Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A amnesia de Clío

Onte botaban na TVG2 ?A amnesia de Clío?, a última ópera galega estreada. Esta foi composta por Fernando Buide, con libreto de Fernando Epelde. A produción escénica correu a cargo da compañía de teatro Voadora, o que xa garantiza un certo grao de excentricidade. A música foi interpretada pola Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Paul Daniel. E tamén participa, actuando activamente no escenario, o coro Orfeón Terra A Nosa.

Entendo moi pouco do tema, pero creo que só se escribiron tres óperas galegas. A primeira ópera galega foi ?O Mariscal?, baseada na vida de Pardo de Cela. A obra orixinal foi escrita por Ramón Cabanillas, e a ópera foi composta por Eduardo Rodríguez Losada, e estreouse en 1929. A segunda foi ?O arame?, do compositor Juan Durán, sobre libreto de Manuel Lourenzo, e estreada en 2008.

A min a ópera non me gusta demasiado, recoñézoo. Nalgún momento do pasado emocioneime e pensei que, como din algúns, a ópera era o espectáculo escénico total, pero despois de asistir a algunhas (ben poucas), decidín deixalo. Normalmente, os escenarios son grandiosos e fantásticos. As historias adoitan estar bastante ben. A música clásica non me desagrada, e algunhas das óperas clásicas non están nada mal. Pero despois veñen os problemas. Non se pode discutir que as líricas son as mellores voces, pero outra cousa é que me agrade oílas (e creo que non son o único). Os tonos tan agudos e graves e a forma de cantar resúltame moi pouco atractiva. Na miña opinión, ter unha voz tan marabillosa e aproveitala para iso, non sei, non o vexo. Por outra banda, o desenvolvemento das historias na ópera adoita ser moi pesado e repetitivo, a historia avanza moi lenta, teño entendido que por condicionantes musicais. Aparte claro de que, como non resulta nada doado entender o que están dicindo os cantantes, é preciso repetilo varias veces. Algunha razón haberá para que poñan letreiros electrónicos onde se van lendo os textos traducidos (cando hai que traducir, claro) ou o propio texto sen traducir. Onte, na televisión, tamén poñían subtítulos, porque senón, calquera entendía o que estaban cantando....

Porque se xa é difícil entender o que din cando cantan, xa non digamos nunha obra como esta, cuxo argumento é bastante excéntrico. Tiven que lelo en crónicas xornalísticas e críticas, porque senón, é bastante difícil de deducir. Máis ou menos vai, polo visto, de que unha activista política (teoricamente inspirada na italiana Cicciolina) critica a políticos como George W. Bush, que agora se dedica a pintar veteranos das guerras que el provocou coa súa estupidez. E a activista política acaba converténdose en Clío, a musa da historia. Na obra tamén se fala de Ángela Merkel, hai referencias a Mónica Lewinsky. Pero vaia, xa vos digo que non resulta moi doada de seguir.

A escenografía é moi curiosa, e non está nada mal. A parte esquerda do escenario está pintada e iluminada dun verde intenso. E a parte dereita está pintada e iluminada dun vermello intenso. E os integrantes do Orfeón Terra A Nosa aparecen normalmente en grupo, estando habitualmente as mulleres vestidas de branco, e os homes de etiqueta. Os contrastes cromáticos son moi poderosos. Xa sabemos que Voadora manexa moi ben eses códigos.

E rematamos co curioso elenco dunha ópera galega. Aparte do coro e a orquestra, participan a soprano Raquel Lojendio (canaria), o barítono Sebastiá Peris (valenciano) e a mezzo Marina Pardo (cántabra), que cantan en galego perfectamente. Interesante experimento. Non sei se é que non hai moitos cantantes galegos, ou foi outra razón.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-05-2020 10:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0