A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
A semana pasada tiven o privilexio de ser invitado á re-estrea (xa fixeran a obra hai 13 anos, pero o cambio é apreciable) da obra "A esmorga", de Eduardo Blanco Amor, en versión do grupo de teatro ourensán Sarabela.
Para iso tiven que desprazarme ata Ourense, xa que a obra representábase no seu novo Auditorio. Pero foi un pracer facelo e todo un acerto, xa que a interpretación é excepcional.
Agora o grupo vai facer no que resta de ano bastantes representacións na súa cidade (xa que acaban de ser nomeados compañía residente) pero agardo que movan este espectáculo por todo o país, para que todos poidan disfrutalo.