Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Asemblea de CUAC FM

Como en todos os meses de xaneiro, co propósito de aprobar as contas, presentar os novos orzamentos e planificar o novo ano, CUAC FM fai unha nova asemblea, e como habitualmente, no CUR (antiga escola de empresariais, en fronte da Casa da Auga).

Coma sempre, nova xente que se vai incorporando ao proxecto con novas ideas e aire fresco, e a inesgotable ilusión de moit@s d@s que xa levamos tempo.

Aí vedes unha foto que nos sacamos o outro día á saída da asemblea. E claro, despois diso, "xantar hai que xantar", á que fomos 20, seguir tomando algo pola tarde, "cear hai que cear", no que aínda estabamos uns 10, e a cousa rematou sobre as 2 da mañá, moitas horas seguidas de diversión e motivación mutua.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-01-2015 17:43
# Ligazón permanente a este artigo
Marea Atlántica - Marea Viva - Marea Baixa
Hai uns días celebrouse na Coruña un evento chamado a "Marea Baixa". Foi organizado polo novo colectivo coruñés chamado "Marea Atlántica", e que todo parece indicar que se presentará ás eleccións municipais da Coruña en maio de 2015.

Este colectivo está nunha fase que se denomina a "Marea Viva" na que, durante un mes, se desenvolven xornadas de formación e debate, presentación de propostas para diferentes documentos organizativos e finalmente, a votación da candidatura en primarias abertas.

Esa Marea Viva comezou coa Marea Baixa, que foi unha intensa fin de semana na que se celebraron debates, mesas redondas, ponencias formativas a cargo de persoas doutras iniciativas similares a esta doutros lugares de Galicia e do Estado, e actividades dese tipo. Foron unhas 48 horas moi intensas nas que se debateu, se xantou, se ceou, se discutiu moito.

Ían celebrarse no IES Elviña co total beneplácito da dirección dese instituto, pero tres horas antes de comezar, chegou unha ameazante orde da Consellería de Educación prohibindo facela alí. Polo que se comentaba, haberá unha denuncia contra a Consellería por ese feito. Finalmente foi no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

É a primeira vez que participo nalgo que ten que ver tan directamente coa política. Certo é que non o fago de forma moi intensa, pero todo ou case todo o que vexo do seu funcionamento interno non me desagrada, e o nivel de democracia e horizontalidade do colectivo é moi considerable. Eu boto unha man principalmente na Marea da Cultura, onde pensamos en posibles políticas culturais de cara á cidade. E o que alí fago parécese moito ao que levo facendo moitos anos, así que se iso é política, é unha cousa do máis civilizada e non corrupta.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-01-2015 17:34
# Ligazón permanente a este artigo
Novo micro-teatro na Tuerka 27
Hai unhas semanas, para inaugurar o ano 2015, fomos ver varias obras de micro-teatro á Tuerka 27. Na orde na que as vimos foron:

- Ao terceiro día: En galego, por Rubén Lamas e Rubén Espejo. Viña sendo algo así como que a virxe María e María Magdalena finxían que Xosé e Xesús seguían vivos, para seguir cobrando a súa pensión, facendo ruídos na súa vida cotiá (porque vivían xuntas). A idea non estaba mal, pero o texto semellaba algo irregular.

- Spain is Spam: Letizia está dándolle unhas pautas ao Rei Felipe VI sobre que debe dicir na seguinte mensaxe de Nadal ás televisións. Vese que este Rei, que parecía o máis espilido da familia, tampouco o é tanto. Aproveitan para sacar toda a merda da familia real española, que non é pouca. En castelán, con Adelaida Pittaluga e José Losada.

- Muller en construción: En castelán, por Marta Mato. Moi impactante, unha muller que semella estar recluída e que vai pasar unha revisión co psicólogo ou psiquiatra, fainos dubidar aos asistentes sobre se a obra se está desenvolvendo correctamente cos seus xiros de guión totalmente imprevistos, saídas da sala. Moi desacougante.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-01-2015 17:19
# Ligazón permanente a este artigo
O ártico rompe
Durante as vacacións de Nadal, nos xardíns de Méndez Núñez na Coruña, houbo unha carpa instalada por La Caixa que falaba sobre a disminución da capa de xeo do Ártico. Non é a primeira vez que esta entidade monta unha carpa destas sobre divulgación científica neste lugar.

Visitámola, estivo moi ben, con módulos interactivos, videos, paneis moi interesantes.

Estaba dividida en catro módulos, e aínda que todo estaba moi ben, o último trataba sobre a aurora boreal, e como é tan espectacular dende o punto de vista visual, xa eclipsa a todo o demais.

Déixovos un vídeo sobre ela.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-01-2015 17:09
# Ligazón permanente a este artigo
Límite: 48 horas
Debía eu andar con moitas ganas de folgan neste Nadal, porque atopei un ratiño libre nunha noite, e vin na televisión "Límite: 48 horas", película de 1982 dirixida por Walter Hill e protagonizada por Nick Nolte e Eddie Murphy.

Para os que me coñezades, estaredes dicindo, e con razón, que golpe me dei para ver esta película. O mesmo pensaba eu antes de vela, e moito máis despois, pero son cousas que pasan.

Segundo lin, debeu ser a primeira (ou unha das primeiras) películas do tipo "buddy movie", ou sexa, unha parella de persoas que non pegan nin con cola pero que se ven obrigadas a colaborar nun traballo.

Neste caso, un policía branco, chulo e indisciplinado (obviamente, Nick Nolte) saca do cárcere a un ratero negro e simpático (Eddie Murphy), durante 48 horas (de aí o título da película), para que lle axude a pillar a un asasino que xa matou uns cantos policías na súa fuxida, e que foi compañeiro da mesma banda deste rateriño negro.

A película é bastante violenta, cousa que creo que non debía extrañar porque creo que Walter Hill sempre vai nesa onda. As intepretacións non me pareceron boas, se cadra a de Eddie Murphy. Cáeme fatal, pero parece que non fai mal o seu papel, o que pasa é que sempre fai o mesmo. E a de Nick Nolte paréceme que sobreactúa, pero tampouco me pareceu nunca un gran actor. En canto ao asasino, nalgunha sinopse o describían como "psicópata", nótanse os 30 anos de historia, porque parecía un asasino do máis convencional. E xa non digamos os tiroteos a 5 metros de distancia nos que fallan todos os tiros, patético.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-01-2015 21:27
# Ligazón permanente a este artigo
Vento e chuvia
Un ano máis tarde de mercalo, consigo ler un libro ao que lle tiña boas ganas. "Vento e chuvia", cuxo autor do texto é Manuel Gago e dos debuxos o meu querido colega Manel Cráneo.

Vén sendo unha recreación literaria dunha posible mitoloxía da antiga Gallaecia da Idade do Ferro, a que habitaba nos castros. Está inventada a partir das poucas referencias que existen sobre os posibles deuses que podían adorar aqueles habitantes galaicos pre-romanos. Principalmente eses indicios proveñen de lápidas escritas en latín con nomes de persoas ou deuses insertados no medio.

Por exemplo, a estela dedicada ao deus Berobreos que se atopou hai uns anos no castro do Facho de Donón, na Costa da Vela, en Cangas, en lugar privilexiado. Pois vaia Manuel Gago, e invéntase unha historia de como puido ser a vida e milagres de Berobreos. E os debuxos de Manel, sempre no seu punto máxico.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-01-2015 21:18
# Ligazón permanente a este artigo
O Hobbit: A batalla dos cinco exércitos
Pois nada, o outro día pasando por taquilla como todos os Nadais para ver a terceira e última parte dunha película que debeu ter durado só unha película, pero a algúns gústalles moito estirar o chicle, se dá de sí. Dende o momento en que paguei e fun vela, son dos que estou colaborando a que suceda iso.

O mesmo virtuosismo técnico de sempre, e o maniqueísmo de sempre e falta de referencias, porque sempre aparece nestas películas un perigo que supera a todos os anteriores e que parecía que ninguén esperaba.

Resultaba bastante incrible, por exemplo, que non venza nesta batalla o exército de orcos, cando son claramente os máis numerosos, van moi ben equipados, e entre eles van uns "seres" de non sei cantos metros de altura e toneladas de peso que simplemente tiran as murallas a cabezazos. Resulta tan absurdo pensar que os humanos, elfos ou ananos poidan con eses seres, pero si, atópanse, danlle un par de cortes coa espada, e de súpeto, un mostrenco de varias toneladas cae derrubado. Está claro que é fantasía.

Pero vaia, visualmente segue sendo un espectáculo conmovedor.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-01-2015 21:12
# Ligazón permanente a este artigo
Os Miserables
Onte fomos ver o musical de "Os Miserables" ao Pazo da Ópera da Coruña, que se supón que será un dos bombazos culturais do ano. Polo menos en canto a público, xa que se di que as sete sesións estarán cheas.

Dura unhas tres horas, como é habitual nestas producións, aínda que o descanso foi longo, duns 20-25 minutos.

Teño que dicir que non sabía case nada sobre a obra. Só sei que está baseada nunha novela de Víctor Hugo, sei moi pouco do argumento, e da parte musical non me soaba ningunha canción. Había a melodía dunha que me soaba lixeiramente, pero creo que a estaba confundindo con algunha canción que eu coñecía previamente.

O espectáculo está moi ben, coa grandiosidade típica deste tipo de obras, o movemento de grandes escenarios que cambian en cuestión de segundos, grandes cantantes e coros, e todo iso.

A música gustoume, pero tampouco me pareceu nada do outro mundo, e a historia está ben, pero dame a impresión que se centra moito nas personaxes e as súas relacións, máis que na rebelión. Acabo de ler que a intención de Víctor Hugo era esa, utilizou de fondo a Rebelión de xuño (1832) para falar sobre o ben e o mal, a redención dos pobres e dos criminais, e a loita contra a pena de morte.

Déixovos co trailer do musical.

Saúdos.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-01-2015 13:57
# Ligazón permanente a este artigo
1914-1918: a historia da Primeira Guerra Mundial
Había xa tempo que quería ler un bo libro que me contara que pasou na Primeira Guerra Mundial. Porque os americanos dan tanto a paliza coa Segunda, que a Primeira está moito máis esquecida. E debín ler un dos mellores, porque está feito por un dos maiores especialistas do planeta, David Stevenson (na foto), que debeu facer un traballo especial de recopilación aproveitando que se cumprían 100 anos do seu comezo.

Pois foi un bo "tocho" de máis de 700 páxinas, iso sen contar introduccións, mapas, fotos, notas, bibliografía e diferentes índices. A ademais era bastante denso, quero dicir que cada fragmento de texto contiña moita información e reflexión, así que non se podía apurar moito que te perdías cousas. Así que levou o seu tempo enfrontarse a isto.

Pero finalmente o resultado foi moi satisfactorio. Xa non me gustou tanto a estrutura do libro, con poucos capítulos e moi densos, cando a cantidade de temas que se trataba era fabulosa. Non pensedes que é o típico libro de guerra que fala só das batallas, nin moito menos. Trata moitos aspectos do mundo que xira en torno a elas, por exemplo as dificultades da sociedade e das familias nos países que participan na guerra, que me pareceu moi interesante.

En definitiva, se alguén pensa ler este libro como unha novela de aventuras, que o esqueza, é moito máis profundo e exhaustivo na análise dese grande conflito. Pero dende logo, Europa quedou irrecoñecible despois desa guerra, co Imperio Austro-Húngaro desfeito, a independencia de Polonia chegando ata o mar (antes era un país do interior), a de Chequia e Eslovaquia dando lugar a Checoslovaquia (que se separarían de novo nos 90), as repúbicas balcánicas dando lugar a un novo país chamado Iugoeslavía... cantas cousas.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-01-2015 13:35
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal