A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
O outro día, por estrañas razóns que tampouco hai por que comentar, acabei no Fórum Metropolitano vendo unha película que non entraba nos meus plans de ocio nin por asomo. Foi a película "Soul kitchen" do director alemán de ascendencia turca Fatih Akin.
Deste director xa vira hai uns anos, tamén un pouco de casualidade, a película documental "Crossing the bridge: the sound of Istanbul", na que o baixista dun grupo alemán de rock industrial que non lembro, ía presentándonos os grupos máis interesantes da nova escena musical de Estambul.
Pois a comedia esta, "Soul kitchen", resulta bastante amena. Por resumir un pouco, porque o guión é bastante caótico e frenético e hai unha grande cantidade de personaxes, diríamos que un xoven ten un local que converte nun restaurante de certo éxito. Ao comezo daba comida de batalla, hamburguesas, etc. Pero chega ao local un excéntrico cociñeiro despedido doutro restaurante moito máis luxoso e polo local van pasando riadas de xente debidas a moitos factores, grupos de música que tocan no local, todo tipo de festas e saraos que organizan, etc.
Un irmán do propietario, que sae en liberdade condicional do cárcere ten que "simular" que traballa se non quere volver para dentro, e está por alí botando unha man, e namorándose da camareira. O propietario quere vender o local, ou deixarllo ao seu irmán, e marchar para Shanghai, onde está a súa moza.
En definitiva, todo un lío considerable, pero bastante divertido.