Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Centauros do deserto
Onte pola noite botaban na cadea de televisión fascistoide Trece “Centauros do deserto”, co seu ídolo machirulo John Wayne, ao que lle teñen moita querencia nesa cadea. Como é unha boa película que tiña ganas de ver de novo, animeime. Hai que salientar que a botaron completa sen un só corte publicitario, iso sempre se agradece.

Pois vina. E agora estaba lendo algunha web onde analizan ou desmenuzan unha infinidade de detalles que son moi difíciles de intuír no visionado normal. Primeiro vou lembrar cal é a trama principal da historia, e despois comento o que atopei nesas outras webs, que me pareceu bastante interesante.

Ethan Edwards (John Wayne) é un antigo soldado confederado que chega á casa do seu irmán en Texas tres anos despois de que acabara a Guerra Civil estadounidense. Nesa casa viven o seu irmán, con quen parece ter unha relación algo fría, a súa cuñada, os fillos dese matrimonio e un rapaz ao que acolleron, que é moi querido pola familia, pero que ten unha certa fracción de sangue indio, e por esa razón Ethan semella tratalo con certa frialdade tamén.

Ao pouco de chegar, uns veciños avisan de que lle roubaron as vacas. Saen todos a buscalas, e atópanas mortas, do cal se deduce que non era exactamente un roubo, senón unha distración. E foi unha tribo india quen o fixo. Cando volven á casa, está totalmente destruída. Cren que morreron todos e que só levaron viva á filla máis pequena, Debbie.

Dende ese momento, fórmase unha partida de homes que saen a buscala. Despois de diferentes aventuras, acaban quedando só dous, Ethan Edwards e Martin Pawley (ademais de sobrenome dun famoso astrónomo e crítico de cine galego, na película protagonizado por Jeffrey Hunter). A búsqueda dura cinco longos anos, incluso pasan por casa duns veciños nalgunha ocasión e manteñen certa correspondencia epistolar con eles nese tempo, o que permite incluso que Martin estea medio comprometido para casar coa filla deses veciños.

Despois de idas e voltas, acaban atopando a Debbie, que xa está moi integrada no pobo e costumes comanches, e non ten claro se quere volver ao mundo dos brancos ou quedar cos indios. Martin non ten dúbidas nese aspecto e intenta convencelo, pero Ethan, que non quere demasiado aos indios, ten dúbidas sobre se debe levar de volta a Debbie, ou se debe matala, como quere facer co resto dos comanches.

Como comentario adicional, salientar a escena inicial e final da película, moi similares. Nos dous casos, vese a paisaxe do deserto texano no centro da imaxe a través da porta da casa, enmarcada na escuridade do interior, que é de onde se toma a imaxe. Ao comezo, a cuñada de Ethan sae da casa porque lle parece ver un xinete que chega nun cabalo. Ao final, ao traer a Debbie de novo ata a casa dos veciños, vese dende o interior da casa como van chegando, e a porta péchase (e fai a escuridade total) cando Ethan está marchando de novo.

Despois sempre está ben falar do lío dos títulos. O título orixinal é “The searchers”, que poderíamos traducir como “Os buscadores” ou “Os exploradores”, título moi acaído á temática da película. En español inventáronse “Centauros do deserto”, que non ten moito sentido, porque a metáfora dos homes a cabalo como centauros non está mal, pero o problema é que todas as películas do Oeste están cheas de “centauros do deserto”, non serve para distinguir nada. En parte de Hispanomérica a titularon “Máis corazón que odio” (totalmente absurdo). E en Europa fixáronse moito na figura da nena secuestada. En Portugal titulárona “A desaparecida” e en Francia algo así como “A refén do deserto”.

Pois ben, mirando nunha web desvelan moitas cousas moi interesantes que poderían explicar detalles da película que non se captan demasiado se non tes un par de doctorados:
- Era soldado confederado, do que se deduce que era racista (máis ou menos, pero algo), e iso pode explicar a inquina que lle ten aos indios.
- A relación co seu irmán era fría, seguramente por iso, pero tamén porque Ethan parece estar namorado da súa cuñada, e todos parecen sabelo.
- Foise á guerra para evitar o escándalo amoroso, perdeu a guerra, e estivo tres anos máis loitando contra os indios en México, porque unha medalla que lle dá a Debbie é dalí. Seguramente por esa razón coñece ben a lingua e costumes indias, e os odia bastante.
- Unhas moedas novas recén acuñadas que exhibe en varios momentos parecen indicar que neses tres anos “perdidos” foi un foraxido que asaltaba bancos.
- É un heroe perdedor que non ten ningún lugar ao que ir. A casa da súa familia máis cercana xa non existe, e tampouco podía estar alí moito tempo, porque a relación era moi tirante. E a película acaba con el marchando sen entrar na casa á que trae a Debbie.

Outra cousa que me chama a atención é a carreira cinematográfica de Jeffrey Hunter, un dos actores destacados da película. Nos últimos tempos atopeino facendo grandes papeis en varias películas, e non me explicaba por que non foi máis famoso posteriormente, realmente tivo mala sorte. Nun intervalo de só 5 anos protagonizou “Centauros do deserto”, “O sarxento negro” e “Rei de Reis”. Tiña 30 e poucos anos cando sucedeu isto, e apuntaba moi boas maneiras. Pero na década dos 60 non soubo escoller ben os seus papeis. E a finais dos 60 unha sucesión de accidentes nas rodaxes e outros contratempos parecidos levouno á tumba. Éche o que hai.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-08-2020 12:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal