Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Uvas e granito

Hai uns anos chegou ás miñas mans un libro dun xeito algo estraño. Eran aqueles anos da década anterior na que estaba inmerso na organización de moitas actividades culturais e educativas, e unha editorial mandounos un lote de libros que lle sobraba por algunha razón. Fixemos un reparto entre varias persoas, porque non se nos ocorría nada mellor, e un dos que me tocou a min foi “Uvas e granito”, escrito pola aventureira e etnógrafa británica Nina Epton, e editado por Ir Indo no ano 1993.

Polo que parece, esta muller fixo contacto con algúns dos galeguistas da época, creo que sobre todo con Paco Fernández Del Riego. Deberon convencela para que viñera pasar algún tempo a Galicia, e fíxoo a mediados dos anos 50. Estivo algúns meses por aquí, visitando diferentes lugares de Galicia, e na parte final da súa estancia, estivo acompañada polo seu mozo Robert. Parece que o país era bastante pobre, apenas había coches e había moita precariedade, pero algunhas cousas deberon gustarlle. Sacou fotos e gravou cancións tradicionais.

O libro está dividido en varios capítulos, nos que vai falando das diferentes zonas que foi visitando:
- O primeiro capítulo transcorre en Vigo, a onde chegou o seu barco. Alí intenta contactar con Paco e con Xosé María Álvarez Blázquez, pero xa era verán, e o grupo galeguista de Galaxia xa facía vida no famoso chalet de Coruxo, e semella que tampouco lle fixeron moito caso. Tamén fai unha viaxe en coche a Baiona, A Guarda e Tui.
- O segundo capítulo é por Ourense. Alí contacta co grupo ourensán da Xeración Nós, pero xa case cos seus discípulos, e é atendida sobre todo por Xesús Ferro Couselo, grande arqueólogo. Dedican boa parte do tempo a visitar os grandes mosteiros, como Oseira e San Estebo de Ribas de Sil.
- O terceiro capítulo é nas festas do Apóstolo en Santiago, das que lle falaran moi ben, e alí volve coincidir con galeguistas de Vigo e Ourense, pero tamén coñece a Otero Pedrayo e Castroviejo. Aproveita para visitar a histórica cidade e a súa Catedral.
- O cuarto capítulo é na Costa da Morte. Desbota achegarse á Coruña, na que xa estivera antes e non lle gustara, e vai visitar vilas como Corme, Camariñas, Muxía, Fisterra e Muros.
- O quinto capítulo é polas Rías Baixas, cando xa chegou o seu mozo dende Inglaterra. Aproveitan para visitar a zona de Sanxenxo e Portonovo, e tamén A Lanzada, O Grove e a illa da Toxa.
- O sexto capítulo é moi curto, sobre unha pequena excursión ao Santuario da Franqueira, no interior da provincia de Pontevedra, de moita fama na zona, pero non moito máis alá (eu estiven unha vez, pero descoñecía que tiña tanta sona na comarca).
- O sétimo capítulo e último é o máis longo, sobre a súa desexada excursión aos Ancares. Cruzan Galicia dende Vigo en diagonal para chegar aos Ancares, pasando por Lugo. Alí fálanlles da rapa das bestas de Sabucedo, que lles impresiona, e que tiñan ben cerca de Vigo. Despois de moitos intentos, conseguen chegar ao Piornedo, pasando por Becerreá, pero o último tramo teñen que facelo a pé de noite polas montañas. As condicións do aloxamento son pésimas e acaban durmindo en pallozas, esas construcións neolíticas que os tiñan alucinados, pero descubren que a realidade é máis dura. A mesquindade da poboación, os poucos medios, os case inexistentes transportes, converten a excursión nunha odisea. Parece percibirse que viñeron buscando iso, e cando o atopan, critícano con dureza. Rematan a súa viaxe con outra visita que os tiña engaiolados, o Cáliz Sagro do Cebreiro. O Cáliz e a propia igrexa os decepciona, esperaban algo grandioso, e resulta moi pequeno e mal coidado.

En definitiva, non sei se os etnógrafos e antropólogos son conscientes de como é a vida dos lugares “exóticos” que van visitar, pero neste libro semella que saíron da súa civilizada Inglaterra e esperaban atopar algo semellante, pero obviamente non era así.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-06-2020 08:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal