Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

SUDOESTE DE FRANCIA: IPARRALDE e PIRINEOS (día 2)

O segundo día tamén o dedicamos ao Pays Basque, pero nesta ocasión ao interior. A primeira visita, frustrada neste caso, é un tren de montaña que sube a La Rhune, un monte que está a uns 10 quilómetros de Saint Jean de Luz. O monte mide uns 900 metros de altura, e ten unhas moi boas vistas da costa vasca (dos dous lados da fronteira), pero como o día estaba nuboso e tapaba o cumio, decidimos non subir. Non é o único caso de trens que suben a montes nos Pirineos.
A continuación fomos ás covas de Sare. Non teñen unhas grandes formacións xeolóxicas, pero tamén aproveitan para falar do paleolítico, dos antigos habitantes da zona, da orixe do pobo vasco, etc.
Por aquela zona abundan as aldeas pintorescas e fermosas. A primeira que visitamos foi Ainhoa, que ten fama de ser unha das máis bonitas de Francia. Está ben pero perde bastante polo feito de que pasa unha estrada asfaltada polo medio (de feito, boa parte da aldea repártese nas beiras desa estrada) e de que hai coches aparcados en moitos lugares onde non debería.
E a segunda que visitamos, que en principio partía con menos puntuación, gustounos moito máis. Trátase de Espelette. Empezando en que é case toda peonil e que hai aparcamentos grandes e gratuítos nas entradas para fomentar que non entren os coches na vila, aí xa saímos gañando. E se lle sumamos a grande fama dos pementos da vila, e que os poñen a secar ensartados en longas “brochetas” nas fachadas das casas, a verdade é que o efecto queda moi pintoresco. Iso xa o víramos na noite anterior nalgunha casa en Saint Jean de Luz pero non tiñamos nin idea do que era.
Despois collemos camiño da suposta visita estelar da xornada, pero antes paramos para facer unha visita que tamén nos resultou moi agradable, a aldea de Saint Ettiene de Baïgorry. É a capital do val de Baïgorry, xa case en Navarra, onde se fai un viño apreciable. É unha vila non moi grande, pero si bastante longa xa que vai seguindo a estrada, con impoñentes montes ao seu redor, un fermoso río, unha ponte medieval, unhas casas e unhas mansións moi chulas. Preparounos ben para a seguinte e desexada parada.
E chegamos por fin a Saint Jean de Pied de Port (Donibane Garazi en euskera). Cando se fala de facer o Camiño de Santiago na península, algunhas fontes din que pode comezarse en Orreaga/Roncesvalles ou tamén nesta etapa anterior (debe haber uns 15 ou 20 km de distancia). Non sei a razón, non sei se ten algún poder simbólico maior. No medio das dúas, xusto na fronteira (iso si podería ter moito valor simbólico) está Luzaide/Valcarlos, e todo o mundo pasa dela.
O caso é que Donibane Garazi é un sitio bastante chulo. Pasa por alí o río Nive. A vila antiga está subida a un outeiro, conserva toda a muralla (tampouco é que a vila vella sexa moi grande), xusto enriba hai unha cidadela militar, e a zona amurallada ten un evidente toque medieval e está coidada con moito gusto.
Na foto vese a rúa principal (e case única) da zona vella, que baixa cara o río, pasa a carón da igrexa e sae por unha das portas cara a Roncesvalles.
A verdade é que é un sitio ben chulo, pero con tanta xente por ser ano xacobeo, perde algo, claro. Acabo de lembrar que vimos alí unha cousa que me chamou a atención. Unha casa particular que data do ano 1510, é dicir, que está agora cumprindo medio milenio, que se di axiña. Non lembro agora se algunha vez vin algunha casa particular de tal antigüidade que se mantivera en perfecto estado de uso (está ten no baixo unha tenda de arte, non sei o que hai na única pranta enriba pero non dá sensación de abandono, en absoluto). Igrexas e obras públicas si, pero casas da xente.............

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-08-2010 21:48
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Só unha precisión. Convencinme por varios métodos, de que o río que pasa por San Jean-Pied-de-Port é o Nive (e non o Nivelle), que acaba por unirse ó Ado#blgtk08#ur en Bayonne, como se dicía na crónica do día anterior. Debe facelo pouco despois de nacer, probablemente na vertente francesa do porto de Roncesvalles.
Comentario por aoutraparte (04-08-2010 22:38)
2 Para non variar, o señor "aoutraparte" tiña razón. Xa o modifiquei nesta parte da crónica.

O río Nive pasa por Saint Jean de Pied de Port e únese ao Adour en Bayonne.

O río Nivelle des#blgtk08#emboca na bocana que se atopa entre Saint Jean de Luz e Ciboure, como dixemos onte, creo.

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.

PD: Só falta por intervir "aterceiraparte", a ver se non tarda...
Comentario por estaparte (04-08-2010 22:45)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal