Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Dredd
Dende hai uns días, na plataforma de R, o canal que pode verse en aberto é SyFy. Parece que está especializado en ciencia ficción e cousas parecidas. Nunca vira nada nese canal, e o día que o atopei por primeira vez, cadrou que botaban unha película que podía ter certo interese.

A película é “Dredd”, foi dirixida en 2012 por Pete Travis, e foi protagonizada nos papeis principais por Karl Urban, Olivia Thirlby e Lena Headey, totalmente descoñecidos para min ata o momento, aínda que parece que algúns deles xa apareceron en grandes superproducións como “O Señor dos aneis” ou “Xogo de tronos”. De feito, o actor principal é totalmente irrecoñecible, xa que só se lle ve a boca e o queixo. Ao principio eu tiña unha certa confusión, porque me soaba a película “Xuíz Dredd”, que foi protagonizada en 1995 por Sylvester Stallone, e que está baseada no mesmo cómic, entereime despois de todo isto.

A trama é moi simple e plana. Nun futuro bastante chungo, toda Norteamérica vive nunha megalópole que vai dende Boston a Washington DC, onde viven uns 800 millóns de persoas. Nesa cidade, moitos edificios están en ruínas, e os únicos habitables son unhas torres impoñentes, algo espaciadas entre sí.

A xustiza e control dos delitos, que están disparados, é exercida por uns tipos chamados “xuíces”, que son algo así como policías case invencibles, que xa xulgan eles mesmos sobre a marcha, para aforrar trámites. Como é lóxico, non caen moi simpáticos. Parece que un dos de máis prestixio é Dredd. Asígnanlle a unha xuíza novata chamada Anderson, que destaca por ser mutante e ter poderes para ler na mente das outras persoas. Por esa razón, excepcionalmente, é a única xuíza que non leva a cabeza cuberta, para non interferir neses poderes. Sae ao comezo da xornada de aprendiz con Dredd.

Reciben unha alerta de que nun deses edificios impoñentes, o Peach Trees, acaban de caer tres cadáveres despeluxados ao patio central, causando o terror en toda a xente que anda por alí. Van alí para solucionar o problema. Quen os matou e os tirou é unha organización delictiva que produce unha nova droga e que domina ese super-edificio e que se aloxa nas últimas plantas, que ten unhas 200.

En canto entran os dous “xuíces” para investigar o caso, a organización, liderada por unha despiadada muller chamada Ma-Ma, pecha todos os accesos do edificio, para desfacerse dos xuíces. Como vedes, non son un prodixio de amabilidade. E a partir de aí, non hai moita historia. Un mogollón de xente perseguíndoos, e eles dous defendéndose como poden. Xa suporedes quen gaña ao final, claro.

A película é pura casquería, efectos dixitais e deseño ultramoderno, pero tampouco me sorprendeu o máis mínimo, xa supoñía que sería algo así. Si teño que recoñecer que houbo algunhas escenas onde se recrearon para darlle un acabado visual moi atractivo, e non lles quedou mal. Por exemplo, a primeira vez que sae Ma-Ma, está dándose un baño nunha bañeira, ergue a man e vense as gotas que saen salpicadas, todo isto a cámara lenta. O efecto visual está logradísimo, non se pode negar. Pero pouco máis se pode destacar dela.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-09-2020 14:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal