A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
O outro día vin na televisión a película española baseada na novela ?A carta esférica? de Arturo Pérez Reverte. Este tipo cáeme fatal e non me parece un escritor excelso (aínda que el cre que si), pero si me interesa algo máis o tipo de novelas que escribe, xeralmente de intriga e aventuras, en certa medida.
A película foi dirixida por Imanol Uribe en 2007, e os cinco protagonistas principais son Carmelo Gómez (ex-mariñeiro), Aitana Sánchez-Gijón (ao final, buscadora de tesouros), Enrico Lo Verso (buscador de tesouros), Darío Grandinetti (algo así como un mafioso) e Gonzalo Cunill (dono do barco co que se busca o tesouro).
Todo xurde nunha subasta. Un dos obxectos é un antigo catálogo de mapas que se creía desaparecido, e que parece ter moito valor. Carmelo está alí de casualidade, Enrico e Darío puxan moi alto e finalmente o acaba levando Aitana, que representa ao Museo Naval de Madrid. Á saída, todos estes personaxes están discutindo entre eles, e iso propicia que Carmelo e Aitana se coñezan, que é un dos eixes principais da historia.
Cando están repasando xuntos os mapas, Carmelo dille que coñece moi ben a zona do Cabo de Palos, porque é desa zona, e navegou moitas veces por alí. A Aitana éntralle o interese, porque leva anos investigando o naufraxio dun barco dos xesuitas naquela zona a finais do século XVIII. Hai moito misterio en canto a que traía ese barco, porque o caso é que Carlos III ordeou a expulsión dos xesuítas pouco despois. Pero ao final descúbrese que hai un cargamento de esmeraldas moi valioso, Aitana sabíao.
Gonzalo, amigo de Carmelo, pon o seu barco á disposición da parella, para facer a busca do pecio afundido, pero non atopan nada inicialmente. Aitana vai visitar a un antigo profesor seu de cartografía, que lle di que todos os cálculos que fixeran estaban mal, porque os xesuítas eran moi secretistas e utilizaban o seu propio método de coordenadas. Grazas a iso, agora si, dan co pecio e conseguen as esmeraldas.
Mentres sucede todo isto, Enrico e Darío están intentando pactar cos outros ou boicotear a expedición. E xa non conto o final, porque é moi frenético, e en cada escena descúbrese algo que desdi o que se vira na anterior.
En definitiva, déixase ver, pero creo que á película lle falta algo de chispa para ser de acción e intriga (é triste dicir que os estadounidenses teñen o truco mellor collido).