Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sendeirismo: De Triacastela a Sarria polo río Oribio

Para empezar, aclarar que este río que nace na aba do monte Oribio (un dos máis altos do norte do Courel e xa "escalado" por este grupo de expedicionarios) tamén recibe o nome de río Sarria, sobre todo cando se achega a esta populosa e industriosa vila. Xa sabedes que aos galegos gústanos bastante que a mesma cousa teña, como mínimo, dous nomes. Máis que nada, para propiciar o debate.

Pois ben, o outro día, a proposta de "aoutraparte" desta axencia de viaxes perralleira fomos andando de Triacastela a Sarria seguindo case sempre o curso deste sinouso río.

Primeiro hai bastante que contar sobre as formas de chegar dunha vila a outra. As dúas están no Camiño de Santiago. E debe ser un dos poucos tramos que ten dúas variantes (lembrades o que dixen antes dos dous nomes de cada cousa?).

Pódese ir por un traxecto máis recto e curto (pero non sei se máis empinado porque non nos cruzamos con el) pasando, por exemplo, por unha aldea chamada Sanxil. Sospeito que esa variante non debe ser moi seguida porque fuxe dalgunha atracción importante. A única virtude debe ser que é máis curta.

A outra variante é pasando por Samos, bastante máis sinuosa pero sospeito que bastante máis bonita. Algo máis longa polo tanto.

Xa sabedes que Viaxes O Lóstregho é calquera cousa menos convencional. Polo tanto, non fixemos ningunha das dúas variantes. Como dixemos, fixemos unha que ía seguindo case sempre o curso do río, coincidía nalgúns puntos coa segunda das variantes pero en xeral ía por outros sitios.

O primeiro tramo, o que fixemos antes de xantar en Samos, é espectacular, como intuiredes nalgunha foto. O que fixemos pola tarde ten algúns anacos moi interesantes, pero chama menos a atención, nótase máis a man humana.

Iso si, a ruta, non sendo moi dura, xa vai sendo algo esixente. Aínda que se cadra tamén se debeu aos erros de cálculo na lonxitude e o tempo (non sei se intencionados ou non).

Cando lle preguntei ao meu compañeiro cantos quilómetros ían ser, dixo, así, sen darse importancia, "uns vinte". Resulta que os vinte quilómetros entre esas dúas vilas xa os hai por estrada. E obviamente nós pola estrada pouco andivemos e demos uns rodeos da ostia.

Por diferentes referencias, como paneis informativos da ruta, GPS que levabamos, tempo que estivemos andando (7 horas e media), a nosa velocidade media habitual, e outras cousas, cremos que debimos andar entre 30 e 35 quilómetros. Eu cheguei cunha lixeira molestia no xeonllo esquerdo, probablemente unha tendinite.

Remato cunha pequena referencia técnica que me ten un pouco sorprendido. A miña cámara almacena as fotos habitualmente en formato JPG e o tamaño medio de cada unha xira en torno aos 2 megas. Por algunha razón que descoñezo (pero intúo) houbo dúas fotos (unha delas a que vos poño aquí) que ocuparon 7 megas. É de supoñer que a razón diso é a grandísima variabilidade nos matices de cor desta foto.

Como vedes, neste primeiro tramo do río, preto de Triacastela, parece unha selva, e coido que se percibe unha lixeira brétema pousada sobre o río.

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-06-2010 00:15
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal