Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Raclette

Hai poucos días tiven a sorte de disfrutar dunha máis que magnífica obra de teatro. Titúlase "Raclette", e foi representada pola compañía Ibuprofeno Teatro, que coido que dirixen Santiago Cortegoso e Marián Bañobre.

Na presentación da obra xogan ao despiste, simplemente din o que é unha raclette, e indican o que podería significar na súa obra, pero non din absolutamente sobre que trata a obra. Como eu asistín á estrea no Teatro Rosalía da Coruña, non vou facer "spoiler", así que non vou desvelar de que trata, pero podo asegurar que o final sorprende bastante, e provoca a ovación que levaron o outro día.

A raclette debía ser orixinalmente un tipo de queixo suízo. Pero os pastores suízos, no medio do seu frío inverno, inventaron un aparello para comer xuntos quentando queixos, verduras e carnes. Agora que o penso, os suízos son moi dados a ese tipo de cousas, como as "fondues", que coido que é algo semellante.

O caso é que na obra, dous grupos diferenciados (un trío por unha banda, e unha parella pola outra, as cinco persoas que vedes na foto), comparten unha mesa na que hai unha raclette.

Realmente son dúas historias aparentemente independentes, xa que os dous grupos nunca actúan xuntos. Cando o fan uns, os outros andan polo escenario, pero non interveñen. As dúas historias só conflúen na escena final dun xeito moi emotivo.

Como outra novidade, en tres das catro "paredes" do escenario, había un par de ringleiras de cadeiras con público, detalle moi interesante. As obras ás que asistín con ese formato sempre resultaron interesantísimas, e obviamente non tiña por que ser por ese detalle. Neste caso, eu estaba na platea "convencional", pero dalle outra viveza á obra.

Pois iso, acaba de comezar a rodar, se tedes a posibilidade de ver esta obra, non o dubidedes, é unha delicia.

E aparte do feito da alegría de ir ver unha obra marabillosa, aínda me alegra ver máis que esta compañía está collendo corpo e xa todas as súas obras son unha garantía, nunca está de máis. Que eu saiba, a única obra deles que vin antes foi "Pequenos actos revolucionarios", pero xa me pareceu moi destacada.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-01-2016 11:33
# Ligazón permanente a este artigo
Lagoa de Cospeito

Hai uns días fun facer sendeirismo cun grupo co que non fora nunca, a Asociación Deportiva e de Tempo Libre A Pedrosa, de Orro (Culleredo).

Xa levaba algún tempo en contacto con eles para intentalo, pero por unhas razóns ou por outras, case sempre de axenda, non fora posible ata agora.

Neste caso, a miña axenda, os seus horarios, e a proposta de ruta confluían positivamente, así que dei o paso adiante.

A ruta era homologada, duns 16 quilómetros, no concello de Cospeito, no que nunca estivera. Comezaba nunha pequena lagoa, chamada da Carballeira, ía por pistas forestais dando un rodeo, e no tramo final achegábase ao punto principal da mesma, a Lagoa de Cospeito.

Xantamos, xa baixo a chuvia, nos arredores do centro de interpretación da lagoa, e despois de xantar, demos unha volta completa á mesma pola ruta (tamén con pasarelas de madeira) que a arrodea. Mágoa que a auga que caía non nos permitiu disfrutar máis da fermosa paisaxe. Pero xa voltarei en época de clima máis favorable para conseguilo.

A organización da excursión estivo moi ben, todo moi axustado, moi ben sincronizado, nada que dicir. Incluso detallazos como que a organización (ou similar) trouxo filloas e café quente en termos para todos. Sempre se agradece e máis en días como ese, nos que chovía e a temperatura andaba polos 3-5 graos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-01-2016 11:18
# Ligazón permanente a este artigo
Palabras malditas

Hai uns días fomos ver a obra "Palabras malditas" da compañía Teatro do Noroeste, no Teatro Rosalía da Coruña.

Tiña moitas ganas de ir porque aínda lembraba a magnífica impresión que me causou a última obra que vin desta compañía, "O último cowboy", con Miguel Pernas e Luma Gómez. Ao mellor xa pasaron un par de anos diso, pero deixou unha pegada indeleble.

Na posguerra española (coido que exactamente no ano 40), Vicente, un profesor homosexual de Vilagarcía escapa da súa vila debido á represión dos falanxistas, e acaba ocultándose nunha modesta pensión da rúa Panadeiras, na Coruña.

Alí coincide coa súa caseira, obviamente, e con Clara, unha prostituta nova que gana a vida pasando tardes con ricachóns coruñeses.

Clara e Vicente, a pesar da súa diferenza de idade, son grandes amantes da poesía e pasan as tardes falando dese tema e ilusionándose xuntos. Ademais diso, Vicente lelle á caseira, que non sabe ler, as cartas que lle envía o seu fillo, que está participando na construción do Valle dos Caídos, e tamén lle escribe cartas a el para tranquilizalo.

O final é razonablemente previsible, tendo en conta a época e a historia que todos coñecemos, e débese principalmente a unha mentira piadosa que lle di Vicente á súa caseira para non preocupala.

Clara escapa a México e faise unha poetisa famosa internacionalmente, e asina algunhas das súas obras co nome de Vicente, pero só ao final da súa vida contará esa historia.

Obra moi recomendable e nostálxica, que ademais apóiase na emotividade, como pasa habitualmente nas obras desta magnífica compañía.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-01-2016 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
Star Wars: O espertar da forza
Hoxe fun ver a sétima parte da historia de Star Wars. Non é que me apaixoe especialmente, pero é un espectáculo visualmente grandioso, e levamos tantos anos rodeados deses personaxes, desa historia, que xa nos atrae con moita forza.

Pois iso, que pasei un bo rato flipando coas imaxes e deixándome caer nas trampas da historia, simplemente para disfrutar no último día das vacacións de Nadal. Fun nun día raro e a unha hora rara, para intentar evitar multitudes. E o conseguín, só estabamos tres persoas na sala.

Non vou entrar no debate de se está mellor que as últimas que se rodaron, que se volve ao estilo orixinal, etc. Xa non teño criterio para comparar, nin teño ganas de elaborar unha teoría sobre algo tan banal como isto.

Coas primeiras que se rodaron, eu (e moitos millóns máis) alucinamos, coas seguintes tamén, pero doutra forma, e agora con esta, e as dúas que chegarán nos seguintes anos, pecharase o círculo. Se é que non lles dá por intentar estiralo máis, claro.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-01-2016 23:38
# Ligazón permanente a este artigo
A memoria da choiva

Rematei este lector Nadal coa sexta novela que me zampei nestas vacacións. Titúlase "A memoria da choiva" e é o segundo éxito de Pedro Feijoo (na foto podedes velo cos dous últimos libros que escribiu).

Xa lera antes "Os fillos do mar" e tamén me gustara bastante. Hai que recoñecer que, a pesar de ser Pedro filólogo, escribe nun rexistro bastante común, non se complica a vida lingüísticamente (nestes intres debo ser odiado por milleiros de académicos que len este blog con paixón), pero escribe historias de consumo moi sinxelo e moi adictivas. É dicir, é capaz de escribir best-sellers en galego, cousa que non me parece nada mal.

E con esta segunda novela (coido que escribiu algunha cousa máis anteriormente, pero tivera moi pouca repercusión) parece que tamén tivo moito éxito, e non me estraña, porque segue tirando do mesmo fío, e faino bastante ben.

Ademais ten o aliciente (para algúns será todo o contrario) de que a trama xira en torno á vida e obra de Rosalía de Castro, cun asasino en serie moi misterioso que utiliza ese motivo para ir causando mortes principalmente en Santiago e comarca, aínda que algunha tamén cae fóra.

Non vou destripar nada, para aqueles que teñan interese en lela despois de ler este artigo, pero pásase un bo rato e a lectura é áxil. Ademais gústame tamén que o final é bastante aberto, incluso podería permitir unha continuación, ademais de ser bastante desacougante.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-01-2016 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
Triloxía da Ocupación

Hoxe, para comezar o ano 2016, e proseguindo coa miña fantástica racha lectora, lin a vulgarmente coñecida como "Triloxía da Ocupación" do escritor francés Patrick Modiano.

Na miña descarga debo dicir que merquei o libro hai uns anos, debido ás boas referencias que tiña del, pero que este autor recibiu o Premio Nobel de Literatura en 2014, despois de que eu xa mercara o libro. Pero ata agora non puidera lelo.

Non sei se o autor escribiu as tres obras coa idea de conformar unha triloxía, pero si sei que son as tres primeiras obras que escribiu, e tratan do París ocupados polos alemáns, aínda que dende perspectivas moi diferentes. Así que se cadra non é tanta coincidencia.

As tres novelas breves (incluso xuntas dan lugar a unha non moi voluminosa) son "O lugar de estrela" (1968), "A ronda nocturna" (1969) e "Os paseos de circunvalación" (1972), aínda que pode ser que a tradución dalgúns destes títulos cambien lixeiramente. Vou facer unha breve crónica de cada un deles, e despois do conxunto total.

"O lugar da estrela" trata sobre un xudeu colaboracionista. Resulta un personaxe bastante repulsivo, e non resulta nada doado seguir a trama, porque a referencia temporal non está nada clara, en moitos momentos non está claro se o que está narrando é o que sucede ou é o que soña. Esta parte resultoume algo dura e confusa.

"A ronda nocturna" trata dun axente dobre que colabora coa Gestapo e coa Resistencia. Pero isto sábese nas páxinas finais, e dun xeito un tanto estraño. É a máis breve das tres, e o comezo é bastante duro e aburrido (incluso pasou pola miña cabeza deixar a súa lectura, cousa que é case imposible pola miña teimudez), pero segundo avanza vanse atando cabos e o final non está mal, aínda que xa digo que os xiros tamén son confusos.

Na miña opinión, "Os paseos de circunvalación" é claramente a mellor. Polo menos, a súa lectura é a máis sinxela, porque xa dende o comezo entendes perfectamente a trama, preséntanche aos personaxes sen rodeos e máis ou menos entéraste do que está pasando (a súa diferenza coas dúas primeiras partes é moi palpable neste aspecto). Por certo, nesta parte o narrador está buscando ao seu pai, e atópao nun curioso círculo de colaboracionistas.

En xeral, a obra non me gustou. Aparte de todo o que xa dixen antes, esperaba algo así como unha novela histórica que me axudara a coñecer algo mellor como foi o París ocupado polos alemáns e o estado de terror no que vivía esa cidade tan alegre, pero esta novela non me aportou absolutamente nada. Non digo que non sexa un bo narrador, pero tendo en conta que as tres novelas son indepentedentes (hai algúns personaxes secundarios que saen en varias ou en todas), a terceira pareceume mellor que as outras dúas.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-01-2016 00:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal