Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Concerto Via Stellae na Coruña
O outro día fun a un concerto de música clásica (non sei se máis ben entra en música de cámara), que xa había tempo que non me pasaba.

Foi no Museo de Belas Artes da Coruña, pertencente ao Festival Via Stellae deste ano. Consistiu na intepretación de tres pezas (unha de Brahms e dúas de Octavio Vázquez) a cargo do clarinetista valenciano Enrique Pérez Piquer e do pianista chileno Aníbal Bañados Lira.

Estivo ben. A min a música clásica gústame, en ocasións apaixóame (non demasiadas) pero de cando en vez preciso ir para compensar estes gustos musicais con outros que son algo menos "equilibrados". Pero seguramente estaría ben comentar unhas cantas cousas que pasaron neste concerto, que o fixeron algo "accidentado".

Como personaxes principais poderíamos situar aos dous executantes, o compositor Octavio Vázquez (que estaba na sala, enterámonos despois; Brahms obviamente non puido asistir) e unha parella de señores maiores que chegou xusto cando ía comezar o concerto, e que sentaban na ringleira diante da miña, aínda que máis centrados ca min, que estaba nun extremo.

Por onde poderíamos comezar? Non quero presumir de listo, pero aínda que non o coñecía, o que despois se acabou confirmando como Octavio Vázquez, xa me pareceu recoñecelo ao comezo. Era un rapaz novo (naceu en 1972, poñíao no folleto) e eu vin a un rapaz desas características (a idade media na sala era bastante superior), moi ben traxeado e que colocaba no borde do escenario, no mesmo centro, algo así como unha gravadora. Non sei como pero atei cabos e pola súa actitude no concerto, moi concentrado e por momentos pechando os ollos na éxtase (non como outros dos que falarei despois), funme facendo á idea de que debía ser el, e finalmente non me trabucaba.

Poderíamos seguir pola parella de señores maiores. Como dicía, chegaron uns segundos antes de que comezara o concerto, e xa me pareceu que ían dar moito xogo. Xusto antes do comezo, veu unha das azafatas que repartían os folletos á entrada, e avisou de que dúas das pezas ían intercambiar a súa orde de execución. A rapaza non tiña nin moita voz nin usou a megafonía, pero máis ou menos fíxose entender. Pero aos señores de diante (que eran os que estaban máis cerca dela) non lles chegou e pediron a berros que repetira o aviso, que non puideran oílo. Aquelo xa prometía moito, ía haber moita diversión. Por certo, outra señora máis discreta da miña ringleira, que sentaba xusto detrás destes señores, tamén me pediu en baixo que lle explicara o que acababan de dicir, así que o problema estaba bastante extendido.

Cando rematou a primeira peza, tan breve que só tiña un movemento, o pianista comezou a preguntar en público se había algún técnico de pianos na sala, porque acababa de descubrír que unha das teclas non soaba. O compositor ergueuse solícito a axudalo, pero tampouco puido arranxar nada, e parece que comezaron a facer xestións para ver se algún técnico podía achegarse no descanso, para o que faltaba unha media hora. O pianista entón dixo que tiraban para diante, e que se tocaba pulsar esa tecla, cantaría (risas cómplices por parte do público). O caso é que non o escoitamos cantar, do cal se deduce que a tecla non facía falta nesta peza.

Chegou o descanso. Os músicos marcharon para o camerino esquecendo totalmente o problema do piano. Subiron ao escenario o compositor e un rapaz, de vestimenta moi informal, que me pareceu ver antes repartindo tamén folletos na entrada, e que se achegou para ver se podía axudar co do piano. E uns segundos máis tarde, non se sabe moi ben como, a tecla comezou a soar. O compositor entrou no camerino a avisar que todo funcionaba xa. A verdade é que fiquei coa dúbida se aquel rapaz era o técnico do piano ou se todo foi unha casualidade.

A segunda parte consistía nunha peza que se estreaba aquel día de Octavio Vázquez, e que constaba de catro movementos. Pero o día xa se debía estar facendo longo de máis para os señores de antes, e a señora quedou durmida e roncaba un pouco (non moito pero como o silencio era total, non facía falta moito esforzo para facerse oír). O señor despertábaa de cando en vez cun cobadazo, pero ás veces tamén lle dicía algo para desperezala, e como estaba bastante xordo, xa sabedes que teñen certa tendencia a falar en volume alto. Pois nada, a estrea mundial da peza tivo algúns pequenos "invitados" inesperados.

Rematou a peza cunha grande ovación (os señores dicindo en alto "Muy bien", aínda que o fixeron catro ou cinco veces en todo o concerto), subiu o compositor ao escenario para saúdar xunto cos dous músicos, e nese momento desprendéuselle da man ao clarinetista a parte dianteira do seu instrumento (parece como se desenrroscara), que caeu ao chan, e saíron voando rotos dous pequenos fragmentos da punta. É de supoñer que os instrumentos dese nivel son carísimos, e que calquera reparación custa un ollo da cara.

Como vedes, aparte da calidade musical, non diredes que non se pasa ben nos concertos de música clásica. Déixovos un video dun concerto para piano de Octavio Vázquez, interpretado por Cristina Pato.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-07-2010 18:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0