Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sondeseu
E tamén fomos, para min era a primeira vez, ver o magnífico espectáculo da Orquestra Folk Sondeseu no Teatro Colón da Coruña.

Un grupo formado por uns 40 compoñentes, onde se mesturan profesores e alumnos da Escola de Música Tradicional de Vigo, con mestres tan eminentes como Rodrigo Romaní, Anxo Pintos, Xosé Liz ou Xaquín Xesteira.

Xa non lembro moi ben, pero era algo así como 7 zanfonas, 5 arpas, 5 violíns, 8 pandereteiras, 3 frautas, 3 bouzokis, 5 na percusión, 4 gaitas, 1 contrabaixo, non sei se esquezo algo. Nalgunhas pezas saían tocar a gaitas un par de rapaces moi novos, pero non estaban sempre. Aparte tamén actuaba nalgunhas pezas o grupo de baile galego "O Fiadeiro", que eran outros 8 ou 10 membros, que na última peza baixaron ao patio de butacas a bailar co público. Vaia, que fai falla un autobus (estaba aparcado fóra, claro). E vaia calidade.

Polo que dixeron, estaban facendo unha proba de actuar por primeira vez con pouca megafonía, xa que a moita xente e o "pequeno" tamaño do teatro teoricamente o permite. As gaitas e a percusión, que estaban atrás, actuaban "a pelo", e as dúas liñas de diante cunha pequena amplificación. Quedou bastante ben aínda que, por exemplo, as voces das pandereteiras non se escoitaban moito, pois compatían un micro entre oito cantantes.

Saúdos. Roberto Catoira.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-01-2013 15:30
# Ligazón permanente a este artigo
As vacacións do señor Hulot
O outro día achegueime ao CGAI da Coruña para ver a película francesa de 1953 "As vacacións do señor Hulot", protagonizada polo cómico Jacques Tati.

Hai anos vira unha película deste mesmo actor, que tiña moita fama en Francia. E sorprendeume bastante. É un actor que raramente fala (pásalle como a outros cómicos desa época). Non lembro cal era aquela película, pero sei que ao principio non me fixo ningunha graza. Pero segundo ían pasando os minutos cada vez estaba máis a gusto coa historia e co absurdo personaxe. Así que esta vez xa sabía ao que ía, aínda que o personaxe e a historia non tiñan nada que ver (creo).

Basicamente trata de que este señor Hulot vai veranear a unha vila costeira, e colle unha habitación nun hotel a carón da praia. E alí xúntase con moita outra xente, algunha doutros países, e pasan divertidas aventuras, entre outras cousas, porque el é como un "Rompetechos" que, sen mala intención, vai armando lío alá onde vai.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-01-2013 15:16
# Ligazón permanente a este artigo
Gaivotas subterráneas
O outro día fomos ver unha obra de teatro galega que tivo bastante promoción, máis da habitual na certa precariedade do teatro galego, seguramente teña a ver con que o Grupo Voz está detrás da produción. Aínda que tamén están RTA e Talía, empresas estas moito máis fiables e que se dedican por enteiro ao teatro.

A obra titúlase "Gaivotas subterráneas", e consiste nun man a man entre dous grandes actores, Xabier Deive (actor galego de teatro que non teño moi claro se tivo éxito na televisión ou cine, non me soa) e Luís Iglesia (gran actor de teatro que leva anos triunfando na TVG, sobre todo agora no papel de Carmelo Matalobos).

O personaxe que encarna ao primeiro, aparentemente un yupi que agora está arruinado, idea un plan para simular a súa morte, que a súa muller cobre o seguro e marchar a Brasil a disfrutar dos cartos. Para iso contacta cun antigo amigo da infancia, moi intelixente, que malvive amenizando musicalmente un restaurante, porque cre que é a persoa idónea para axudalo neste difícil momento. Afloran todas as débedas pendentes persoais que acumularon ao longo dos anos, xa que había tempo que non se veían.

En principio, a obra e a trama están bastante ben, e os dous actores son bastante bos. Pero eu atopei un par de erros que nos fixeron saír algo decepcionados. En primeiro lugar, xuraría que Xabier Deive non vocalizaba demasiado ben nalgúns momentos, cousa preocupante. E por outra banda, moito peor, non proxectaron a voz en absoluto, así que nós, que estabamos na platea, tiñamos dificultades en certos momentos para saber o que estaban dicindo, e iso si que é moi grave. Cónstame que algunha xente que foi ao día seguinte ao último piso oíu perfectamente, así que xa deberon corrixir ese erro, alégrome. Non sei se non será que ultimamente están máis afeitos ao audiovisual que ao teatro, e xa perderon algo a práctica na proxección da voz sen micrófonos.

E houbo outra cousa que non me gustou. Sospeito que o grupo Voz debeu facer moita promoción da obra, sobre todo aproveitando o tirón de "Matalobos", e conseguíu que a esta estrea viñera bastante público que non está afeito ao teatro. Notouse en varios indicios:

- Algúns momentos nos que moita xente escachaba a rir e que non tiñan demasiada gracia, porque había bastante tensión dramática plasmada en forma de frases que parecían graciosas ou absurdas (agora vai resultar que as películas de Tarantino son comedias, por exemplo).

- Á saída vimos varios asentos onde houbera xente comendo pipas. Dende cando se comen pipas ou similares no teatro? Esta xente confundiría o teatro cunha sala de cine con palomitas e refrescos e megafonía a tope?

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-01-2013 15:29
# Ligazón permanente a este artigo
Pedro Brandariz
Pois onte volvín á Tuerka 27 para ver outra actuación que prometía, a do monologuista e colega Pedro Brandariz, que con outros compañeiros ten tamén a empresa de xestión cultural Dinamo.

Pasamos unha divertida velada cos seus chistes, que se prolongou case hora e media. Curiosamente deixounos votar aos espectadores ao principio que monólogo queríamos que contase, dando a escoller entre a súa vida, a da súa familia, e a cultura galega. Coido que ao final fixo un pouco dos tres, se cadra cambia a orde das historias en función do resultado da votación.

Como el di, é anoréxico, xa que se adapta perfectamente á definición: "cando se mira ao espello, vese gordo".

Saúdos.


Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-01-2013 15:57
# Ligazón permanente a este artigo
Malos hábitos

O outro día voltamos á Tuerka para ver un espectáculo de cabaret (aínda que eu nunca tiven demasiado clara a definición ou límites deste estilo) titulada "Malos hábitos", a cargo das magníficas actrices galegas Iolanda Muíños e Camila Bossa.

Botamos unhas boas risas con estas dúas monxas de clausura que saen do convento para explicarnos que alá dentro a vida é moito máis divertida do que pensamos, e que a súa existencia é moito máis plena do previsible.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-01-2013 15:03
# Ligazón permanente a este artigo
Novo micro-teatro en La Tuerka 27
E voltamos onte ao micro-teatro de La Tuerka 27. Pero é que ademais as obras que están botando agora son, polo visto, as catro máis vistas do ano que leva aberto o local facendo esa actividade. E desas catro, nós só viramos unha ata o momento, e non nos importou repetir. Por orde de visualización foi:

- Condesa precisa maiordomo: En castelán, Marita Martínez e Milo Taboada interpretan unha divertida obra na que unha condesa quedou sen maiordomo, e preséntase a reclamar o posto un home que ten un inmenso nariz con forma de pene.

- Piso 57: En galego, a única que xa víramos antes, Antonio da Sinda é un home ao que lle puxo os cornos a muller (co seu propio irmán) e quere tirarse dende a cornixa dun rañaceos. Pero alí aparece Xoán Carlos Mejuto, un policía camuflado como vendedor de globos que teoricamente debería impedilo, aínda que por momentos non queda moi claro. Leva toda unha semana salvando a outros suicidas coma este.

- Torquemada 1492: Unha psicóloga de orixe xudea, Adelaida Pitaluga, vai recibir a un paciente, Miguel Manzano que ten problemas coas relacións sentimentais. Ao final vaise sabendo máis do seu caso, el semella liberarse pero deixa unha sorpresa final. En castelán.

- Habitación con vistas: Dúas mulleres que non se soportan e que parece que só teñen en común que amaron ao mesmo home están pechadas nunha habitación con vistas a un cementerio. O final é bastante sorprendente. En castelán, interpretada por Chus Álvarez e Lola Pérez.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-01-2013 23:53
# Ligazón permanente a este artigo
Nacional VI
Hai uns días fun ao CGAI a ver a película "Nacional III" de Luis García Berlanga. Os poucos seguidores deste blog pode que o viran esta mesma semana.

Pois uns días máis tarde volvín ao mesmo lugar para ver "N-VI", un documental de Pela Del Álamo, que fala sobre a degradación dos pobos e aldeas polos que pasaba esa estrada, unha das máis importantes do estado, dende que fixeron a autovía, e perderon case toda a vida que tiñan.

Efectivamente, moitos galegos temos lembranzas de ir a Madrid ou á Meseta por esa estrada, e das sucesivas melloras que foi sufrindo, ata que se rematou a autovía e deixamos de ver todos os lugares polos que pasaba.

Houbo despois un coloquio co mesmo autor, que resultou moi interesante. E por certo, para sorpresa de moitos, entre os que se atopaba el mesmo, a sala estaba practicamente chea, así que semella que tocou unha fibra sensible que moitos levabamos na memoria.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-01-2013 23:43
# Ligazón permanente a este artigo
Nacional III
E rematamos a cinéfila semana, coa terceira película dos 80 en tres días consecutivos. Neste caso foi "Nacional III", que vin no CGAI da Coruña aproveitando que están cun magnífico ciclo sobre Luis García Berlanga.

Había xa tempo que non veía unha película de Berlanga, pero só tardei un par de milisegundos en recordar que as súas son tremendamente peculiares, cun estilo propio, como pasa por exemplo con Woody Allen, que normalmente fai case a mesma pelicula, con diferentes variantes. Pois en Berlanga pasa o mesmo.

Pois pasouse bárbaro, pero sobre todo agora que este paisiño semella estar derrubándose, coa acidísima crítica dos guións onde aparecen uns personaxes do máis cutre, estafador, trilero, etc.

Non é doado dicir de que trata unha película de Berlanga, pero por comentar algo, un dos personaxes principais (representado por López Vázquez) reanunda a súa relación coa súa muller, que é filla dun rico coidador de cochos pata negra extremeños, e como o país está moi mal (é nos días nos que está tendo lugar o 23-F), venden as propiedades e intentar escapar do país co capital. Miran varias alternativas, pero ao final deciden, como máis segura, escaiolar artificialmente ao protagonista case de corpo enteiro, e meterlle as divisas e as xoias dentro, e subirse nun tren que leva enfermos a Lourdes, para baixarse en Hendaya. Pero unha vez alí, cando o plan saíra màis ou menos ben, resulta que gaña as eleccións Miterrand, e teñen que volver para España.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-01-2013 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
Regreso a Bountiful
Esta é unha película que tiña intención de ver dende hai anos. Por razóns que non veñen ao caso, a finais dos 80 eu fíxenme algo cinéfilo (cureime axiña, por sorte). E daquela vin varias películas dun actor americano chamado John Heard, que creo que segue actuando, pero que non debe ser agora moi coñecido (daquela tampouco moito, pero algo máis si).

E a película "Regreso a Bountiful" era unha pola que tivo certa fama naqueles xa lonxanos tempos. Pero eu nunca a vira, e tiña curiosidade por facelo.

Trata dunha señora, interpretada por Geraldine Page, que se come case toda a película, que vive co seu fillo (John Heard) e a muller deste (unha pija insoportable) en Houston, nos anos 40. Pero é maior, xa ten algúns achaques físicos serios, e na cidade abúrrese mortalmente. O seu maior desexo consiste en volver ver, por última vez na súa vida, a aldea de Bountiful, na que ela naceu, e que leva 20 anos sen visitar. E toda a película trata da escapada que fai para intentar chegar alí sen que se enteren os outros dous.

Resulta unha película tremendamente emotiva, que fai pensar moitas cousas sobre o pasado.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-01-2013 20:31
# Ligazón permanente a este artigo
A viaxe a ningunha parte
Pois casualmente, un mes despois de que víramos esta historia levada ao teatro galego por Sarabela coa súa habitual pericia, botaron na televisión a versión cinematográfica de "A viaxe a ningunha parte", orixinal de Fernando Fernán Gómez en 1986.

Permitiume comprobar que a versión teatral de Sarabela era bastante fiel ao orixinal, pero só a parte que facía referencia ás andanzas do grupo de cómicos da legua, que na posguerra ían camiñando dun pobo a outro da desolada España, facendo cutres pero dignas actuacións para a poboación máis modesta, que comezaba a decantarse polo cine, e abocaba a aquel xénero á súa desaparición, como así foi.

Porque o fío da obra son as confesións que lle fai un dos integrantes do grupo a un xornalista nos seus últimos meses de vida, cando está recluído nunha residencia de anciáns, e vive dos falsos recordos da fama á que nunca chegou, aínda que el a "lembra" como se efectivamente existira.

Pero en definitiva, unha moi boa película que fai pasar uns moi bos momentos. Déixovos cunha das escenas máis míticas da mesma.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-01-2013 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal