Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

"Gomorra" de Roberto Saviano
Acabo de ler o impresionante libro de Roberto Saviano titulado "Gomorra", no que fala sobre a Camorra napolitana.

Teño que recoñecer que tiña certo recelo, e pensaba algunha estupidez como "que dirá este tío no libro para provocar que case rematara a súa vida xa que terá que ser escoltado eternamente, debido ao que revelou".

Pero xa cambiei de opinión. Non vivo nin vivín en Italia, pero escóitanse moitas cousas sobre a vida dirixida pola mafia sobre todo no Sur. E semella que a inmensa maioría da xente prefire non falar moito da cousa para non meterse en problemas. Pero el fíxoo, e a cousa está bastante máis xustificada do que eu pensaba.

Ireille dando un repaso somero ao libro e enumerando COUSAS ALUCINANTES que lin no libro e das que, supoño, non hai que desconfiar. Comecemos porque a lista é moi longa:

- Empeza dun xeito moi interesante, falando das excepcionais relacións entre a Camorra e as mafias chinas. Unha porcentaxe moi alta dos produtos "Made in China" que corren por Europa entran nela polo porto de Nápoles. Nese porto hai un terminal de contenedores xigantesco, e unha parte del está manexado polas mafias, italianas ou chinas. E hai non poucos contenedores que non constan oficialmente en ningún rexistro. Son pousados no peirao e uns minutos despois xa están saíndo do porto en camións en todas direccións.

- Algúns dos contenedores que veñen de China traen a persoas para traballar, en condicións infrahumanas, como é ben previsible. E algúns dos contenedores que saen para China levan cadáveres de chinos, xa que no "contrato" coas mafias chinas está incluído a devolución dos restos e o enterro nas aldeas de orixe. O libro comeza coa testemuña dun italiano que cargando co guindastre un contenedor nun barco chino, se lle abriu e comezaron a caer cadáveres que se desmembraban contra o chan. Os operarios chinos do porto meteron de novo os restos no contenedor, limparon o demais con mangueira e aspiradoras, e para diante.

- Na zona de Nápoles hai cantidade de fábricas clandestinas (moitas italianas e algunhas chinas) que fan as prendas de roupa das marcas italianas a prezos ínfimos. Polo que me pareceu entender, os prezos das fábricas italianas non están moi lonxe das chinas que hai instaladas en Italia.

- Hai algunhas vilas da zona de Nápoles, como Secondigliano, que están totalmente dominadas pola Camorra. Alí hai prazas enteiras onde se trafica droga con total impunidade. E hai cantidade de vixilantes, chamados pali, que avisan cando vén a policía e fan outras labores para que a delincuencia poida campar polos seus respetos.

- Unha parte importante (non lembro agora a porcentaxe, xa me perdín entre tantos datos) do tráfico internacional de armas pasa polas mans da Camorra Napolitana e Casertana. Aproveitaron sobre todo os arsenais dos exércitos de Europa do Leste cando caeu o Muro de Berlín. Pero véndenlle armas a moitos países de Asia e África que relativamente estaban embargados para eses negocios ou outros peores.

- E claro, unha das armas estrela son os fusiles soviéticos Kalashnikov. Un amigo do autor foi a Rusia coas vacacións pagadas pola mafia para coñecer en persoa a Mijaíl Kalashnikov, de quen era gran admirador. Pero o peor non é iso. Cando chega unha nova partida de fusiles Kalashnikov, próbanos directamente sobre os escaparates das tendas das vilas dominadas pola mafia. Así lémbranlle a todo o mundo quen manda na zona. Por iso é moi normal ver escaparates con buratos de bala. Se algún xa rompe de tantos impactos, non hai problema: as cristalerías da zona están controladas pola mafia. Negocio redondo.

- E aínda máis grave é que controlan totalmente a construción no sur do país. E cada vez están introducíndose máis no norte, que supostamente está libre destas cousas e é quen saca ao país adiante, aínda que iso é algo relativo, como veremos máis adiante. O de unir construción con mafia e corrupción seguramente podía aplicarse en todas partes, e probablemente non erraríamos demasiado.

- Houbo un cura novo, chamado Peppino Diana, que durante uns anos se enfrontou a eles e que non se atreveron a tocalo porque na mafia hai certo respecto pola relixión católico, ás veces ata puntos surrealistas. Por exemplo, nalgún dos seus laboratorios da droga, cortaban a cocaína facendo 33 raias, pola idade de Xesucrito. Flipante. Pero un día alguén decidiu que nin os curas tiñan salvoconducto, e mataron a Peppino Diana.

- Outra cousa alucinante é que hai unha vila da costa italiana, entre Nápoles e Roma (creo) chamada Mondragone, que ten unhas sensacionais relacións coa cidade escocesa de Aberdeen. Algún dos empresarios italianas decidiu nalgún momento que era boa idea illarse algo do abafante entorno do seu país e que estaría ben diversificar negocios noutro país moi diferente. Foron para Aberdeen e comezar a dinamizar o comercio e sobre todo o turismo. Polo que parece alí os negocios que fan son legais pero tamén teñen unha boa rede tendida e moi ben controlada. Calquera que chegue en avións fletados por eles dende Mondragone ten traballo asegurado en Aberdeen en boas condicións laborais.

- E, por último, os residuos. Unha das maiores fontes de financiación das "empresas" da zona é a xestión de residuos industriais de todo o país (si, do norte rico, tamén, principalmente de alí). Ofrecen uns prezos ínfimos por esas xestións que a todos os industriais lles importan un carallo e realmente non fan nada con eles, lévanos ao Sur e bótanos ou entérranos en calquera sitio. A terra do sur está totalmente degradada, e en moitos sitios xa envelenaron as terras de cultivo e provocaron enfermidades nos habitantes debido á toxicidade que inunda a terra e a auga. Ou sexa, que o norte rico tamén colabora a que o sur sexa pobre e decadente.

Como vedes, o panorama que pinta de Italia non é moi agradable, pero en canto estás alí xa calquera nota que moitas cousas non funcionan como noutros sitios.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-10-2009 23:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal