Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Planilandia, de Edwin Abbott
Onte lin unha breve novela de ciencia-ficción que conseguín hai pouco tempo, da que oíra falar moi ben. Titúlase "Planilandia. Unha novela de moitas dimensións" e o autor foi Edwin A. Abbott. Como hai moitas cousas que contar sobre ela, comezaremos.

En primeiro lugar, dicir que eu lin unha edición en galego de Urco Editora. Urco é un deses milagres editoriais que hai en Galicia. Uns rapaces novos de Compostela decidiron hai poucos anos montar unha editorial (e imprenta) onde sacan títulos de tres coleccións: gótica, ciencia-ficción e fantasía. Traducen eles mesmos (varios deles son tradutores), fan todo o traballo sucio, e o limpo, é a única forma de sacar adiante un proxecto coma este.

Eu descubrinos hai varios anos no Cultur.gal, e este ano trouxémolos á A. C. Alexandre Bóveda. Teñen un catálogo aínda curto pero con obras moi salientables, sobre todo con obras do século XIX que aínda non estaban vertidas ao galego (nalgún caso a ningún idioma peninsular). Destacan "O corvo" de Edgar Allan Poe (edición bilingüe galego-inglés) ou "O retrato de Dorian Gray". Habitualmente escollen obras que xa non teñen dereitos de autor, aínda que axiña cambiarán de táctica, polo que dixeron.

Imos agora co autor. Resulta que Edwin A. Abbott era un filósofo, teólogo e matemático inglés do século XIX. Aínda que escribiu outras obras máis importantes nos campos filosóficos e teolóxicos, tamén deixou esta obra mestra da ficción matemática, onde intenta poñer en evidencia a ríxida sociedade victoriana na que vivía, aínda que tamén acertou a explicar algúns conceptos matemáticos "complexos" como os que se tratan aquí.

E falamos da novela. Basicamente trata dun personaxe que vive en Planilandia, un mundo de dúas dimensións, onde os seres e cousas teñen lonxitude e anchura, PERO NON ALTURA. Recibe a visita dunha esfera, un ser de Espazolandia, o mundo das tres dimensións, que lle intenta explicar como é o mundo en realidade. Tamén hai visitas a Liñalandia (o mundo dunha dimensión) e Puntolandia (o mundo de cero dimensións). Ademais de todo isto, hai un complexo entramado social baseado nas formas dos seres, o número de lados, a maior agudeza ou non dos seus ángulos, etc. E algunhas estrañas referencias ou analoxías sociais, por exemplo ao papel e capacidade das mulleres, non moi doadas de entender.

Déixovos un par de videos. Un deles é o trailer dunha das versións cinematográficas que se fixo (hai un par de anos, creo), en debuxos animados. O outro é un breve fragmento da mítica serie "Cosmos" de Carl Sagan, no que este, apoiándose na historia de Edwin Abbott, explica estes conceptos.

Saúdos.






Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-07-2010 18:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0