Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Usar o cerebro
Dende hai décadas, teño moito interese polos libros de divulgación científica. E se tratan de temas como o funcionamento do cerebro, aínda máis. Nos últimos anos lin uns cantos libros sobre ese tema, algúns deles escritos por Eduardo Punset, autor ao que idolatraba hai uns anos (agora non tanto, acaboume cansando un pouco). Pero recoñezo que fun fiel seguidor durante varios anos do seu programa de televisión “Redes”. Os capítulos do mesmo deben seguir en Internet, supoño, e algún día debería volver a eles, que sempre eran unha delicia.

O caso é que hai varios anos chegou ás miñas mans un libro titulado “Usar o cerebro”, escrito por Facundo Manes (este nome destaca máis na portada) e Mateo Niro (este nome en letra máis pequena). O primeiro é neurocientífico e o segundo é escritor. Pero seguramente os seus nomes non vos soarán de nada (a min tampouco). Probablemente sexa porque son dúas estrelas desta temática, pero en Arxentina, e non me consta que a súa fama chegara aquí. Polo visto, tiñan un programa de televisión e máis plataformas similares no seu país. Así que, quen sabe, ao mellor desempeñan alí un papel parecido ao que fixo aquí Eduardo Punset.

O libro gustoume, porque a temática me interesa moito, pero nada máis. Véxolle bastantes eivas. Non hai nin un só debuxo, gráfica, fotografía nin diagrama, e nun tema como este poden ser moi necesarias. Non sei, como os arxentinos teñen fama de enrollarse (falando ou escribindo) sen parar, ao mellor débese a iso. Menciona moitos temas, bastante interesantes en xeral, pero non me dá a sensación de ser nada sistemático nin exhaustivo. Non controlo tanto do tema como para poder dicilo, pero creo que deixa cousas sen tratar, porque parece ser unha recompilación de centos de notas sobre esta interesante temática, pero sen unha estrutura moi consolidada. Ou esa impresión me dá a min, vaia.

Contén catro grandes capítulos:
- Neurociencias
- Memoria
- O cerebro social e emocional
- A mente en forma

Insisto, o libro non está mal, pero eu esperaba máis, e creo que o tema dá moito máis de sí. Polo menos serviume para lembrar que teño por aí medio escondido un libro flipante que editou a FECYT hai anos titulado “Viaxe ao universo neuronal”, que teño pendente de ler dende hai moito tempo, e que por fin chegouse o seu turno.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-06-2020 11:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal