Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

"Terra" de Xurxo Mariño
Outro libro que lin no Nadal foi "Terra" do magnífico divulgador científico galego Xurxo Mariño.

O caso é que hai 3-4 anos, el e a súa parella, marcharon dar unha volta ao mundo, para coñecer diferentes culturas, visitar lugares marabillosos e todo iso que non parece nada aburrido.

Intentaron ir visitando países e hemisferios de forma que sempre lles coincidira verán e primavera, así a equipaxe era menos pesada e cómoda.

Comezaron saíndo de Galicia e indo en dirección a Cabo Verde. De alí foron a Sao Tomé e Príncipe. E de alí a Namibia. Botswana e Sudáfrica. En África visitaron as cataratas Victoria, o deserto de Namibia, o Cabo Esperanza e viron alí ás baleas. Casualmente estaban alí cando morreu Mandela.

Dende Sudáfrica pasaron a Sudamérica, onde estiveron visitando os famosos glaciares da Patagonia, como o Perito Moreno e o Upsala. Rodearon o Cabo de Hornos e pasaron a Chile. Cruzaron a Bolivia, e dende alí a Brasil para visitar a Amazonia. E tamén visitaron Cuzco e Machu Picchu en Perú. Estiveron en Ecuador porque foron visitar as Illas Galápagos, e despois marcharon a Cuba.

Dende Cuba voaron a Estados Unidos (con escala intermedia, directo é imposible). Non é un país que lles guste moito (a min tampouco) pero querían visitar o canón do Colorado, o Val da Morte, e as Montañas Rocosas. Dende alí voaron a Hawai, illas volcánicas.

Dende alí saltaron á Polinesia Francesa en Tahití. E despois a Nova Zelanda e Australia. Dende aí saltaron a Asia, entrando por Singapur. Visitaron Vietnam, China e Mongolia.

Intentaron entrar en Rusia dende alí, pero non foi posible, así que tiveron que marchar xa para Europa, onde visitaron Finlandia, Dinamarca e Londres (isto non era exploración antropolóxica, xa era outra cousa, a perla final). E voltaron a Galicia uns 11 meses despois de partir.

Como Xurxo escribe moi ben e sabe moito, e sabe contalo, e ten interese por moitas cousas atractivas, pois o libro é unha delicia. Se podedes lelo, non o dubidedes.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-01-2018 23:45
# Ligazón permanente a este artigo
Star Wars 8: Os últimos Jedi
Como cada Nadal alterno, toca pasar por caixa para ver a nova entrega de Star Wars (só queda 1 da historia xeral, pero seguro que o estiran por algures, e algúns spin-off que se inventarán).

Nesta ocasión era "Os últimos Jedi", no que Rey (a nova heroína da saga) atopa a Luke Skywalker nunha illa remota, e fala con el sobre a fin dos Jedi, se se une a eles contra o imperio, e cousas similares.

En paralelo a esa historia, o resto da resistencia está escapando porque o Imperio, liderado por Snoke, ten intención de exterminalos.

As dúas historias van confluíndo e a cousa remata en que os poucos da resistencia que quedan vivos, seguen escapando para a batalla final que terá lugar na seguinte película, suponse.

Esta saga ten tantos fanáticos e tanta tontería ao seu redor, que eu xa paso de verter opinións sobre a mesma. De momento, aínda me segue entretendo, e paréceme que as películas son bastante dignas e pasables. Non me vou meter se son máis fieis ás orixinais, se non deberían selo, se as personaxes non sei que ou non sei canto. O que está claro é que os vellos actores van caendo como moscas (algúns incluso na vida real, como Carrie Fisher) e que a seguinte entrega será a final... ou non.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-01-2018 23:28
# Ligazón permanente a este artigo
II Galicia Magic Fest
Un ano máis, o mago galego Pedro Volta organizou unha mini xira pola nosa terra con algunhas das mellores figuras da maxia mundial. Na Coruña viñeron ao Teatro Colón nos primeiros días do ano 2018.

Nesta ocasión estiveron:

- Dúo Kybalion: unha parella rusa que basicamente eran capaces de cambiar de roupa a grande velocidade sen que te decataras como o facían.

- Tina Lenert: polo visto, unha histórica maga estadounidense que namorou a Pedro Volta cando el era pequeno, pero que agora non parece namorar a ninguén. Facía un número moi pequeniño, moi poético (isto en maxia a min non me convence demasiado) e non demasiado vistoso, na miña opinión e na de todos os que foron comigo.

- Henry Evans: arxentino (a pesar do nome) que foi do máis espectacular. Fixo uns números con moedas e con cartas absolutamente flipantes, e moi difíciles de explicarse. No máis alucinante, sacou a cinco persoas do público, alguén deulle unha baralla de póker a cada un deles, eles foron escollendo unha xogada dese xogo, e ao final, cada un sacou unha carta do seu mazo coa que se conformaba a xogada. O mago non chegou a tocar ningún dos cinco mazos en ningún momento...

- Miguel Gavilán: mallorquín que foi o único que fixo números do estilo de desaparicións, cortar a alguén, meter a alguén nun espazo moi reducido e desaparecer, etc.

Pois nada, un ano máis, estivo bastante ben a gala.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-01-2018 23:19
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal