Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O home de Laramie
Na TVG2 seguen botando películas do oeste estadounidense neste tempos de confinamento. De cando en vez, proxectan algunha da que me soa o título, e anímome a vela. Por exemplo, este dia botaban “O home de Laramie”, e decidín vela. Non sabía se era boa, pero ese topónimo é un dos moitos que nos soan do bombardeo cultural estadounidense. A película foi dirixida por Anthony Mann en 1955 e a figura principal era James Stewart. Do resto do reparto, non me pareceu recoñecer a ninguén, só a Jack Elam, bastante novo e delgado, nun papel secundario.

A película non está mal, pero basicamente é unha mostra de que ese país de chalados ten un pasado que explica moitas das cousas que vemos actualmente. O nivel de violencia e falta de sensibilidade da conquista do Oeste debería avergoñar a todos, pero seguro que eles presumen de ser un país novo que se forxou así. Éche o que hai.

O título é “O home de Laramie”, porque o home protagonizado por James Stewart chega a unha aldea máis ou menos cercana, e ao pouco tempo xa lle están animando a que se marche, que alí non pinta nada. E claro, o lóxico é preguntarlle de onde é, ou de onde vén, e que volva para alí o antes posible. Que xente tan acolledora!!

Ese tipo é comerciante, leva carros con mercaderías dun pobo a outro, pero neste caso, está interesado en ir a esa aldea (creo que lle chamaban Coronado, ou algo así), porque hai pouco tempo, uns apaches mataron ao seu irmán cuns rifles de repetición que, en boa lóxica, non deberían ter. A súa dedución é que hai algún branco que se debe estar forrando comerciando cos indios e facéndolles chegar un material demasiado avanzado para a súa raza (entendo eu que o razoamento debe ser ese, supoño). Ou sexa, comerciantes si, pero olliño, a ver se ninguén se fai dano.

Con ese “leit motiv” tan curioso, o tipo chega á aldea e ponse a curiosear. Resulta que nesa zona, hai un rancho moi grande, que case absorbeu aos demais, e que incluso teñen unha relación de respecto e non agresión cos apaches, que son como os caciques da zona. Está dirixido por un vello que se está quedando cego pero que é xusto e sensato. O seu fillo é un tarambaina chalado que non arma máis ca líos. E tamén anda por alí outro tipo, creo que familar, chamado Vic, que é como un segundo fillo, máis maior ca o outro, e que lle pon bastante máis sensatez á cousa. O pai debátese entre o seu fillo carnal, que non dá aprendido, e o fillo “adoptado”, que semella vai ser quen herde e dirixa o rancho no futuro.

Obviamente. o home de Laramie, peléase co fillo tonto ao pouco de chegar, pero enténdese mellor co fillo adoptado e co pai. Ademais, tamén é acollido no rancho da principal rival desa familia, unha muller xa maior que antes tiña boas relacións con esa familia, pero a señora agora vese algo ameazada polo poderío da familia rival, cada vez maior.

Pois nada, a historia vai avanzando, e cara ao final, vaise vendo quen argallou o trato dos rifles cos indios, que foron os dous fillos, o carnal e o adoptado. Incluso o pai o descubre case de casualidade, e un deles vese “obrigado” a case matalo para que non o faga. SPOILER: o xiro curioso do final fai que Vic, o fillo adoptado supostamente sensato, é quen acaba sendo o máis malo da historia, cousa que non semellaba lóxica no medio da película.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-05-2020 13:06
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal