Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A amarga emoción do perdido
Cartel de "A amarga emoción do perdido"
O mércores 17 de xaneiro de 2007, ás 20:30 h, no Forum Metropolitano do Parque Europa da Coruña, terá lugar a representación da obra teatral “A amarga emoción do perdido” que o grupo teatro Proscrito estreará en Galiza.


“Teatro Proscrito” está dirixido por Lino Braxe e os actores son: Flor Maceiras, Xavier Deive, Rebeca Montero e Silvye Juncal.


O prezo é de 6 € para público en xeral e 4 € para socios da agrupación, maiores de 65 anos e carnet xoven.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (3) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-01-2007 17:39
# Ligazón permanente a este artigo
Galería de fotos do País Leonés
Esta xente da Blogoteca gánase o "cocido" co seu traballo. Estes días xa puxeron en marcha a FotoBlogoteca (que é o que mellor nos acae) e entón, a partir deste domingo 14 de xaneiro de 2007) case todo o que publiquemos estará aí.

Onde é aí? Pois no panel da esquerda hai unha sección que pon "Galerías", e iremos facendo unha para cada viaxe. Ademais as fotos veranse en pequeno (só hai que pulsar e xa se amplían), irán ordeadas cronolóxicamente do dereito (non do revés, como sucede nun blog). Todo moito máis cómodo para o que queremos amosar nós.

Obviamente, segue estando todo o que publicaramos ata agora, idéntico. Espero que así vos guste máis.

Saúdos. Cabañas & Catoira Travels.
Comentarios (0) - Categoría: País Leonés - Verán 2001 - Publicado o 14-01-2007 18:21
# Ligazón permanente a este artigo
Xelamonite
Luís Paradelo
Este artigo tamén inaugura outra sección "secundaria" deste blog relacionada co asociacionismo cultural galego.

Formo parte dunha asociación cultural da Coruña chamada a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Como saberedes, este insigne galeguista foi fusilado na Caeira (Poio) o 17 de agosto de 1936. Por iso, moitos consideran ese día como o da Galiza Mártir. Espero que iso tamén explique o nome que lle puxemos a esta sección: "Os Mártires da Caeira".

Cando fagamos algunha cousa interesante -e penso, humildemente, que iso pasa con certa frecuencia- avisaremos aquí. En todo caso, a páxina web da asociación é "acab.fiestras.com". Alí está todo máis e mellor explicado.

Pois este venres 12 de xaneiro de 2007, no noso local (moi céntrico na Coruña, a un minuto do Obelisco) vai haber un acto que parece moi chulo. Vai ser simplemente a presentación dun libro, pero é un que despertou moito interese, sorprendeu a moita xente e ademais, polo que me dixeron, era o propio autor quen quería presentar o libro na Coruña, e por inescrutables camiños, chegou a nós. E nós, encantados, claro.

Trátase de "Xelamonite" de Luís Paradelo. Un autor xa dunha certa idade que se estrea con esta obra, dunha temática moi suxerente que non vos vou desvelar. Investigade vós.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 07-01-2007 11:18
# Ligazón permanente a este artigo
Xornadas de Normalización Lingüística
Este é o primeiro artigo dunha sección "secundaria" deste blog titulada "Os Devotos de Santa Clara".

Cóntovos. Formo parte dun grupo de profesores de colexios relixiosos de Galicia que traballamos -con bastante entusiasmo- no eido da Normalización Lingüística. O grupo de persoas que coordinamos ese numeroso plantel reunímonos cada certo tempo na sede da organización que nos acolle, no Convento de Santa Clara, na rúa Santa Clara, en Compostela. Espero que iso explique o nome, aínda que retranca non lle falta.

Cando fagamos algunha actividade interesante avisaremos aquí, por se acaso. E podería ser o caso de facelo por primeira vez.

O venres 12 de xaneiro de 2007 celebramos as nosas II Xornadas de Normalización Lingüística. Serán no Gran Hotel Santiago (estrada de Noia, pero dentro da cidade, á altura do campus Sur). Comezarán ás 10 da mañá e rematarán sobre as 6 da tarde.

Pola mañá, as intervencións serán as seguintes:
- Dna. Marisol López, Secretaria Xeral de Política Lingüística
- D. Raúl Piñeiro, que falará sobre "O galego e os inmigrantes"
- D. Xesús Ferro Ruibal, que falará sobre "O galego na Igrexa"

Pola tarde haberá:
- Intercambio de experiencias, sairá xente dos nosos centros a contar proxectos xa en marcha como "Cartas de amor en galego", "Contos cooperativos", "Xornalismo dixital" e "Xogos populares".
- Posta en marcha de grupos de traballo sobre temas diversos como: científicos galegos, músicos galegos, filósofos galegos, parques naturais...

Penso que o pasaremos ben, aprenderemos moito, sairemos con moitas ganas de traballar e facer cousas (importante nesta época do ano que resulta algo dura) e coñeceremos xente interesante.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (2) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 07-01-2007 11:07
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal