Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Avatar 3D
Se non estou trabucado, xa en decembro de 2009 se presentou ao público a película Avatar en 3D, incluso sóame que xa participou nos anteriores Oscars e só levou uns poucos de tipo técnico.

Seguindo co meu estilo de ir pouco ao cine e non deixarme levar polas modas, onte pola noite fun ver esta película, que sospeito que esta semana ou a seguinte desaparecerá das salas de cine da Coruña.

A finais de setembro estreouse unha nova versión con varias esceas engadidas e decidín que era un bo momento para intentar vela (os anteriores intentos foran infrutuosos debido á avalancha de público). Considero que é a primeira película comercial de distribución masiva coa espectacular tecnoloxía 3D e tiña ganas de vivir a sensación.

As referencias previas eran bastante repetidas: hai un estado de opinión xeral de que a historia era bastante simple pero que o resultado visual era unha marabilla; ademais a película tamén é demasiado longa para a historia que conta.

Despois de vela, estou bastante de acordo con esa visión xeral, pero farei algunhas matizacións:

- Si, a historia non é moi complexa nin retorcida, pero tampouco me pareceu tan simple como esperaba. En todo caso, coido que é un defecto bastante presente no cine actual, principalmente americano, que é que máis se consume.

- As imaxes, en xeral, son dunha gran beleza, e a tecnoloxía 3D saca gran partido delas, está claro que facer unha película deste tipo e centrala nas paisaxes e crear unha natureza exótica dun planeta inventado é unha grande idea. E o resultado é alucinante.

- A película fíxoseme algo longa pero a beleza sublime das imaxes o compensaba en moitas ocasións. Ir ao cine para ver cousas que non podes ver no mundo real nin parir na túa imaxinación non é mala estratexia, en absoluto.

- Unha das cousas que menos me gustou é a puta manía dos americanos de meter a súa querencia paramilitar en todas partes. Sempre teñen que aparecer os seus putos marines para solucionalo todo, para ser explotadores, e incluso "os bos" da película rematan con arrebatos de ultraviolencia en suposta lexítima defensa. É dicir, sempre están facendo aflorar a codicia e a inxustiza inexplicable para ter excusas que xustifiquen as reaccións violentas dos personaxes que non teñen esa tendencia natural, teóricamente.

- Obviamente, en contraposición, a filosofía ecoloxísta e espiritualista da outra parte está moi ben, pero é que calquera cousa estaría ben comparada do puto militarismo yankee.

En definitiva, que estivo moi ben a experiencia pero hai que ter en conta unha cousa importante: cando dentro duns anos todas ou case todas as películas sexan en 3D vai haber que afinar máis a puntería nas imaxes e nas historias, o efecto sorpresa e novidade tecnolóxica estará totalmente anulado. Ademais, o alto custe das entradas non vai axudar, obviamente.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-10-2010 22:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal