Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O graduado
Unha película ben famosa pero que eu aínda non conseguira ver, por algunha razón, era “O graduado”, éxito de 1967 con Dustin Hoffman e Anne Bancroft nos principais papeis. Case toda a banda sonora, que ten certa importancia, é de Simon & Garfunkel, grupo de moda naquela época. Todas as cancións eran coñecidas, agás “Mrs Robinson”, que se compuxo para a película, xa que a muller protagonizada por Anne Bancroft chámase a Señora Robinson.

Benjamin Braddock (Dustin Hoffman), volve graduado dunha universidade, con 21 anos, e aínda que el ten ganas de descansar, e non sabe que facer coa súa vida, a súa familia celebra festas para xuntar aos amigos. Ao final dunha delas, unha das mellores amigas dos seus pais, a Señora Robinson, que vive nun matrimonio ben insulso, decide seducilo (a Dustin Hoffman non lle vexo eu demasiado atractivo, pero...). E, en principio, rexéitaa, pero despois séntese atraído por ela e comezan unha relación.

Pouco despois chega a filla da señora, que fora amiga de Benjamin cando eran nenos, pero agora xa levan tempo sen verse. Quedan un día, e despois dun encontronazo ben frío ao comezo, despois tamén se atraen, aínda que semella que iso podería vir de moito tempo atrás. A filla acaba descubrindo o que pasaba entre o seu amigo e a súa nai, e volve á universidade en California. Decide casar cun compañeiro de facultade, pero Benjamin consegue evitalo no último momento. A última escena dá a entender que Benjamin e a filla (Elaine) marchan xuntos para casar ou algo parecido.

A verdade é que a película me aburriu bastante. As historias de amor non me chaman demasiado a atención (e aquí hai varias, en torno ás cales xira a historia). Pero pareceume máis ben que era a historia das dúbidas existenciais duns “pijos” californianos, que en xeral aínda me interesa menos. A banda sonora tampouco me convenceu demasiado. Si, as cancións de Simon & Garfunkel están moi ben (non necesitaba ver a película para convencerme), pero algunhas están metidas con calzador, simplemente para aproveitarse do seu éxito previo.

Aínda que acabo de descubrir que, se cadra, raramente, algunha ten máis sentido do que parecía. Hai unhas escenas nas que Benjamin vai a Berkeley intentando atoparse de novo con Elaine. E nese momento soa “Scarborough Fair”, que é unha canción tradicional inglesa da Idade Media. Acabo de ler que a letra fai referencia a un xoven que foi abandonada pola súa moza, e está intentando recuperala. Se cadra ten sentido por ese lado, non sei.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-06-2020 11:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal