A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
Hai uns días tivemos a sorte de gozar na Coruña con varias e variadas actuacións de Mofa e Befa e Quico Cadaval. Unha delas, que non sei se se repetirá moitas veces, foi unha gala titulada "O peor de Mofa e Befa", onde Quico Cadaval ía dándolle paso a algúns dos números máis míticos deste dúo de humoristas galegos, formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira.
Acabo de atopar este vídeo en Youtube onde se ve unha actuación no programa da TVG Air Galicia, que lembra bastante a algúns dos números que vimos aquela noite no Teatro Rosalía de Castro.