Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A cara do terror
Esta película foi dirixida en 1999 por Rand Ravich (do que nunca oíra falar) e os dous papeis principais foron para Charlize Theron e Johnny Depp. Trata dunha intriga espacial típica baseada en que lle pasa a un astronauta cando ten un pequeno accidente na misión, semella que o que volve non é igual que o que marchou.

De novo volvemos co caos na tradución do título orixinal inglés nos diferentes países hispanofalantes, que sempre é unha risa. O título orixinal traducido sería “A muller do astronauta”, e esta vez ten bastante sentido, porque a película está baseada na muller dun dos astronautas accidentados, protagonizada por Charlize Theron. En España titulárona “A cara do terror” e en Arxentina “A cara oculta”, facendo referencia a unha “cara” que non se ve nunca, así que non queda moi clara a referencia. E en Venezuela e Mexico foron máis alá e chegaron a “O enxendro” (sen comentarios).

Hai unha misión espacial típica americana con 6-7 tripulantes, e cando 2 deles están facendo unhas operacións fóra da nave, perden a conexión coa nave durante un par de minutos. O resto dos tripulantes fai unhas correccións e conseguen traelos de volta á nave. Volven feridos, e ao baixar do transbordador, ingresan no hospital en observación.

O astronauta que non está protagonizado por Johnny Depp está máis grave. Incluso ten unha crise cardíaca que case acaba con el, pero nesa crise berra unha das conversas que tivo co astronauta que si é Johnny Depp, e parece que neses dous minutos de desconexión pasou algo. Pero ao final os dous saen do hospital sen problema. Nunha festa de benvida, os dous astronautas discuten e “o outro” morre dun derrame cerebral. No velatorio, a muller do outro astronauta dille á muller do protagonizado por Johnny Depp que veía moi estraño ao seu marido, que estaba sempre escoitando ruidos na radio e que semellaba comunicarse con alguén dese xeito. Pouco despois, esa muller suicídase na ducha electrocutándose coa radio.

A partir dese momento, a outra parella intenta reanudar a súa vida. O astronauta recibe unha fantástica oferta de traballo. O problema é que en Nova Iork, cidade que sempre detestou, e que el nunca gostou dos despachos, sempre prefería ser piloto. Á súa muller estráñalle, pero acepta o cambio. Ela era profesora de nenos pequenos, pero axiña consegue un traballo similar en Nova Iork. El traballa nunha empresa que está deseñando un avión futurista.

Cando a muller lle pregunta ao seu marido que foi o que pasou naqueles dous minutos, el non lle explica nada moi concreto, pero faille o amor dun xeito un pouco salvaxe (el chega a recoñecelo un pouco máis adiante). Unhas semanas despois, ela sabe que está embarazada, e a xinecóloga dille que van ser xemelgos.

Nese momento aparece o antigo xefe da misión da NASA, que foi despedido porque insistía en que pasaba algo raro, e que os dous astronautas se comportaban de xeito moi estraño, aínda que todas as análises tiñan resultados normais. Quere falar coa muller do astronauta, sen que el o saiba. Dille que a muller do outro astronauta tamén estaba embarazada de xemelgos no momento do seu suicidio. Nese momento, a muller decátase de que algo moi grave está pasando. Pero o astronauta descubre a súa cita, e fai desaparecer ao xefe da misión. Pero este faille chegar á muller do astronauta unha cinta de vídeo na que lle explica que a empresa na que traballa o seu marido está deseñando un super avión que debe ser pilotado por dous pilotos similares, que probablemente sexan os seus fillos.

SPOILER: A muller intenta abortar, pero o marido consegue evitalo. Escapa do hospital e vai para casa, perseguida polo marido. Alí abre todas as billas, porque vai intentar suicidarse do mesmo xeito que fixo a muller do outro astronauta, pero moito máis ao bestia. O marido chega para intentar evitalo, pero nun determinado intre, el tamén queda metido na corrente de auga. Nese momento, ela, que estaba sentada nun taburete, sube os pés, e enchufa a radio, producindo unha grande electrocución que só lle afecta a el. E debido a iso, un “ente” que se atopaba dentro do astronauta e que semellaba gobernar as súas accións, sae del e métese na muller.

A seguinte e última escena é a muller abrazándose a outro piloto espacial, que agora é o seu marido, mentres despiden aos seus fillos xemelgos, que van ao colexio por primeira vez. Na ollada da muller nótase que alí dentro hai “algo”.

As puntuacións que lle dan en moitos sitios de Internet son máis ben baixas (pouco máis dun 4 sobre 10). O final paréceme bastante “cagada”, é certo, pero podía estar peor, e o resto da película déixase ver ben.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-08-2020 13:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal