Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Os anos felices
No Nadal do ano 2014 agasalláronme cun libro titulado “Os anos felices” dun tal Gonzalo López Alba. Non oíra falar nunca nin da obra nin do autor, así que fiquei algo escéptico co agasallo. Obviamente, quen o facía, sabía que me gustaba moito ler, e con toda a boa intención probou sorte. Cinco anos e medio despois, no medio deste longo confinamento, boteille peito, e a verdade é que me gustou o libro.

O autor naceu no ano 59 no Bierzo, e foi xornalista, sobre todo político e parlamentario. Digo “foi” porque acabo de enterarme que morreu repentinamente no ano 2018. Na entrada do libro, o autor di que os personaxes non están inspirados en ninguén concreto, pero as situacións e anécdotas si. Non coñezo moito a vida deste tipo, pero teño a sensación de que el e o personaxe principal da novela se parecen algo, se cadra bastante.

O fío da novela é sinxelo. Conta a vida de tres amigos, Fausto, Ovidio e Erasmo, que nacen en torno ao ano 60 nun poboado mineiro do noroeste de León (coincide algo coa vida do autor, non si?). Acabo de caer en que a elección dos nomes dos protagonistas tampouco estivo mal. Cando teñen uns 20 anos e comeza a Transición marchan do pobo e desenvolven vidas moi diferentes entre sí. Os capítulos teñen entre 15-25 páxinas, e normalmente a maior parte de cada un deles conta os avatares de Fausto Aretino, e dedican algo menos de espazo (normalmente cara ao final de cada capítulo) a contar as andanzas de Ovidio Mendía e de Erasmo Buenaventura. A lectura resulta moi áxil, non debía escribir mal o tipo.

Fausto Aretino sae do seu pobo e marcha a estudar Xornalismo a Madrid. Despois vai traballando en diferentes xornais, con desigual sorte, algúns en papel e outros dixitais, e grazas a algún deles, durante algún tempo, pégase a gran vida, porque está untado por uns determinados políticos para os que traballa. Debido a iso e a outras cousas, chega a consumir bastante alcohol, drogas e prostitutas, cun tren de vida moi elevado. Arruinado pola crise do 2008, comeza a ver algunha luz de esperanza na época actual, tan gris.

Ovidio Mendía casou de penalti coa filla rebelde dun magnate do pobo, que lles pagou a casa en Bruxelas, para non avergoñar máis á familia no pobo. Despois marchan a Londres. Alí el vai entrando no mundo da informática, e a súa muller se lía cunha veciña. Así que el decide marchar a Estados Unidos, e instálase en Silicon Valley, entra de cheo no mundo da informática, e ten outra filla cunha muller polaca, que acaba escapando para o seu país sen avisar. Volve a España e instálase en Barcelona. A súa experiencia informática fai que consiga traballo e ascenda moi rapidamente na delegación española dunha multinacional informática. Volve casar, ten máis fillos, e tamén ten un tren de vida moi elevado. Ata que ese tren descarrila porque unha investigación policial por un tema colateral descubre o desfalco que levaba a cabo para levar ese tren de vida, e pagar todas as mulleres e fillos que tiña polo mundo.

Erasmo Buenaventura era homosexual. El xa o sospeitaba, pero ata que o violaron nas duchas na mili non o confirmou. Intenta estudar na universidade, pero dedícase máis a vivir a vida, para enfado do seu pai, un comerciante cunha tenda de roupa no pobo. A Erasmo ese negocio non se lle dá nada mal, pero non soporta ao seu pai. Fai un novo intento universitario en Barcelona, vivindo en casa duns tíos, e a súa tía tamén quere montar unha tenda de roupa, e ve que o seu sobriño controla moito do tema. Montan xuntos unha tenda e teñen moito éxito. Algún tempo despois, o sobriño decide voar só e abre no L’Eixample, que segundo algúns era un barrio dexenerado, unha tenda de roupa para homosexuais. E o éxito é aínda moito maior. Estaba casado cunha muller e tiña unha filla, pero máis que nada por cubrir as apariencias. Chega un momento no que aclara a situación coa súa muller e vaise a vivir co seu amante, pero a relación segue sendo boa. Esta muller acabará sendo a muller de Ovidio Mendía uns anos máis tarde. Despois da morte repentina do seu amante, déixao todo e ingresa nun convento.

Como vedes, parecía que non ía pasar nada, pero pasan moitas cousas, e insisto, moi ben narradas polo escritor. Acabo de descubrir que tristemente morreu o autor, así que non poderá seguir deleitándonos coa súa escritura. Só escribiu tres novelas, así que haberá que seguilo.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-06-2020 11:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal