Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Os novos museos de Vigo
Como xa contei, estiven hai pouco pasando o Entroido en Vigo. Ademais de patear a cidade, xa que só a coñecía superficialmente, decidín visitar os tres novos museos da cidade, que non estaban a última vez que pasei por alí.

O primeiro que visitei foi o Verbum - A Casa das Palabras. A intención é facer un museo sobre a comunicación humana, en todos os formatos e ámbitos posibles. Ten algunhas cousas interesantes. Pero a lingüística, a sociolingüística e outras disciplinas adxacentes non sei se dan para tanto. Sospeito que nunca será un museo de masas. Cando eu estiven había tamén unha exposición temporal sobre o Cid, do que se celebraba o 800 aniversario de algo (non sei se do nacemento, morte ou outra data importante). O Verbum parece un exemplo claro de gran contedor con pobre contido, arquitectura moderna espectacular sen saber moi ben para que facela. Está en Samil e vese na foto a súa estampa.

Despois visitei o Museo do Mar. Aparte de que o inauguraron varias veces, algunhas delas no mesmo día (achéganse as eleccións), e que a actuación arquitectónica tamén tivo a súa certa polémica (que raro!!! aínda que non lembro en que consistía neste caso), gustoume moito este museo. Ten unha primeira nave, dividida en dúas plantas, con moitos módulos moi ben organizados e didácticos sobre o mar. Despois ten, a parte, o acuario, que é rectangular e terá unhas dimensións de 20x3 metros, que pretende recrear o mar de Vigo. Polo tanto, non hai especies exóticas nin sorprendentes. Está en Alcabre, na Punta do Muíño.

E por último visitei o MARCO, o Museo de Arte Contemporáneo de Vigo. Está nun estremo da rúa do Príncipe (cruce con Urzaiz), onde antes houbera uns xulgados e o cárcere. Mantén a curiosa estrutura radial con pavillóns e o patio (agora cuberto con cristal) que lle dá moito encanto. Leva cinco anos aberto. E casualmente agora tiña unha exposición chamada "Tempo ao tempo", cunha selección das obras dos múltiples autores que pasaron por alí nese tempo. Como sempre, en arte contemporáneo, había cousas moi curiosas e interesantes e outras que....... prefiro non seguir. Das que máis me gustaron, un video (creo que bastante pobre), que se proxectaba nunha cortina de fume, que só a provocaban de cando en vez para que non se enchera de fume o museo. E unha serie de pinturas moi chulas nas que faltaba algún personaxe ou elemento. E unha curtametraxe sobre "A invención de Morel" de Bioy Casares.

Saúdos.
Verbum - Casa das Palabras
Museo do Mar de Galicia
MARCO Vigo
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2008 23:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal