Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A Semana Santa en Vetusta
Na última Semana Santa fun a Vetusta - Uvieu - Oviedo.

Todas as persoas que acostuman a saír comigo de viaxe nunha ocasión ou noutra, con máis ou menos frecuencia, tiñan impedimentos que lle impedían facelo nesta ocasión.

E non podía ser, tiña eu tal grado de cansazo e estrés acumulado que tiña que ir a algures, onde fora, aínda só, como foi o caso.

Entón desenterrei un plan que tiña dende había algún tempo, e que non contaba poñer en práctica tan pronto. Ir pola cornixa cantábrica no FEVE, o tren de vía estreita.

Decidín entón ir pasar a Semana Santa a Oviedo, fermosísima cidade que xa levaba case 10 anos sen pisar. Aproveitei un día para desprazarme a Xixón, outra cidade atraente pero que, a pesar de ter mar e parecerse á Coruña, é máis deslucida que Oviedo.

Só hai dous trens de Ferrol a Oviedo cada día, un a primeira hora da mañá, e outro que sae ás 3 da tarde. E trens da Coruña a Ferrol tamén hai bastante poucos; tan poucos, que a última hora da mañá do venres 14 de marzo tiven que coller un autobus para chegar a tempo ao tren que me levaría pola costa.

Como xa intuiredes, a xente estresada que ten presa para todo xa pode ir esquecendo coller o FEVE. Para en todas. Quen dixo que non había metro en Galicia? De Ferrol a Oviedo lévalle 6 horas e media. Entre que non tiña presa (con tal de chegar aquela noite a Oviedo xa me bastaba) e que as paisaxes son alucinantes, a viaxe foi unha delicia.

A saída de Ferrol non é unha marabilla ata que chegas á costa, á altura de Ortigueira. A partir de aí é espectáculo continuo: ría de Ortigueira, Cabo Ortegal ao lonxe, Espasante, ría do Barqueiro, Estaca de Bares ao lonxe, ría de Viveiro, San Cibrao, Burela (entre estas dúas a vía vai por lugares indescritibles), Foz, a ría do Eo. En canto entra en Asturias afea un pouco porque vai a varios quilómetros da costa, agás en lugares puntuais e iningualables, como Luarca, Navia e a ría do Nalón. E a partir de aquí colle cara o interior, pero á beira do río Nalón, dando lugar a paisaxes moi fermosas. Moi recomendable. Se tedes a oportunidade, facédeo algunha vez.

En Vetusta estiven ata o 23 de marzo. Ao mediodía collín o tren de volta. As miñas ocupacións principais foron durmir, descansar, pasear e LER.
Lin tres libros: "La Regenta" de Clarín, "O castelo branco" de Orhan Pamuk e o ensaio "Galeg@s na Habana" de Angela Oramas Camero, que fala do labor dos emigrantes galegos na Habana, moi interesante. Obviamente, a miña motivación lectora principal era La Regenta. Por iso estou insistinto tanto en chamarlle Vetusta á cidade. Se non me engana a memoria, levoume 7 días, pero o esforzo vale a pena.

Deille un bo repaso tamén á cidade de Oviedo, a Catedral, a Cámara Santa, que aínda non visitara, volvín ás tres igrexas ou monumentos prerrománicos, o Museo de Belas Artes, a marabillosa Praza do Fontán (semella un corral de comedias), e tamén a parte nova, que ten algunha cousa moi interesante como o Centro Comercial Buenavista (no lugar onde se atopaba o Estadio Carlos Tartiere, que foi ubicado cerca de alí), cun vanguardista deseño de Santiago Calatrava.

En Xixón estiven no mega-museo etnográfico que hai a carón do Molinón e da Feira de Mostras, nalgún outro museo máis, na Casa natal-Museo de Jovellanos, e dando algunha volta polo Paseo Marítimo, aínda que o tempo non acompañaba moito.

Asturias, patria queridaaaaaaaaaaa.......

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-04-2008 13:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal