A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
Estiven vendo onte a exposición de dinosaurios, que ten algúns animatronics, que estará en xullo, agosto e setembro en Expocoruña, a "nova" Feira de Mostras situada a carón do Coliseo.
En primeiro lugar, dicir que está máis ben deseñada para nenos. Hai uns cantos paneis explicativos, pero algúns non son moi fáciles de ler pola súa posición e tamaño de letra, algunhas pantallas para ver videos e documentais (sen ningunha cadeira diante para pararse a velos), unha sala habilitada para ver documentais e sobre todo moitas maquetas de dinosaurios, algunhas (ao principio) formadas polos seus ósos e algúns animatronics, creo recordar que estarían en torno aos 10.
Tamén hai que comentar que o prezo é relativamente caro. A entrada para adultos son 8 euros e para nenos creo que é 6 (ata os 16 anos, se non lembro mal). Tamén me pareceu ler que os nenos menores de 2 anos non pagan. E hai algúns bonos que dan lugar a descontos interesantes. Non digo que o mantemento e funcionamento dos animatronics non mereza pago a cambio, pero pareceume algo excesivo. Pero como os nenos o pasan moi ben, seguro que lle paga a pena ás familias a visita.
Os animatronics que hai alí non son como os deste video que vos puxen, non sei se falan de dúas exposicións diferentes. Pero buscando por Internet deume a impresión que debe haber MÁIS DUNHA E DE DÚAS exposicións itinerantes polo mundo con animatronics de dinosaurios. Gustaríame saber por qué atrae tanto a atención dos rapaces este tema, porque xa teño coñecido uns cantos casos de rapaces que non destacan especialmente en nada PERO QUE O SABEN TODO sobre dinosaurios.
En canto ás máquinas en si, non me pareceron nada do outro mundo. Hai unha dunha especie de cocodrilo que está abrindo a boca na que ten un peixe (ou similar) e abanea algo o corpo, que me pareceu a máis interesante dende o punto de vista da motricidade. E hai un ave que está pisando a unha presa e ten outra na boca chea de sangue que tamén chamaba a atención. Pero as outras tiñan movementos bastante básicos. O Tyranosaurus Rex pestenexaba e inchábaselle o bandullo, nada máis, iso non impresiona a ninguén. Se non lembro mal, o que vin hai cinco anos no Museo de Historia Natural de Londres era algo máis expresivo.