Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O pecado de Cluny Brown
Vin unhas cantas películas do director alemán Ernst Lubitsch na miña vida. Cando o descubrín, alucinei. Que capacidade tiña para facer unhas tramas divertidísimas a través duns diálogos moi ricos e uns personaxes moi curiosos. Hai anos, vira a última película que el dirixira por completo (morreu na seguinte rodaxe). Titulábase “O pecado de Cluny Brown”. Casualmente, o outro día botábana na televisión, e decidín repetir. Estivo ben, pero creo que me gustara máis a primeira vez, seguramente pola sorpresa que me produciu.

Cluny Brown é unha moza moi fresca e alegre que entra a servir nunha distinguida casa. Non lle resulta doado facelo, porque nesa casa, o simple feito de que unha criada sente na mesma mesa que os señores é unha herexía. Por algunha estraña razón, a Cluny gústalle moito a fontanería, e en máis dunha ocasión resolve un problema serio nalgunha casa ao poñerse a desatascar cañerías (supostamente era unha referencia sexual do director para evitar a censura). Nun determinado momento, faise moza do farmacéutico da aldea, que é un home moi chapado á antiga, cunha nai vella que nunca fala, só carraspea. Pero xa se ve que a parella non ten ningún futuro. Ela está protagonizada por Jennifer Jones. Nalgún sitio lin que esta actriz era bastante mediocre, pero que conseguía moitos papeis ao ser a muller do famoso produtor David O. Selznick.

O outro gran personaxe está protagonizado por Charles Boyer. É un exiliado checo que chega a Estados Unidos, fuxindo do nazismo, e por esa razón, é idolatrado por algunhas persoas, que ven nel a un gran político e ideólogo. Porén, na película dá a sensación de ser un vividor e carota, que non a hinca, e que ten unha gran labia que lle permite vivir de prestado en casa dos demais, ser sempre convidado e aproveitarse da confusión que xera a súa persoa.

Xa digo, este segundo visionado non me agradou tanto como o primeiro (hai 25 anos, facilmente), pero sempre é agradable ver unha película de Lubitsch. Pero si, non sei se é que tiña a cabeza noutro sitio, ou que foi, pero lembro pouco de que ía a película, e vina hai só un par de semanas.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-06-2020 11:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal