A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
O outro día veu á Coruña o excepcional grupo de teatro ourensán Sarabela para representar "O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca".
Se non lembro mal, é a única obra de teatro de Cunqueiro, do cal a finais de ano cumpriranse 100 anos do seu nacememento. E se tampouco me engana a memoria, o fantástico actor principal de Sarabela, Fernando Dacosta, debutou hai uns 20 anos no Centro Dramático Galego con esta obra.
É un texto críptico, e moi enrevesado. Xa o de Shakespeare o era dabondo, non digamos xa pasado pola peneira de Cunqueiro. Pero como sempre, a interpretación de Sarabela foi magnífica. Son tan bos que algunhas das súas últimas obras, que non me gustaron demasiado, salvábanse porque teñen un elenco de actores e actrices excepcionais.
Ademais da historia propia de Shakespeare, esta obra conta cun coro como o das traxedias gregas (elemento moi habitual en Sarabela) e algo de "commedia dell' arte" italiana (non lembro se non Hamlet orixinal o había, probablemente si), así que moitas das mellores cousas do teatro universal están presentes na obra.