A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
Acabo de chegar agora mesmo do concerto do grupo xaponés de percusión "Tao", que acaba de actuar no Coliseo da Coruña.
Impresionante. Non hai palabras. Os once compoñentes (oito homes e tres mulleres) son uns portentos físicos creando ritmos coa percusión.
Á saída, merquei un DVD, que me vendeu e asinou unha das mulleres do grupo, Arisa Nishi. Ela e un dos homes do grupo estaban alí vendendo e asinando dous ou tres minutos despois de rematado o concerto. Unha persoa normal estaría cos brazos metidos en xeo durante media hora.