Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Cinco anos do Prestige
O outro día organizamos na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda unha mesa redonda conmemorando os cinco anos da catástrofe do Prestige.

Semella que o tema estaba esquecido pero houbo unha manchea de actos similares por todo o país neste mes de novembro. O local da nosa agrupación foi a sede de Nunca Máis na Coruña e, por suposto, estabamos obrigados a conmemorar aquel nefasto momento.

Houbo moi pouca xente, había case tantos na mesa intervindo como no público. Produce un pouco de tristeza ver iso. Pero isto había que facelo, e punto. Se á xente xa non lle interesa, que lle imos facer!!!

Participaron Rafael Louzán (profesor da Escola de Náutica e experto en navegación), Carlos Suárez (mariñeiro) e Verónica Campos (responsable de formación do CEIDA, como experta ambiental). Moderou Raimundo Martínez, o noso secretario.

Dixéronse cousas moi interesantes. Carlos Suárez lembrou todas as catástrofes similares que marcaron a súa vida profesional como mariñeiro, que non sacuden cada certo tempo.

Verónica Campos fixo fincapé en que non aprendemos demasiado daquela catástrofe. O único é que hai algo máis de sensibilidade cara ao mar e á vida e á cultura e tradición mariñeira. Pero a principal ensinanza, segundo ela, que era cambiar dun modelo enerxético insostible a outro máis respectuoso, segue sen asimilarse, e imos a peor.

E Rafael Louzán foi moi crítico co estado actual da navegación. Lembrou que moitos dos problemas que existían, sigue habéndoos. Segue habendo bandeiras de conveniencia, profesionais mal preparados de países subdesenvolvidos, segue sen haber no Estado Español un só buque anti-contaminación, etc. Se volve pasar algo como o daquela vez, as cousas poderían saír parecidas. Tamén incidiu en que, nalgúns países onde iso xa funciona ben, nesas catástrofes hai un MANDO ÚNICO formado por técnicos ONDE NON HAI NINGÚN POLÍTICO. Cando veremos iso por aquí?? Tamén dixo que, técnicamente, os dobres cascos tampouco son a panacea. A mellor solución técnica son os barcos redundantes que teñen, por exemplo, dúas máquinas. Se falla unha, ponse a funcionar a outra.

A miña reflexión: estamos máis ou menos como antes. O único que ganamos os galegos foi a conciencia cívica de sobrepoñernos á incompetencia política, e de ser capaces de organizarnos para queixarnos deses erros. O Plan Galicia naceu dunha xuntanza do Consello de Ministros de Aznar no Concello da Coruña. E a semana pasada o Goberno galego reuniuse en Muxía e aproveitou para colocar a primeira pedra do futuro Parador e anunciar que ao mellor fan unha autovía á Costa da Morte. Outra choqueirada. Seguimos tendo ao frente outra banda de incompetentes.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 24-11-2007 12:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal