Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Monte Louro, de Luís Rei Núñez
Seguindo con este empeño que me entrou nos últimos tempos de merendarme novelas longas que tiña por casa, acabo de rematar "Monte Louro" de Luís Rei Núñez, que gañou o Premio Blanco Amor no ano 2009, e que tiña case 700 páxinas.

Antes de nada a miña valoración: Non está mal, pero por momentos, sobre todo ao principio, fíxoseme algo pesada, e paréceme algo longa de máis. Se cadra hai partes onde se extendeu demasiado e outras onde aínda podería ter detallado algo máis. Pero en xeral a valoración é boa. Como pasa sempre con estas novelas longas, vaslle collendo o gusto cando vas avanzando e ves como encaixan as pezas que ao comezo semellaban inconexas. A ver se agora consigo explicar a trama, sen extenderme eu tampouco demasiado.

Basicamente conta a historia dun tipo. Na miña humilde opinión, un perdedor, que se pasou boa parte da súa vida fuxindo, e que só tivo uns poucos anos de felicidade a carón dunha muller, e que tiña unha certa tendencia innata para meterse en problemas, e sobre todo para crealos cando non había ningunha necesidade e a vida parecía querer sorrirlle.

Naceu como Delio en Muros (de aí o título de "Monte Louro" e a constante evocación desa máxica paisaxe), nun diminuto lugar, ao seu pai case non chegou a coñecelo porque tamén fuxiu a EE.UU. por un asunto algo turbio; a súa abnegada e traballadora nai ía malvivindo cunha fráxil saúde mental. Despois dalgún outro episodio turbio de tipo sexual, algún desengano amoroso e uns conflitos cuns rapaces da súa idade que presumían de matóns, marcha da aldea con 16 anos con destino descoñecido.

Vai para Barcelona e cambia de identidade, pasa a chamarse Artemio. A súa vida alí tamén ten luces e sombras, e consegue un traballo como recadeiro nunha emisora de radio da cidade. Cando a cousa parece que podía comezar a ir ben, rexeita unha moi prometedora relación cunha muller guapa e traballadora, e líase cunha vella figura da radio catalá que está casada. O final da historia é bastante tráxico.

Marcha de novo, esta vez para Bos Aires, e cun novo nome: Iago. Alí pasa polos típicos altos e baixos (típicos para todos e máis para el, que acostuma a provocar "baixos" cando comezaba a disfrutar de "altos", debido á súa tendencia innata). Despois de ir sobrevivindo en moitos lugares e traballos, coñece a Inés, a muller da súa vida, e consegue a estabilidade durante algúns anos (non moitos).

O final da novela, que finalmente acaba durando uns cantos anos, está cheo de sucesos relacionados, en parte, co seu denso pasado.

Volve a Muros cando recibe e noticia da morte da súa nai, alí encóntrase con moitos fantasmas do seu pasado, entérase de que tamén morreu o pai do que non souberan nada, tamén lle informan de que fora pai en Barcelona, a súa muller vai a España pensando atoparse con el para coñecer ese estraño pasado que sempre lle ocultara, entra nunha crise que o leva a un manicomio, a súa filla vén algún tempo despois para coñecelo e intentar sacalo do mesmo....

Pois iso, unha historia interesante, con moitos personaxes, moitas tramas entrelazadas, un pasado con moitos recunchos, que colle velocidade segundo avanza.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-08-2010 00:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal