Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Xa voltamos de Tenerife

Ola, xente. A metade de Viaxes O Lóstregho que vos escribe xa está de volta da Illa Afortunada (creo que hai máis desas).

Farei unha breve crónica do que pasou nesa semana que estivemos por alá.

Por razóns que non vén ao caso comentar, hospedámonos no caluroso e desértico sur. NUNCA O FAGADES. O calor é insoportable (ás veces tamén no norte), a non ser pola noite. Os hoteis están moi ben pero como nós raramente os pisamos.... Varios da expedición (que non todos), que tiñamos interese en visitar cousas pasámonos horas montados no coche de aluguer de aquí para alá. Cousas que pasan por frecuentar as malas compañías.

Tamén diremos as principais visitas que NON puidemos ou quixemos facer, por diferentes razóns:
- Teleférico do Teide: Non nos cadrou moi ben no organigrama. Ademais, é algo caro, 25 euros (pero se a cousa vale a pena non é escusa). Hai que facer cola de varias horas ao sol, iso xa non me fai demasiada graza. E a única vista garantizada é a da súa propia caldeira (máis ou menos xa a ves dende abaixo) e o cráter do Pico Vello ou Chahorra. O resto das cousas depende da climatoloxía, que non foi moi boa nesa semana, polo menos a efectos de visibilidade. O norte estaba sempre cuberto de nubes, e o sur dunha grande calima e po en suspensión. Direivos que estando na costa sur practicamente non puidemos ver a Gomera, que está a só 30 quilómetros. E dende o sur sempre se veía o pico do Teide con certa bruma e po no aire. Desaconselláronos a subida. Ademais agora é algo complicado acceder ao cráter do Teide, hai que pedir permisos con antelación, etc.
- Paisaxe Lunar: Cerca de Vilaflor, ao sur do Teide, hai unha curiosa paisaxe de pedra pómez que é chamada a "paisaxe lunar". Pero non é un lugar moi grande, e hai que ir 9 km. por unha pista forestal pola que non poden ir turismos, que era do único do que dispoñíamos. Outra vez será, se é que a hai...

Agora vaiamos coas visitas de cada día:
- Domingo 19: Pateamos practicamente toda a zona tomada pola hostelería e o turismo no sur da illa. Estabamos nun hotel na praia de Fañabé e fomos ata o final de Los Cristianos, e volta, claro. Deben ser uns 10 quilómetros TOTALMENTE dedicados ao turismo, que desperdicio......
- Luns 20: Visitamos Icod de los Vinos e o seu famoso Drago Milenario, Garachico co seu Roque e os seus monumentos, Los Realejos, La Orotava e rematamos en Puerto de la Cruz.
- Martes 21: Proseguimos en Puerto de la Cruz, que o día anterior case non víramos nada, a costa de El Sauzal e Tacoronte, Bajamar, Punta del Hidalgo, La Laguna e a Cordilleira de Anaga. Pode que moitas das cousas non vos soen, pero podo asegurarvos que a costa norte de Tenerife é unha pasada.
- Mércores 22: seguramente o mellor día. Pola mañá fomos aos Acantilados dos Xigantes, despois fomos a unha aldea chamada Masca nun lugar de complicado acceso, e despois fomos á punta de Teno (a punta noroeste da illa), dende onde se ven os Gigantes dende o lado contrario, e as paisaxes son unha marabilla. Pola tarde, excursión guiada ao Teide, visitamos os puntos principais pola tarde, con explicacións de técnicos. Despois fomos a un punto cerca do Observatorio Astrofísico de Izaña e puidemos ver o solpor no Teide e no val da Orotava (na foto). Ceamos alí arriba nun restaurante e despois un ameno e cultísimo astrónomo (cun punteiro láser dunha gran potencia) explicounos como distinguir estrelas e constelacións no ceo. Excepcional.
- Xoves 23: un día de certo relax. Pola mañá fomos nunha excursión en catamarán para ver calderóns (tamén chamados baleas piloto), golfiños mulares e baleas máis grandes (desas que bufan auga por un surtidor) e darnos un baño en "altamar" (en realidade debía ser a un quilómetro da costa, como moito). Pola tarde, descanso merecido.
- Venres 24: Fomos visitar as pirámides de Güímar. Foron descubertas hai uns 20 anos por uns labregos cando removían unhas terras. Os noruegos Thor Heyerdahl (explorador e antropólogo) e Fred Olsen (armador propietario dos ferrys máis rápidos das illas) promoveron un parque etnográfico para estudar esas estrañas construcións. Debaixo dunha das pirámides apareceu unha cova con restos da civilización guanche, pero non hai conexión entre unhas cousas e outras. Tamén fomos a Candelaria, coa súa basílica, as estatuas dos nove menceys guanches e as ondas rompendo na costa a poucos metros da praza principal. E rematamos en Santa Cruz que, como xa nos adiantaran, non ten nada de particular, agás a zona do novo Auditorio de Tenerife.

Déixovos esa foto do solpor no Teide.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-07-2009 17:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal