Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Tempo Catro sexteto
O outro día fomos ao Teatro Rosalía de Castro para ver o concerto que daba o sexteto Tempo Catro presentando o disco "Os ollos que falan", editado pola AS-PG, e no que musican, a ritmo de jazz e música clásica, algúns poemas de Rosalía de Castro.

No ano 2013, no que se cumprían 150 anos da publicación de "Cantares gallegos", houbo moitas obras dese estilo, que pretendían homenaxear á obra e á autora esencial das letras galegas.

Neste caso, a aposta é tremendamente arriscada, sobre todo porque hai anos Amancio Prada fixo un magnífico disco que case se considera un "estándar" (para usar a terminoloxía do jazz). E ten tanta fama, que saírse desa liña resulta tremendamente audaz.

O sexteto está formado por unha voz (Begoña Lorenzo), violín (Javier Cedrón), contrabaixo (Antonio Romero), piano (Andrés Pazos), percusión (Pablo Salgueiro) e acordeón (Suso Iglesias). Polo visto, os catro últimos son profesores no Conservatorio de Ferrol, Javier Cedrón éo no da Coruña, e a cantante uniuse para este proxecto.

Non estivo mal, pero como a min non me gusta moito o jazz, algunhas interpretacións que fixeron a min non me chamaron moito a atención, pero gustou bastante ao público.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-01-2014 20:04
# Ligazón permanente a este artigo
Romano
O outro día fomos ao Teatro Rosalía para ver a estrea de "Romano", a última obra de teatro do autor Lino Braxe.

Produción de poucos recursos (como todo o teatro galego actual, que vive na absoluta precariedade), a cargo de Espello Cóncavo, nun man a man entre Lino Braxe e Arturo López, que tamén comparten dirección do grupo de teatro VALACAR, da ONCE.

A obra é para gran lucimento de Miguel Pernas, que fai dun ex-senador romano retirado en Tarento. Manuela Varela participa algo, facendo da súa criada, e o resto de papeis son testemuñais.

Pero non me gustou demasiado, fíxoseme algo pesada e lenta, non dei conectado coa historia, a pesar de que o actor principal, como sempre no seu caso, estivo magnífico.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-01-2014 00:14
# Ligazón permanente a este artigo
O terror das mozas
O outro día deuse unha estraña combinación de circunstancias que fixo que acabase no CGAI vendo unha das películas do ciclo sobre Jerry Lewis.

Curioso persoeiro este, que foi unha das figuras da comedia americana durante os anos 60, pero que, polo menos a min, sempre me costou atoparlle a graza.

Fun o outro día con certa curiosidade por ver como envellecían as películas ou por ver se o vería con outros ollos aos da infancia.

Pero non, a película pareceume moi frouxa e graza fíxome a xusta. Neste caso era "O terror das mozas", nas que o personaxe protagonista, despois dun desengano amoroso, decide non saber nada das mulleres, e por casualidade, remata nunha grande mansión onde viven "hospedadas" varias ducias de mulleres, todas moi fermosas, que están intentando saír adiante no mundo do espectáculo. A mansión é grandiosa e pertence a unha antiga raiña do "bel canto" que argallou esa filantrópica acción.

Non é doado calcular en que porcentaxe das escenas este afamado actor aparece cos ollos birollos e cruzados, pero non creo que baixe da metade.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-01-2014 00:08
# Ligazón permanente a este artigo
Maridos e mulleres
Onte comezou o novo ciclo de teatro principal no Rosalía de Castro da Coruña, e a obra elixida foi "Maridos e mulleres", unha adaptación teatral da Compañía Teatro de la Abadía dun famoso texto de Woody Allen que deu lugar a unha película do mesmo título.

Como sempre, os textos de Woody Allen dando lugar ás obsesións que tanto lle coñecemos. Eu vin a película no seu momento (creo), pero non lembraba absolutamente nada (pásame bastante, especialmente co cine de Woody Allen, non porque non me guste senón porque me parece bastante monótono, as historias están ben pero case sempre son parecidas).

Non sei se pola falta de Woody Allen, ou por outros factores, pero a obra non me chamou demasiado a atención. Se cadra foi ritmo, se cadra foron outras cousas, os actores e actrices non estiveron mal, pero vaia, pero a obra deixoume bastante igual. Non me desagradou, pero coido que a esquecerei axiña.

Os temas son bastante obsesivos nel, e o tema da parella e do amor, e das relacións de parella, préstase aínda máis a que o sexa.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-01-2014 19:44
# Ligazón permanente a este artigo
Narf Trío: Nas tardes escuras
O outro día fun ao Teatro Colón da Coruña para ver a presentación do disco "Nas tardes escuras" do grupo Narf Trío.

Creo que o disco se titulaba así, porque Narf o comentou nalgún momento do concerto, pero tristemente non estaba á venta á saída (para min, un grande erro). Eu dende logo saín encantado do concerto, e quería mercar o disco (e se cadra algún máis deste músico), porque me sorprendeu moi gratamente a súa música.

É unha interpretación e musicación moi roqueira da obra de Rosalía de Castro, aínda que non me soaban moitos dos poemas. Tamén é certo que non son un experto no tema, seguro que os que si o son o disfrutarán aínda máis, iso si, se lles gusta o rock, porque baladas hai poucos e caña hai bastante. Polo menos en directo, dixéronme que no disco non o é tanto.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-01-2014 19:32
# Ligazón permanente a este artigo
Costa do Solpor
Como outros anos, aproveitei as festas do Nadal para descansar un pouco, e unha das miñas afeccións favoritas nesas situacións é a lectura. E como son moitos días seguidos, intento meterlle o dente a novelas longas, que noutras épocas do ano son máis difíciles de ler.

Esta vez tocoulle a unha que me tiña moi boa pinta, porque a temática de piratas sempre resulta atraente. Trátase de "Costa do solpor", do historiador Xosé María Lema, que chegou a finalista do Premio Xerais en 2011, pero que en calquera caso foi moi comentada nos últimos tempos.

E hai que recoñecer que ao autor non lle faltou valor. Colleu a goleta "Hispaniola", que protagonizou "A illa do tesouro", de Robert Louis Stevenson, e que por min e por moitos é a novela de aventuras por definición.

E contou a viaxe de volta dende as Antillas para Inglaterra, pero no medio do Atlántico houbo unha terrible tormenta, estivo a piques de afundir, e chegou a unha costa na que intentou reparar os danos. E esa costa era a Costa da Morte (na novela chámanlle a Costa do Solpor), e concretamente en Fisterra.

Esta entretida novela fala entón das periperias que pasaron Jim Hawkins, o doutor Livesey, o almirante Trelawney, o capitán Smollett, Ben Gunn, e outros, a mediados do século XVIII, na costa da provincia da Coruña.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-01-2014 19:23
# Ligazón permanente a este artigo
O Hobbit II: A desolación de Smaug
O outro día fomos ao cine comercial (iso pasa raramente) para a nosa case cita anual con Peter Jackson e o universo tolkieniano.

Xa sabedes que agora está nas pantallas a segunda parte fílmica da novela "O Hobbit", que pola historia que é, ben lle chegaba cunha soa película, pero parece que o filón non se esgota. Hai que recoñecer que acadan un nivel de virtuosismo neste tipo de películas máis que considerable.

Pois nada, que seguían o grupo de ananos comandados por Bilbo e Gandalf dando paseos pola Terra Media, coas súas estrañas teimas.

Agora chegaron á montaña na que está no seu interior o dragón Smaug protexendo o magnífico tesouro que foi no seu día dos ananos. E cabrearon o dragón, e semella que a terceira parte, que veremos o vindeiro ano, vai comezar cun incendio.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-01-2014 19:10
# Ligazón permanente a este artigo
A incrible historia de Macareno e a puta milagrosa
O outro día fun á Tuerka 27 para ver unha peza de micro-teatro que, polo visto, foi a que deu lugar ao primeiro traballo que fixo esta xente, que non foi teatro, senón unha curtametraxe.

A obra de micro-teatro é, obviamente, máis curta, é un monólogo a cargo de "Macareno" (Daniel Currás), pero penso que ver a curta xa vos pode dar incluso máis detalles, aínda que é posterior á obra teatral.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-01-2014 18:32
# Ligazón permanente a este artigo
Tao
Eu vinos actuar no Coliseo da Coruña xa hai uns anos, creo que no 2008, pero á saída do impresionante espectáculo merquei o video e estiven véndoo onte na casa.

Trátase de Tao, un grupo xaponés de percusión que, como vedes no video, resulta tremendamente espectacular.

Teño que recoñecer que o outro día, cando estaba no Coliseo vendo ao Cirque du Soleil, algúns dos momentos de música lembráronme á tremenda sensación que nos deixara Tao uns anos atrás. Os tambores máis grandes que vedes, cando os golpeaban, notabas no teu corpo o choque e a conmoción provocada pola súa vibración, aínda que estiveras sentado a moitos metros de distancia.

Por se non coñecíades a este grupo, déixovos este vídeo dun dos seus últimos espectáculos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-01-2014 15:00
# Ligazón permanente a este artigo
Grandes persoeiros da historia, do Canal Historia

Acabo de rematar a lectura dun interesante libro editado polo Canal Historia. Tiña eu certo recelo antes sobre estes libros "sen autor coñecido", pero como este canal paréceme razonablemente fiable (dende logo o é comparado co resto de canais de televisión), pero xa é o segundo que leo (o primeiro foi o de "Grandes Batallas"), e non estou descontento.

Neste caso trataba sobre "Grandes persoeiros da historia", e concretamente trae 40 biografías (xénero moi doado de ler) de persoeiros, concretamente os seguintes: Ramsés II, Confucio, Aristóteles, Alejandro Magno, Julio César, Cleopatra, Jesús, Atila, Mahoma, Carlomagno, Leonor de Aquitania, Ricardo Corazón de León, Marco Polo, Juana de Arco, Cristóbal Colón, Leonardo da Vinci, Miguel Ángel, Martín Lutero, Felipe II, Isabel I, Cervantes, Newton, Voltaire, George Washington, Beethoven, Napoleón, Bolívar, Darwin, Marx, Marie Curie, Gandhi, Churchill, Einstein, Picasso, Hitler, Mandela, Xoán Paulo II, Thatcher, Gorbachov e Bill Gates.

Como sempre pasa nestas cousas, cada persoas faría unha listaxe diferente, eu desta lista teño algunhas dúbidas incluso sobre a existencia real dalgún deles (xa intuiredes cales) e a outros non os metería basicamente porque non os soporto, pero está claro que algúns persoeiros teñen peso na historia, aínda que a min me desagrade.

O caso é que despois de ler un libro coma este, suponse que un remata tendo máis sabiduría da que tiña antes, que era a intención.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-01-2014 18:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal