Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Get back
Con este título de canción dos Beatles, a compañía galega de teatro Eme2 presenta unha obra escrita por Diego Ameixeiras.

Nun vagón de metro londinense da liña Bakerloo van cinco persoas (obviamente, sen comunicarse entre elas). De súpeto, o vagón pega un frenazo e vaise a luz. En inglés, as mensaxes pretenden transmitir tranquilidade, pero como sempre, nese tipo de situacións e nunha cidade grande como esa, sempre hai alguén que se pon moi nervioso.

Comezan a falar en inglés, ata que un deles lle pregunta a outro, que ten un ataque de ansiedade, de onde é. Axiña chegan á conclusión de que hai catro galegos e o outro é inglés, pero tivo unha moza brasileira, así que fala con eles en portugués.

Pasan alí un tempo parados ata que se desbloquea a liña, e van falando das súas situacións, da súá vida, e vese que son, aparentemente, todos moi diferentes entre sí, de xeito que xurden friccións entre eles polos seus caracteres e traxectorias moi diversas.

Pero como sempre nestes casos, o roce fai o cariño, e ao final van achegando posturas e vai habendo máis empatía entre eles, tanta, que incluso as despedidas dalgún dos personaxes máis antagónicos resultan do máis cercanas e cariñosas.

A obra gustou moito e rematou con moitas ovacións, o traballo dos actores é moi bo, aínda que tamén é certo que algún deles ten moita fama como actor humorístico na TVG, e supoño que iso tiraría da xente, xa que o teatro tiña unha entrada inusual nunha obra de teatro galega.

Actúan Alfonso Agra, facendo dun empresario algo carca, Federico Pérez dun miñaxoia moi simpático que se dirixe a unha entrevista de traballo, Tamara Canosa dunha bióloga que malvive como camareira, Mercedes Castro dunha muller vividora que está bebendo case sempre, e Miguel Guido é o que fai de inglés que fala en portugués, que como non galego, intenta mediar entre todos, ás veces con escaso éxito.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-01-2017 13:54
# Ligazón permanente a este artigo
A ciencia no punto de mira
Hai como 4 ou 5 anos, unha nova editora galega, Auga Editora, montada por Xosé Antonio Perozo, presentaba na Domus da Coruña un dos seus primeiros números. Era un libro do mediático físico Jorge Mira titulado "A ciencia no punto de mira".

Merqueino daquela, e como estaba formado por pequenos capítulos de 2-3 páxinas (un total de 63), tiña intención de lelo incluso na época laborable do ano, porque cría que esa tipoloxía o permitiría. Pero o caso é que non foi posible ata comezos de 2017.

Trata de amenos comentarios sobre algúns dos múltiples estudios de investigación que se realizan no mundo científico (e que moitas veces dicimos "a quen se lle ocorreu investigar isto?"). Grazas a iso, o libro faise moi levadeiro.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-01-2017 13:43
# Ligazón permanente a este artigo
Casa de bonecas

Xoán Carlos Mexuto e Iria Ares, dúas das persoas que xestionaban e dinamizaban a añorada sala de micro-teatro coruñesa "Tuerka 27", acaban de sacar da manga outro proxecto ao que lle desexamos o maior dos éxitos.

Baixo o título de "Clásicos Nunha Hora", pretenden ofrecer a bos prezos en salas modestas unha selección de escenas dalgunhas das obras clásicas do teatro. Comezaron con "Casa de bonecas" de Henrik Ibsen na Sala Gurugú, no populoso barrio da Agra do Orzán.

Eu asistín a unha das últimas representacións e pareceume fantástica. Non lembro se algunha vez vira esta obra (nunha representación "convencional"), pero se o fixen, foi hai moitos anos. Pero esta nova relectura gustoume moito.

Alégrome moito por eles, e tamén pola Sala Gurugú, proxecto modesto pero tenaz que tiña unha bastante boa entrada o día que eu fun. Espero que sigan os éxitos e, aos poucos, vaian mellorando cifras e aumentando a súa ilusión.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-01-2017 13:38
# Ligazón permanente a este artigo
Mogambo
Hai uns días, sucedeu unha cousa curiosa. Estaba eu buscando algo interesante que ver na televisión nas últimas horas dun día laborable (claramente é un deporte de risco este), e atopei que ían botar "Mogambo" en Localia Vigo.

Non vira esta famosa película e non contaba cunha oferta así. Non confiaba demasiado na calidade da proxección e non tiña nada claro o índice de publicidade durante a mesma. A película viuse, durou case dúas horas e non botaron nada de publicidade, así que a cousa non estivo nada mal.

A película non está nada mal, o que pasa é que estas cousas envellecen regular, e eu sigo sen ter demasiado claro por que Clark Gable era un galán ao que amaban todas as mulleres. A mediados do século XX debían telo moito máis claro, pero eu sigo sen velo.

Tal como eu a vexo, é unha película de tensión sexual non resolta entre Clark Gable, Grace Kelly e Ava Gardner. Todo xira en torno á súa relación, e todo o demais son excusas para falar diso e evolucionar a súa historia cruzada.

Para ser máis rigorosos, o personaxe protagonizado por Clark Gable ten unha granxa en África que organiza safaris, de diferentes tipos. Por alí van pasando europeos e americanos, que contratan os seus servizos para safaris, batidas de caza e diversións similares.

O personaxe de Ava Gardner chega dun xeito bastante curioso. Supostamente quedou alí cun maharajá indio, que marchou uns días antes de que chegara ela. Así que ten que esperar unha semana ata que volva pasar o barco que a levará de novo, pero mentres está por alí, aínda arma algúns bos líos, é unha muller moi desenvolta e sen complexos.

Uns días máis tarde chega un matrimonio, formado por un antropólogo que quere investigar aos gorilas das montañas, e a súa muller (Grace Kelly). Supostamente forman unha parella ideal, pero ao final non resulta ser así, e o antropólogo cae enfermo nada máis chegar.

Por se non chegara con iso, cando mellora e negocia para facer o safari, resulta que as condicións non eran as anunciadas e o safarista négase a ir ás montañas na busca dos gorilas. Pero está comezando a facer boas migas coa muller do antropólogo, e cambia de opinión.

En definitiva, un clásico dos 50 moi dependente das historias amorosas dos tres protagonistas principais, e ademais ambientado en paisaxes exóticos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-01-2017 13:29
# Ligazón permanente a este artigo
Radio Cos
Un dos grupos que máis forte o está petando nos últimos anos no folk galego é Radio Cos. Hai pouco actuaron no Teatro Rosalía para presentar o seu novo disco.

A min cáusame unha estraña sensación, parece un grupo de músicos excepcionais pero que pretenden pasar como un grupo de pandereteiros, e que tocan daquela maneira, e semella que cantan con certo desleixo.

Pero o caso é que asistín a ese concerto (nunca os vira actuar, pero si coñecía algunha das súas cancións), e hai que recoñecer que teñen un directo potentísimo e que é imposible manterse na cadeira.

O seu primeiro disco titulouse "Radio Cos", e xa tiña éxitos como "Sete cuncas" e "O rumbista de Sas" (que tedes no vídeo).

O segundo disco, que é o que están presentando na súa actual xira, titúlase "Pasatempo" e é unha homenaxe ao Parque do Pasatempo de Betanzos, o primeiro parque temático da historia, que foi moito máis grande e espectacular do que se conserva agora (aínda menos mal que queda algo...).

O grupo está formado por Xurxo Fernándes e Quique Peón á voz e percusións variadas, Pedro Lamas ás gaitas, saxos e clarinetes (outro grupo máis no que está este magnífico instrumentista), Nikolay Velikov ao violín (que lle dá un toque balcánico moi interesante) e Xan Pampín ao acordeón.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-01-2017 13:16
# Ligazón permanente a este artigo
Metrópolis, por Caspervek Trío
Eu antes ía con certa frecuencia á Casa Tomada, na estación de trens da Coruña (non moita, pero algunha). Pero o ano pasado, pasaron a ser a Nave 1839, e aínda non me coincidira asistir a ningún evento alí.

Pero hai unhas semanas conseguino, e non estivo nada mal. Proxectábase o clásico "Metrópolis" de 1927, e musicábao en directo o grupo de cámara vigués Caspervek Trío, que ten moitos espectáculos dese tipo.

A experiencia estivo moi ben, a súa música resultou moi acertada e a súa interpretación tamén, con 2 horas ininterrumpidas (xa que a versión proxectada é a de 118 minutos). O local estaba cheo ata os topes, e bastante xente tivo que velo de pé.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-01-2017 13:08
# Ligazón permanente a este artigo
Os amores de Jacques o fatalista
O outro día fomos ver a última obra de Producións Teatrais Excéntricas, titulada "Os amores de Jacques o fatalista", de Denis Diderot, o enciclopedista francés.

Como saberedes, Excéntricas é esa compañía na que se atopan os compoñentes e colaboradores habituais de Mofa e Befa, xunto co seu colega Quico Cadaval, e todos os amigos que xiran en torno a eles, así que normalmente o éxito está bastante garantido, aínda que algunha das súas últimas obras pinchou un pouco.

Non foi neste caso. Aparte de que o texto orixinal do século XVIII de Diderot, contando diferentes situacións amorosas de forma moi didáctica, é moi divertido, o bo facer de todos os actores deixa un moi bo sabor de boca.

En boa parte da historia, Víctor Mosqueira fai de Jacques, Marcos Orsi é o seu señor (van de viaxe), María Costas fai de Pousadeira dunha venta na que paran e Mon Orencio pon a ambientación musical (xa que o titular, Piti Sanz, tivo un accidente e está de baixa). Obviamente, cando van contando as diferentes historias amorosas, van intercambiando os seus papeis de forma moi áxil.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-01-2017 13:02
# Ligazón permanente a este artigo
Dead man
No CGAI da Coruña seguen co ciclo de Jim Jarmusch, director do que oíra que era bastante particular, e que efectivamente estou constantando que non o é pouco.

A comezos de 2017 tocaba ver "Dead man", un western existencialista (xuraría que ultimamente oín falar doutra película actual que tamén se presentaba así, e dame algo de medo o concepto) rodado en 1995, e protagonizado por Johnny Depp.

Por comezar por algures, dicir que a nómina de secundarios é espectacular, con John Hurt, Robert Mitchum (no seu derradeiro papel), Iggy Pop (facendo un curioso papel de muller), Gabriel Byrne, Billy Bob Thornton (non fun quen de recoñecelo), etc.

En xeral, como todo o cine de Jim Jarmusch (agora xa estou en condicións de sabelo), toda a trama é bastante surrealista. O personaxe principal, chamado William Blake, chega dende unha cidade do leste moi ben vestido para facer de contable nunha curiosa industria mineira que está no oeste, ao final da liña do tren. Pero non o aceptan no posto, porque chegou dous meses tarde. Despois dunha estraña situación, mata (case sen querer, xa que el non manexaba armas) ao fillo do xefe da empresa que lle ofrecera o traballo.

Obviamente, este, entra en cólera e contrata aos mellores cazarecompensas da zona para que capturen ao contable, vivo ou morto. E nesa persecución, o contable atópase cun curioso indio que se criara no leste e que lera a poesía de William Blake, e durante todo ese tempo pensa que está viaxando co poeta, que xa está morto (de aí o título da película), e que vai camiño da súa última morada, e vaino protexer e axudar a chegar a ese destino.

Como vedes, todo bastante delirante, e todos os personaxes cos que se cruzan están igual ou máis chalados, así que a cousa resulta bastante interesante e orixinal, iso non se pode negar.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-01-2017 12:53
# Ligazón permanente a este artigo
Lourenço, xograr
Acabo de ler esta novela de tema medievalista escrita polo profesor Manuel Portas, titulada "Lourenço, xograr".

Trata dun aprendiz de ferreiro que vive na primeira metade do século XIII, nunha aldea ás aforas de Braga, que quere ser xograr, e semella ter cualidades para iso.

Faise entón o xograr que acompaña a un segrel chamado Joam García de Guilhade, supostamente de moita calidade, pero que segundo o vai coñecendo, descubre que é moi mesquiño e canta e tañe moi mal, mentres que el vai mellorando moito e gusta moito máis.

Naquel tempo, ademais, o reino de Portugal está moi convulso, e hai dous bandos enfrontados apoiando a dous irmáns que loitan polo reino.

Ademais, é a época da Reconquista na Península, e en Castela, Galiza e León reina Fernando III, e o seu fillo Alfonso X "O Sabio" está comezando a despuntar. Chegan a coñecelo en persoa na súa corte en Toledo.

Pois nada, unha agradable novela sobre ese época e condición que se le con ledicia.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-01-2017 23:09
# Ligazón permanente a este artigo
Iron Man
Nesta xeira de comezos de 2017 na que estou vendo algunhas películas baseadas en cómics de Marvel, tocoulle o turno a "Iron Man", rodada en 2008 e protagonizada por Robert Downey jr.

Pois o caso é que un tal Tony Stark, multimillonario por dedicarse á fabricación de armas, negocio que xa fundara o seu pai, é apresado en Afganistán despois de sufrir un atentado (no que o atacaron con armas fabricadas por el mesmo), está a piques de morrer, e teñen que acoplarlle un estraño artefacto eléctrico ao seu corazón para que non colapse (lembremos, cómic de ciencia-ficción).

Unha vez alí, os seus captores pídenlle que constrúa nunha cova o seu último modelo de bomba super-destrutiva. E non só non o fai, senón que se constrúe unha coraza chea de armamento que o converte nun superheroe. E os moi panolis nin se decatan.

Supostamente, nese momento da súa vida decátase de que debe deixar de crear armas que destrúan vidas, e el decide poñerse a salvalas, pero vaia, non parece ter moita consistencia lóxica este argumento.

Pois nada, o personaxe do superheroe Iron Man, que é el mesmo, vai crecendo e mellorando segundo avanza a película. Porque lembrade, a versión "beta" naceu nunha cova de Afganistán (ou similar).

Pero o segundo da súa empresa, protagonizado por Jeff Bridges, que parece preocuparse moito por el, realmente é bastante cabrón e está construíndo outro prototipo aínda máis poderoso. Hai que ter en conta que, teoricamente, Tony Stark estaba deseñando el só o seu superheroe pero ninguén o sabía, pero semella que non era así.

Ou sexa, casquería pura e dura, moita pirotecnia e pouca cabeciña. Pero cando decidín vela xa supoñía que ía ser así, hai que relaxarse de cando en vez.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-01-2017 23:02
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal