Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O Dez
Creo que foi na penúltima edición do Culturgal (a de decembro de 2018, entón) cando me atopei cun “stand” que me agradou moito. Estaba compartido por Carlos Meixide, escritor, actor, cantante, etc, ao que pouco antes acababa de entrevistar na radio. Estaba alí vendendo principalmente os seus libros, e merqueille un, “Ons”, similar ás aventuras dos Cinco, que me fixo rir un bo pedazo. E con el tamén estaba o amigo Óscar Losada, presentando a súa revista de fútbol en galego “O Dez”, da que non teño claro se xa oíra falar.

Óscar Losada é un xornalista coruñés de longa traxectoria e perfil bastante peculiar. Parece que os seus principais campos de interese son o deporte e a cultura. En deportes, xa lle coñezo esta revista sobre fútbol e tamén sacou durante algún tempo outra sobre baloncesto, chamada “Zona Press”.

En cultura sei que controla moito de música (cónstame que é un experto en música folk ou celta, co difícil que é delimitar iso) e tamén de cine, porque creo que tivo na Radio Galega un programa sobre ese tema que se chamaba “A lanterna máxica”. Tamén na Radio Galega tivo hai pouco tempo un modesto programa pero moi interesante chamado “O discóbolo”, no que mesturaba estes dous temas, deporte e cultura. Eran pílulas de media hora moi xeitosas.

Da súa revista de fútbol “O Dez” merquei dous números, o 4 e o 5. O número 4 titulábase “O meu ídolo futbolístico”, porque a primeira parte do número trataba de escritores (principalmente) que non lles gusta moito o fútbol falando do seu principal ídolo neste deporte. O número 5 titulábase “O legado de Escocia” e xa non hai moito máis que explicar claro. Non sei con que periodicidade pretendía saír inicialmente, pero semella que agora atopou o punto de equilibrio sacando un número cada ano, no verán. O subtítulo da revista é “Fútbol con cerebro”.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-08-2020 12:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal