Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

SUDOESTE DE FRANCIA: IPARRALDE e PIRINEOS (día 7)

E rematamos a visita con este último día, que tampouco foi dos mellores e onde as paradas foron claramente tres: Lourdes, as grutas de Bétharram e Pau. Ou sexa, a cidade na que durmíramos, que ten algunha cousiña interesante (e moitas outras que non), a cidade de Pau, a máis grande da zona, e as grutas de Bétharram, que están xusto de camiño de unha á outra.

Lourdes. Poderíanse escribir enciclopedias sobre este lugar. Eu non o vou facer, intuíde a miña opinión sobre o mesmo. Pasa o río de Pau por alí, dá lugar a algunhas paisaxes interesantes. O lugar onde está a famosa basílica está moi ben acondicionado e coidado, non está mal. Outra cousa é o que se ve alí. Aparte diso, ten algunha igrexa xeitosiña, como a parroquial, un concello ben chulo (lembroume algunha obra de Gaudí) e un impoñente castelo no alto, convertido en museo etnográfico dos Pirineos.

Non están mal as grutas de Bétharram, merecen claramente a visita. Pero hai que recoñecer que os franceses son algo fantasmas para algunhas cousas. Como as grutas son bastante longas, o aparcadoiro está na saída da gruta, e lévanche eles en autobús á entrada. Por algunha razón que descoñezo, non te cobran antes de subir ao autobús, senón ao chegar á entrada, despois dese traxecto colectivo.

Hai un longo percorrido a pé pola gruta, sobre todo hai unha grande sala que dá moito de si e que ten moitas formacións xeolóxicas moi interesantes. Despois de moitas subidas e baixadas, explicacións durante máis dunha hora, chégase a un embarcadeiro. Porque presumen que parte do traxecto é en barca. Pero é todo unha chorrada. O traxecto que se fai sobre a auga debe ser duns 100 metros, a barca (con mascarón de drakkar vikingo) vai sobre uns raíles (si, vense claramente cando te baixas) e creo que hai unha pasarela paralela ao canal pola que se podería ir andando en caso de necesidade. Conclusión: unha pallasada. Ao rematar este tramo “marítimo”, súbese a un pequeno tren destes de feira, que este si, percorre máis dun quilómetro e nalgúns tramos a bastante velocidade.

Tamén diremos que os guías van vestidos cun colorido traxe e levan boina. Diríxense ao público en francés, español e inglés, e hai en moitos puntos gravacións neses tres idiomas. O guía que nos tocou a nós tiña un estraño humor, unha risa bastante contaxiosa e estúpida, e moitos sospeitamos das sustancias que tería inxerido esa mañá.

E rematamos o día en Pau, a cidade máis poboada e importante desta zona que visitamos, que coincide algo co antigo territorio da Gascuña (o que nós coñecemos como Golfo de Vizcaya, os franceses chámano Golfo de Gascuña).

É unha cidade bastante normaliña. Ten un palacio de congresos moi chulo, nun parque, algunhas prazas e igrexas interesantiñas e un castelo moi chulo, que vedes na foto. Tamén poderíamos falar do Museo Bernadotte, dedicado a un xeneral do exército francés de principios do s. XIX que foi nomeado rei de Suecia e Noruega a petición deses dous países, xa que non conseguían resolver o problema da súa sucesión dinástica cos propios do lugar. Os actuais reis de Suecia pertencen a esta “orixinal” dinastía.

E poderíamos rematar co curioso Boulevard dos Pirineos. Dende Pau, na lonxanía, vense os picos dos Pirineos mirando cara ao sur. Toda a avenida que ocupa ese punto cardinal, está elevada sobre as rúas inferiores que están á beira do río, e son un mirador natural sobre a serra, se non hai nubes, claro, que é raro.

Léramos nalgún sitio que alí había a típica mesa de orientación que che indicaba cal era cada pico. Por moito que andabamos non a veíamos en ningures. Cando xa dabamos por desaparecida a mesa, vimos que nalgúns puntos da barandilla había unhas pequenas placas. E o comprendimos. Resulta que na longa barandilla metálica (pode medir facilmente un quilómetro, aínda que non toda está orientada ás montañas) hai unhas muescas e unhas placas que indican o nome dun pico e a súa altura, ou unha vila e distancia á que se atopa. Se alineas a muesca cunha antena que estaba colocada no alto dunha chimenea nunha antiga fábrica á beira do río, atopas no horizonte o lugar indicado na placa metálica. Comodísimo e sinxelo de entender.

E rematou aquí esta fantástica viaxe coa que comezamos a nosa exploración terrestre do país francés (só coñecíamos París ata o momento).

Saúdos e ata a próxima. Viaxes O Lóstregho.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-08-2010 00:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal