Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

As actas escuras

Onte pola noite fun ver a representación da obra de teatro "As actas escuras" de Roberto Vidal Bolaño a cargo do Centro Dramático Galego.

En primeiro lugar dicir que me estrañou que esta obra se representara agora, máis de sete anos despois da morte do excepcional dramaturgo compostelán, que nunca fora representada (creo), e máis aínda nun ano santo e patrocinada polo Xacobeo, tendo en conta que a trama que se conta trata da investigación a finais do século XIX da identidade dos restos que hai no sartego da Catedral de Santiago. Cousas que pasan neste curioso país.

Pero o caso é que a representación é excepcional. Se temos en conta que os actores están espléndidos (a canteira de actores galegos é inesgotable), que a obra é unha marabilla (como escribía este señor!!!), e que o CDG ten moitos medios técnicos e humanos, o resultado non podía ser outro.

Pois nada, que se tedes a oportunidade non o pensedes. A obra é densa, pero está tan ben escrita e tan ben representada que as case dúas horas pasan como se nada.

O elenco é formidable. Empezando por Xulio Lago na dirección, e con actores e actrices como César Cambeiro, Ricardo De Barreiro (contacontos que deu o salto ao teatro con innegable acerto), Ursia Gago, Jouse García, Mónica García, Teté García, César Martínez "Goldi", Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Xosé Manuel Olveira "Pico", Rodrigo Roel, Pepe Soto, Agustín Vega e Marcos Viéitez.

Por certo, para concretar máis, direi que a obra fala da investigación que lle encarga o arcebispo de Compostela, Payá e Rico, arredor de 1884, a un dominico chamado o Padre Mauro, con gran prestixio científico como arqueólogo. Este decide levar tamén ao seu sobriño Casiano, licenciado en Historia e krausista declarado. Estes dous investigadores teñen unha amplitude de miras e unha mente aberta que choca cos intereses relixiosos da curia, que "desexan" que os restos atopados sexan os do Apóstolo para incrementar o seu poder e atracción de peregrinos.

A historia real chegou ao feito de que o Papa León XIII publicou unha bula na que confirmaba que os restos eran do Apóstolo e dende ese momento incrementáronse moitísimo as peregrinacións a Santiago.

Saúdos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-03-2010 11:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal