algúns) como seres malignos que podían atacar e vengarse dos barcos baleeiros. A pesca da balea en Norteamérica estaba crecendo a un ritmo desenfrenado e eran especialmente apreciados os cachalotes, polos seus inmensos depósitos de aceite ou espermaceti. Pero ata aquel momento, eran uns animais moi inxenuos e que resultaban moi doados de atacar e cazar, pola súa extrema confianza. Esta terrible historia fala por primeira vez dun cachalote que ataca un barco, pero o máis terrible foi o que pasou despois, así que o feito de que houbera un cachalote máis agresivo que os outros, sorprende bastante, pero é relativamente secundario na historia. Porén, na novela de Melville, é un feito esencial a "maldade" do cachalote. Parece que Melville coñeceu en persoa a algún familiar dos supervivientes deste incidente, e quedou moi obsesionado coa historia.

Vaiamos co tema. Pois nada, a mediados de 1819 partiu da illa de Nantucket (na costa leste dos Estados Unidos, cerca de Boston), que era a principal sede dos baleeiros americanos da época, un barco máis deste tipo, chamado o "Essex", que xa fixera varias viaxes, pero ía algo vello, tiña uns 20 anos. Estreaba capitán, George Pollard Jr., e levaba, como era habitual nesa época, a moitos mariñeiros inexpertos, como rapaces adolescentes, ou negros que non tiñan experiencia no mar, pero tamén querían saír da pobreza. É importante sinalar que o primeiro oficial era un tal Owen Chase, que tiña xa coñecementos e maneiras de capitán, pero que non o era, porque xa había outro máis maior e experimentado.

Cruzan o Atlántico, paran nas Azores, en Cabo Verde, e cruzan o Cabo de Hornos, xa con algúns desperfectos porque se cruzaran con algúns temporais moi fortes. Nada que non fora habitual nesa época e dedicándose a iso. Van subindo pola costa oeste de Sudamérica, paran nas Galápagos para aprovisionarse, por exemplo, de carne de tartaruga xigante. E pouco despois diso, chega o momento clave.

Xa levaban recollido o aceite duns cantos cachalotes, algúns bastante grandes, e atopan un que parece especialmente grande. Comezan a persecución, pero nalgún momento, cando crían que xa o tiñan dominado, mergúllase, e aparece pouco despois cerca do barco, e atácao cunha inusual violencia. Deixa o barco bastante tocado e aparece de novo moi cerca del, e Owen Chase, que tiña o arpón na man, decide non lanzalo, porque o cachalote estaba moi cerca do timón, e se reaccionaba con violencia, podía destrozar o barco e deixalo sen goberno. Polo visto, este feito aparentemente secundario traumatizou a Owen Chase e parte da tripulación durante bastante tempo. O caso é que o cachalote escapa, canto estivo a tiro, e pouco despois, volve atacar o barco, e déixao totalmente desarborado.

Entón, aos mariñeiros do barco non lles queda máis remedio que baixar ás tres barcas baleeiras que lles quedaban (deberían ter máis, pero naquela viaxe moitas cousas estaban saíndo mal) e comezar a buscar unha saída. Estaban no medio do Pacífico, moi lonxe de todas as illas coñecidas, e a cousa pintaba moi mal. Un detalle importante é que decidiron non deixarse ir cara ao oeste, que era o que lles quedaba máis cerca e favorable polas correntes e os ventos, porque nas Illas Marquesas e o que hoxe coñecemos como Tahití, dicíase que os nativos eran caníbales (xa veredes que importancia acaba tendo isto).

Así que comezan unha estraña e errante travesía polo Pacífico, a varios miles de millas de Sudamérica, para intentar atopar illas, terra, ou cruzarse con algún barco baleeiro que os salve. Incluso atopan un illote de tipo coralino, no que tres mariñeiros deciden quedar, para ver se alguén os recolle alí. A deshidratación, a inanición e a sede fan estragos.

As tres barcas están lideradas por George Pollard, Owen Chase e a última e máis sinxela por Matthew Joy. A e Owen Chase, nunha noite e sen querer, sepárase das outras dúas. Despois de esgotar as reservas de alimentos, van morrendo os tripulantes nas diferentes barcas. E por moito que lles doa, a desesperación fai que se plantexen a posibilidade de comer a carne dos mariñeiros mortos, para sobrevivir eles. Así que o canibalismo que tan mal lles parecía dos nativos das illas do Pacífico, acaban practicándoo eles cos seus propios compañeiros. Ademais, dase o caso, aínda que parece que foi por motivos fisiolóxicos, que a maioría dos primeiros homes que morreron, e foron devorados polos demais, eran negros. Esa parte da historia non gustou nada en Nantucket, aínda que non parecía haber motivos racistas nin nada parecido. Incluso se deu algún caso bastante feo, como a barca de Pollard, no que botaron a sortes quen era o seguinte en morrer, para alimentar aos demais, e tocoulle a un familiar de Pollard. Incluso había rumores de que o matara el mesmo, pero semella que non era certo. Pero esa historia perseguiuno sempre.

O final foi moito mellor do que parecía inicialmente. Da barca de Chase, salváronse tres, da barca de Pollard, dous, e os tres que quedaron no illote coralino foron recollidos uns meses máis tarde. Todos volveron, antes ou despois, a Nantucket, e foron intentando refacer as súas vidas. Pero esa historia marcou a vida dos baleeiros da illa e a do país, en certa medida.

Ou sexa, libro moi interesante que conta unha historia ben atractiva. Outra cousa é que resulte algo truculenta nalgúns pasaxes, é lóxico, pero apréndese moito e non se aburre un nadiña.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-01-2019 14:01
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal